Domingos Merino, A Coruña que puido ser

Domingos Merino, en María Pita © Homenaxe a Domingos Merino

Foi o primeiro alcalde da Coruña despois do franquismo. Os cinco concelleiros obtidos, contra todo prognóstico, por Unidade Galega e o posterior apoio da esquerda converteron a Domingos Merino Mexuto en rexedor dunha cidade que, controlada como estaba polos "poderes fácticos" e a burguesía propia da ditadura, viu como un home traballador de Monte Alto, republicano, de esquerdas e nacionalista se convertía no seu líder.

Domingos Merino foi o alcalde dunha localidade moi afastada dos tópicos que aínda hoxe en día se escoitan e que teñen moito máis que ver coa figura e o localismo impulsado logo por Francisco Vázquez e a súa corporación municipal que coa realidade da súa maioritaria e popular poboación. Entre 1979 e 1981 ostentou a alcaldía un rexedor que o vindeiro 29 de abril recibirá unha homenaxe no Circo de Artesáns da Coruña, 35 anos e dez días despois de que asumise o seu cargo. Aquel 19 de abril de 1979 no que un alcalde electo volvía a María Pita 43 anos despois e que izou a bandeira galega e retirou un busto do ditador Franco da sede municipal nada máis chegar. O último alcalde eleito por vontade popular, Alfredo Suárez Ferrín, fora deposto polas armas o 22 de xullo de 1936, sendo fusilado dous meses despois.

"De súpeto aparece un alcalde que nada tiña que ver co perfil franquista ao que estabamos afeitos; el era unha persoa das nosas"

"Cando el chegou á alcaldía eu tiña 13 anos e foi un momento de shock; a cidade fervía en creatividade ao rematar a ditadura con colectivo poético De Amor e Desamor, a efervescencia dos pintores, o jazz... E de súpeto aparece un alcalde que nada tiña que ver co perfil franquista ao que estabamos afeitos; el era unha persoa das nosas, tan nosa que vivía no outro lado do patio de luces da miña casa, na rúa Marconi", relata o músico Xurxo Souto.

"A Coruña sempre tivo esa pulsión creativa que lle dá a súa propia natureza, o feito de estar chantada no Atlántico coma se fose  un barco, pero tamén esa outra alma provinciana, gris, escura e un tanto elitista"

El, coma moitos outros, lembra "a novidade e impacto" que supuxo naquela Coruña que un rapaz das Atochas de Monte Alto, un traballador dun dos barrios máis populares da cidade e galegofalante fose o rexedor. Representaba unha das dúas almas da urbe ás que sempre alude Souto. "A Coruña sempre tivo esa pulsión creativa que lle dá a súa propia natureza, o feito de estar chantada no Atlántico coma se fose  un barco, pero tamén esa outra alma provinciana, gris, escura e un tanto elitista". Esa última alma, e os seus representantes (a burguesía económica, a Igrexa e os poderes fácticos) nunca viron en Domingos o seu alcalde.

"As forzas e poderes fácticos da Coruña asustáronse porque despois de corenta anos de total dominio económico e social, logo de décadas poñendo e quitando alcaldes, viron como se poñía en perigo o seu poder, tanto no político como en aspectos tan relevantes como o urbanismo", relata Manuel Monge, escritor e ex concelleiro polo BNG na cidade, que lembra como Domingos Merino "decidiu poñer os plenos ás oito da tarde para que a xente puidese asistir e participar".

"Promulgouse un mecanismo de participación cidadá que hoxe en día sería denunciado polo PP; foi un revolucionario en moitos sentidos e iso non gustou"

"Había colas para poder entrar e promulgouse un mecanismo de participación cidadá que hoxe en día sería denunciado polo PP; foi un revolucionario en moitos sentidos e iso non gustou", engade. "Para os sectores instalados no poder era un ser estraño, un elemento a bater porque representaba á Coruña máis popular, máis creativa e máis culta. En clave galega, era o mundo ao revés. Era molesto para esa contorna pero deixou unha pegada de simpatía enorme", insiste Xurxo Souto, que cre que reivinciar a ese primeiro alcalde tras o franquismo é tamén reivindicar unha cidade afastada dos tópicos, a que logo se encargaron de ir "laminando" os diferentes gobernos municipais. "Sufriu un boicoteo total", engade Monge.

