O verán semella estar a ser razoablemente "bo" en Galicia no que atinxe á superficie ardida en incendios forestais. Semella, se ben máis de dous meses despois do comezo da temporada de alto risco de incendios, o 1 de xullo, é imposible coñecer con exactitude canto, cando e onde ardeu o monte galego. A razón é a a restrición informativa sobre os efectos do lume aplicada por décimo ano consecutivo dende a Consellería do Medio Rural. Esta política levou o Goberno galego a divulgar detalles de apenas media ducia de focos en xullo e agosto mentres só nas dúas últimas semanas bombeiros e axentes forestais, así como concellos ou cidadanía a título individual revelou cando menos unha vintena de incendios, a maioría de escasa dimensión.
Os incendios revelados pola Xunta durante o período de alto risco suman unhas 365 hectáreas, atendendo ás estimacións publicadas por Medio Rural. O de maior impacto sería o que atinxiu o Concello de Monterrei entre o 29 de agosto e o 2 de setembro, con 126,15 hectáreas ardidas na parroquia de Vilaza, detallou a Consellería. O segundo de maior dimensión sería o que foi dado por extinguido en Quiroga este 4 de setembro, cunhas 100 hectáreas.
Medio Rural informou dende o 1 de xullo de apenas media ducia de incendios que suman unhas 365 hectáreas; só nas dúas últimas semanas axentes e bombeiros forestais revelaron focos de lume nunha vintena de municipios galegos
A continuación estaría, con 99,16 hectáreas, un dos tres focos que castigaron en agosto o parque natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso. Ese mesmo espazo natural sufriu outros dous incendios, un de 13,68 hectáreas e outro, de 3,2. Con estes datos remata a información oficial, que a Xunta ofrece a través do seu sitio web, con comunicados á prensa e mediante a conta de Twitter do 085, creada pola Xunta en 2013 e que segundo reitera o Goberno galego en cada nota ao respecto, "ofrece toda a información actualizada sobre incendios forestais". Así e todo, esta canle foi neste 2018 mostra das devanditas restricións: mantívose en silencio dende o 1 de xullo ata o 22 de agosto e antes fixera o mesmo dende o 20 de maio.
A opacidade da información gobernamental sobre os aparentemente escasos incendios deste 2018 contrasta cos datos e imaxes que, fundamentalmente a través das redes sociais, divulgan colectivos profesionais como os bombeiros forestais ou tamén os axentes forestais e medioambientais, colectivo en folga en reclamación de mellora das súas condicións laborais -pero con servizos mínimos de ata o 100%- encargado de dirixir os dispositivos de extinción. Estas fontes revelan que só nas últimas dúas semanas de agosto houbo tamén incendios en concellos como Rodeiro, Cartelle, Rianxo, A Mezquita, Laza, Cualedro, Negreira, A Pobra do Caramiñal, Cangas, Becerreá, Toén, Oímbra, Manzaneda, A Pobra de Trives, Maceda, Vilardevós, Carballeda de Valdeorras, Montederramo, Ares ou Xunqueira de Espadanedo. A práctica totalidade deles foron de dimensións escasas e a Xunta non informou de ningún.
Dez veráns de atranco informativo
A actual política de restrincións informativas sobre os incendios forestais é aplicada dende o ano 2009. Cando o PP regresou á Xunta puxo fin ao modelo instaurado pola Consellería do Medio Rural do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Nesa etapa, baixo a dirección do ex-conselleiro Alfredo Suárez Canal, o departamento autonómico informaba os medios de comunicación e a cidadanía en xeral de todos os incendios forestais con partes diarios que detallaban o lugar exacto do foco e a superficie atinxida, entroutros datos.
Ao regresar á Xunta en 2009 o PP eliminou os partes cos que Medio Rural informaba dúas veces ao día de todos os incendios
Coa volta dos populares ao poder foi instaurada a restrición agora vixente para non xerar "alarma social", segundo alegaran daquela. Medio Rural só informa por iniciativa propia dos incendios que superan as 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, unicamente dos que poñen en perigo zonas habitadas ou espazos como as áreas naturais protexidas. Todos os demais focos de lume fican ocultos agás que un medio de comunicación ou cidadán se dirixa á Consellería e pregunte especificamentepor un incendio en concreto.
Deste xeito, a cantidade total de superficie ardida só é coñecida a mediados do ano seguinte, cando o Ministerio de Agricultura fai pública a súa estatística de incendios forestais con datos fornecidos polas comunidades autónomas e cando a propia Xunta publica a actualización anual do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), que inclúe o balance do exercicio anterior. Ningún dos dous documentos detalla todos os incendios, por tratárense de resumos anuais.
Opacidade en Galicia, transparencia en Castilla y León
A Junta de Castilla y León, tamén gobernada polo PP, segue un modelo semellante ao da Xunta de 2005 a 2009, con dous partes diarios que inclúen todos os incendios
O modelo de opacidade informativa sobre os incendios forestais instaurado pola Xunta dende 2009 contrasta coa transparente política informativa na materia que desenvolve a Administración competente na autonomía habitualmente máis afectada polos incendios despois de Galicia, Castilla y León.
Alí a Junta -o Goberno autonómico, tamén encabezado polo PP-, ofrece cada día do período de alto risco dous partes diarios cos "datos significativos" de todos os incendios, tales como concello afectado, posible causa e superficie atinxida polas lapas. Trátase de partes moi semellantes aos elaborados pola Xunta na lexislatura do bipartito, eliminados polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo para, segundo alegou daquela o Executivo, evitar a "alarma social".