Os incendios arrasaron 62.000 hectáreas en Galicia durante 2017, o 80% durante a gran vaga de outubro

Bombeiros forestais nun incendio en Vilariño de Conso en outubro de 2017 © MAPAMA

Apenas dous días tornaron o 2017 no ano máis destrutivo para os montes galegos nunha década. O Ministerio de Agricultura vén de pechar o seu primeiro balance dos incendios forestais no ano pasado e revela que en Galicia arderon case 62.000 hectáreas. Foron, concretamente, 61.901,67 das que practicamente o 80% quedaron arrasadas na vaga de lume do mes de outubro, na que segundo os datos provisionais revelados pola Xunta o pasado novembro, arderon 49.171.

A superficie ardida durante 2017 en Galicia é a máis elevada nunha década e practicamente triplica a do ano anterior

Mentres o Goberno galego ultima a presentación do seu plan contra incendios para 2018 -a Xunta adoita aprobar o Pladiga ás portas do verán pero desta volta, aguilloado pola catástrofe de 2017, prevé lanzalo esta mesma semana-, que cada ano inclúe as cifras do ardido no exercicio anterior, a estatística do Ministerio ratifica que os montes galegos viviron o peor ano dende a gran vaga de 2006, que á súa vez fora a máis intensa en dúas décadas.

En Galicia ficaron calcinadas case o 40% das hectáreas ardidas en todo o Estado -166.902,47- cun balance que practicamente triplica o de 2016, cando arderan algo menos de 22.000 hectáreas. Na estatística destaca, ademais, a gran superficie arborizada que ardeu no país durante 2017, case 30.000 hectáreas -no ano previo non chegaran ás 9.000-, se ben cómpre agardar ata a estatística definitiva, dentro de tres ou catro anos, para coñecer polo miúdo que especies de árbores foron as máis afectadas polas lapas.

Os grandes incendios forestais triplicáronse e neles arderon dúas de cada tres hectáreas

Despois de que, un ano máis, a Consellería do Medio Rural optase por aplicar unha política informativa de ocultación parcial, silenciando os incendios de menos de 20 hectáreas e non ofrecendo partes completos con todos os puntos de Galicia afectados polo lume, os datos do Ministerio acreditan a magnitude do acontecido. Non en van, durante o ano pasado o país padeceu ata 22 grandes incendios forestais -cualificación técnica para os de máis de 500 hectáreas-, case tres veces máis que en 2016 e todos eles en outubro. Nestes grandes incendios arderon 40.898 hectáreas, isto é, dúas de cada tres hectáreas ardidas en todo o ano.

O foco máis destrutivo foi o iniciado en Ponteareas o 15 de outubro

Os datos oficiais reflicten ata que punto foi catastrófico o domingo, 15 de outubro, a xornada na que a mestura de lume e vento propiciou incontables focos por toda Galicia e practicamente unha vintena de grandes incendios forestais. O máis extenso, din as cifras, foi o orixinado no Concello de Ponteareas, no que arderon case 9.000 hectáreas. Destaca tamén o incendio que arrasou case 6.000 hectáreas en Melón e as practicamente 3.000 hectáreas de monte perdido nas Neves, o concello considerado 'zona cero' daquela vaga. Naquel día tamén arderon máis de mil hectáreas nun só incendio en Caldas de Reis, Baños de Molgas, San Cristovo de Cea, Nigrán, Gondomar e Parada de Sil.

A incidencia destes grandes incendios forestais no balance total volve ser obvia un ano máis. Non en van, aínda que arderon case tres veces máis hectáreas que un ano antes o número de incendios non se incrementou na mesma medida: rexistráronse 3.249, un 35% máis que no ano previo. A cifra é, por exemplo, practicamente a metade que no ano 2011, cando arderan 20.000 hectáreas menos, e non chega nin ao 50% do número de incendios rexistrados no ano 2006, o ano con máis monte ardido en Galicia no que vai de século.

Ourense é a provincia con máis superficie ardida foi a maior do Estado tras triplicar a de 2016; en Lugo ardeu dez veces máis monte que no ano anterior

A combinación de meteoroloxía moi adversa, con moita calor e fortes ventos, en intervalos moi curtos de tempo -neste caso, a devandita fin de semana de outubro-, deixa un mapa do lume en 2017 no que o cadrante noroeste da península ibérica destaca sobre todos os demais territorios da contorna. As lapas golpearon con dureza o norte de Portugal -non en van, a enorme intensidade dos seus incendios chegou a xerar unha nube que evitou unha catástrofe maior en Galicia, segundo acredita a investigación oficial do sucedido- e fixeron o propio con Galicia, pero tamén con Asturias e as provincias de León e Zamora.

No rexistro provincial, así e todo, Ourense volve destacar como a área con maior superficie ardida, 30.000 hectáreas que case triplican o ardido en 2017 e que están un chisco por riba das ardidas en Asturias, que superou as 27.000. As diferenzas no resto de Galicia con relación ao ano previo son tamén mostra da dureza da vaga de lume de outubro: en Pontevedra ficaron arrasadas máis de 21.000 hectáreas -en 2017 non chegaron ás 5.000-, en Lugo arderon 8.200, case dez veces máis que nos doce meses anteriores. Na Coruña, no entanto, ardeu menos que en 2017: 2.256 hectáreas fronte ás 3.900 do ano previo, e foi a única provincia galega sen ningún gran incendio forestal.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.