“o goberno de Domingos Merino era un goberno cordial, no que era posible buscar alianzas para que primase o ben da cidade. E en cambio o que fixeron foi crear unha coalición contra el”

Despois de chegar á alcaldía en 1983 Francisco Vázquez impuxo un modelo de cidade, con tanta eficacia, que mesmo puido parecer que non había altervativa. A cidade dos grandes centros comerciais, a cidade dos aparcamentos subterráneos, a "cidade de servizos", como literalmente defendeu o alcalde do PSOE. Fronte a ese modelo, Camilo Nogueira escribira un artigo de fondo no que defendía unha outra A Coruña, unha "cidade industrial e portuaria", unha análise á que o tempo lle foi dando a razón. “O centro da Coruña aínda sofre os efectos desas políticas erradas”, destaca Nogueira.

Para Camilo Nogueira, que compartiu actividade política con Merino tanto en UG, coma no PSG-EG coma no BNG, “o goberno de Domingos Merino era un goberno cordial, no que era posible buscar alianzas para que primase o ben da cidade. E en cambio o que fixeron foi crear unha coalición contra el”. “Creo que fixo un gran papel como alcalde da Coruña", conclúe Nogueira, pero "tivo, por desgraza, moitos contrincantes, mesmo algúns inesperados”. Nogueira destaca, ademais, que “sempre foi unha persoa cordial, sempre o considerei un bo amigo, e estou seguro de que el tamén o fai”.

"A outra Coruña segue viva e presente e reivindicando a Domingos tamén reivindicamos esa alma"

"Segue a existir ese tópico de que, por exemplo, A Coruña é monolingüe en castelán e é un tópico que é difundido tamén por finos analistas destes país que presumen de selo; cando dicimos, con datos, que esta é a cidade onde máis xente fala galego en termos absolutos, non o cren. E non o cren porque Francisco Vázquez encargouse despois de facer toda esa campaña localista e antigalega", conta Xurxo Souto, que cre que "toda a creatividade" da urbe "resistiu" malia todo. "A outra Coruña segue viva e presente e reivindicando a Domingos tamén reivindicamos esa alma".

"Lois Pereiro, Radio Océano, Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Lino Braxe... Todos estes persoeiros e moitos máis debían ter sido mimados polo Concello, pero foron afastados e perseguidos durante anos. Malia todo, e a pesar do goberno municipal, a cultura galega seguiu viva. Todo o que son eu débollo a aquela época coetánea con Domingos", insiste Xurxo Souto, que coincide con Manuel Monge ao afirmar que "a imaxe que se transmite da Coruña de pouco galega non ten nada que ver coa realidade". "Só hai que pasear polos barrios ou ir ás tendas para comprobalo".

"O balance que se fai do seu paso pola alcaldía ten moita falta de valoración política e queda en aspectos anecdóticos como que non apoiase o Rei tras o 23-F ou que non recibise certas autoridades con garavata", lembra Monge, que cre que "o problema de fondo" é que o alcalde nacionalista e de esquerdas "representaba unha alternativa política ao existente". "Rachaba cos moldes e por iso foi acosado e perseguido", engade quen non comprende como aínda se pode dicir "que estivo mal aconsellado".

"Chegou Francisco Vázquez, que era o candidato do capital, da Igrexa e do poder económico, e o primeiro que se fixo foi dar por finalizado o proxecto urbanístico que pretendía evitar a especulación"

"Se non apoiou o Rei é porque foi consecuente coas súas ideas republicanas, igual que outros grupos municipais da actualidade tampouco o farían. Quen apoia realmente a monarquía na rúa?", pregúntase Monge, que lembra como tras a súa dimisión, e logo de meses de acoso, os poderes da Coruña "puxeron todo no seu sitio". "Chegou Francisco Vázquez, que era o candidato do capital, da Igrexa e do poder económico, e o primeiro que se fixo foi dar por finalizado o proxecto urbanístico que pretendía evitar a especulación; logo pasou o que pasou e chegaron os atropelos que todos puidemos ver", asegura. "Negreira, o actual rexedor, non é máis que a continuación no poder da figura que apoian os poderes fácticos da cidade", insiste.

Non obstante, a súa figura segue a ser esquecida. Máis que esquecida, "agochada e invisbilizada", como lembran os que o coñeceron de preto. A homenaxe que o vindeiro martes se lle dará na Coruña pretende reivindicar a súa figura, a súa época e, tamén, o que puido ser e non foi. Ou non foi de todo.

Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.