A Xunta ocultou 447 incendios no que vai de agosto

Rueda e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, seguindo este luns a evolución dos incendios CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Rural revela que ata este luns "levamos rexistrados 492 incendios só no mes de agosto", pero o seu departamento só divulgou información de 44 nese mesmo período

"Cada día aparecen 30 novos incendios en Galicia, de 30 a 35 lumes diarios que se apagan practicamente todos eles, e tamén teño que dicir que no que vai de agosto a día de hoxe levamos rexistrados 492 incendios só no mes de agosto, é dicir, 370 incendios máis dos que houbo o ano pasado". As declaracións son da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha entrevista este luns coa Cadena SER. Unhas cifras que revelan que a Xunta ocultou ata este luns 447 incendios no que vai de mes, xa que só divulgou información de 45 durante este mesmo período.

A información agora facilitada pola conselleira do Medio Rural incide no camiño xa iniciado polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cando aínda estaba a comezar a vaga de incendios, o 12 de agosto, informou de que no que ía de mes ata aquel momento "se están extinguindo polos servizos da Xunta de Galicia arredor de 30, 35 lumes diarios, que son para que se fagan unha idea 250 máis dos que houbo que extinguir no mesmo período do ano pasado". 

Tras a chegada de Feijóo á Xunta o Goberno galego só divulga os incendios que superan as 20 hectáreas ou os que afectan a espazos protexidos ou poboados

Nin Rueda nin a súa conselleira aclararon se a comparación deste agosto co do ano pasado a estaban a facer cos incendios divulgados daquela ou co total, incluídos os ocultados. Do cruce de cifras pode extraerse que a comparación é cos incendios do ano pasado que tampouco se divulgaron, xa que durante todo o mes de agosto de 2024 a Xunta só informou de cinco incendios, catro deles despois destas datas e só un, en Ponteareas, iniciado antes, o 16 de agosto. Isto é, se este ano foron ocultados 447 incendios en medio dunha gran crise, o pasado ano, sen ningunha situación extraordinaria, a Xunta revela agora que ocultara 121.

Información de incendios na web de Medio Rural no verán de 2006 e un dos partes diarios que difundía a Consellería na etapa do bipartitoInformación de incendios na web de Medio Rural no verán de 2006 e un dos partes diarios que difundía a Consellería na etapa do bipartito CC-BY Praza Pública

A esta situación de ocultación masiva de incendios, dos que a Xunta apenas divulga un de cada dez, chégase porque o Goberno galego só comunica os incendios que superan as 20 hectáreas ou os que afectan a lugares poboados ou espazos protexidos. Un criterio que a Xunta comezou a adoptar tras a chegada ao Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo, logo que de que durante o anterior goberno de PSdeG e BNG se divulgase máis información e de xeito máis sistemático, como fan na actualidade, con moitos máis medios tecnolóxicos, outros gobernos do PP como a Junta de Castilla y León.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.