A Xunta afronta os meses de risco de incendios limitando a información por noveno ano consecutivo

Incendio forestal en Manzaneda a pasada primavera © Brif Laza

Este xoves o Consello da Xunta aprobou o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) para 2017, a "actualización" anual do documento que dende hai unha década condensa todo o dispositivo de loita contra o lume en Galicia, tanto o que depende directamente do Goberno galego como o achegado polos concellos e polo Goberno de España. O proxecto ve a luz a escasos días do inicio do período de alto risco, o vindeiro día 1 de xullo, unha temporada de incendios na que por noveno ano consecutivo a Consellería de Medio Rural limitará a información que difunde ao respecto, evitando revelar a totalidade de incendios e hectáreas queimadas ata mediados do ano seguinte malia aos bos resultados dos últimos anos.

A Xunta vén de aprobar o Pladiga 2017

Nas súas grandes magnitudes o Pladiga é practicamente idéntico ao do 2016. Así, volve contar con ata 303 "medios de actuación" -brigadas terrestes e aéreas-, ata 12 medios aéreos do Estado, ata 177 medios terrestres da Xunta e un total de 17 medios aéreos dependentes do Goberno galego, un menos que no ano anterior. No que atinxe ao persoal as tres Administracións suman un total de 5.767 persoas, as mesmas que en 2016, as cales, recalca a Xunta, poden chegar a roldar as 7.000 sumando o "reforzo ao dispositivo".

Medio Rural só informa dos incendios superiores a 20 hectáreas

Todas elas actuarán nun contexto no que a Consellería manterá a doutrina vixente dende o retorno do PP á Xunta en 2009, segundo a cal só son revelados aos medios de comunicación e á poboación en xeral os incendios que superan as 20 hectáreas de extensión ou os de menor superficie só se poñen en perigo á poboación pola súa proximidade a zonas habitadas. Dos demais Medio Rural só informa baixo "demanda", isto é, se a prensa ou a cidadanía se dirixe á Consellería e consulta por un foco en concreto. A razón, segundo indicara en 2009 o Executivo e recollera a desaparecida edición galega de El País, era non xerar "alarma social" e, adicionalmente, evitar que os medios "non reflictan" os datos de incendios e hectáreas ardidas "tal e como se dan". Estas son as directrices que seguen tamén a conta de Twitter creada pola Xunta en 2013 para informar sobre a incidencia do lume no monte.

O modelo do bipartito e as críticas de Feijóo

O modelo informativo implantado en tempos do conselleiro Samuel Juárez mantívose tanto no seu funcionamento como nas súas motivacións coas dúas seguintes titulares da Consellería. Tanto con Rosa Quintana -mentres Medio Rural estivo fusionada con Mar- como con Ángeles Vázquez, actual conselleira, óptase por unha política moi semellante á dos gobernos de Manuel Fraga -o director xeral con responsabilidade directa sobre os incendios dende 2009, Tomás Fernández-Couto, xa exercera este cargo entre 1996 e 2005- e radicalmente distinta á implantada na etapa do Executivo de PSdeG e BNG.

Na etapa do bipartito Medio Rural ofrecía dous partes diarios con todos os incendios que afectaban aos montes galegos

Nos anos en que este departamento do Goberno galego estivo dirixido por Alfredo Suárez Canal o sistema de información de Medio Rural incluía todos os incendios declarados en Galicia con detalle sobre o concello e parroquia en que se declaraban, as horas de inicio, control e fin, os medios que actuaban neles e as hectáreas ardidas. Estes partes eran difundidos pola Consellería dúas veces ao día -ás 13:00 e ás 19:00- a través do seu sitio web e por medio de comunicados á prensa, que ademais recibía información adicional se a solicitaba por vía telefónica. A mesma web ofrecía ademais datos acumulados por mes e ano e as súas comparacións. 

Información de incendios na web de Medio Rural no verán de 2006 e un dos partes diarios que difundía a Consellería na etapa do bipartito

Este foi o sistema de información que a Xunta empregou durante a gran vaga de incendios do verán de 2006, a que segue sendo a peor no último cuarto de século. Os devanditos partes diarios chegaran a cuantificar nunha nefasta primeira quincena de agosto máis de cen incendios distintos por día. Se cadra por iso ao ano seguinte, en 2007, o departamento de Suárez Canal dera en anunciar unha mudanza de política informativa, restrinxindo algúns dos datos. Esa variación non chegara a realizarse, toda vez que ante as primeiras críticas o conselleiro dera en recuar, comprometéndose a fornecer de novo información "minuciosa, rigorosa e abundante".

En 2007 a Xunta preveu reducir a información, pero recuou ante as primeiras críticas. Feijóo consideraba que ocultar datos era "un erro" que "non vale de nada" e vía a publicación "unha motivación para denunciar" os incendiarios

Entre as voces máis críticas co recorte informativo que non se chegara a aplicar estaba a de Alberto Núñez Feijóo, que na altura levaba pouco máis dun ano no liderado do PPdeG. "En Galicia temos moi mala experiencia en limitación de información" no eido forestal, advertira o actual presidente a Suárez Canal, a quen instaba a non "sucumbir" á "tentación" de "ocultar" datos sobre os incendios, porque "non vale de nada". "Dar toda a información" sobre as hectáreas queimadas, sinalaba o líder do PPdeG, era "unha motivación para denunciar con máis énfase aos incendiarios e para traballar máis se as cifras van mal", por iso ocultar datos suporía "un erro", sinalaba.

Tras a vaga de 2006 o PP receou da cifra oficial de 77.000 hectáreas ardidas e defendeu como "obxectivo" que arderan unhas 180.000 baseándose nunha web con fotos de satélites da NASA 

Aquel verán o PP polemizara tamén coa Xunta, tanto a través de Feijóo como dende a súa dirección estatal, sobre o número de hectáreas queimadas na gran vaga de lume. O 14 de agosto, véspera do remate dos grandes incendios pola chegada das chuvias, o propio Feijóo divulgou á prensa un informe baseado nunha web de mapas -a desaparecida mapasnet.com, que recollía fotografías de satélite da NASA- no que o PP concluía que nunha semana arderan 175.486 hectáreas. Poucos días antes antes Feijóo cifrara o ardido en 50.000.

Tres días despois, o día 16, Medio Rural concluíu as medicións da catástrofe e ofreceu a cifra oficial, 77.000 hectáreas, que ficou ratificada despois nos balances definitivos tanto da Xunta como do Goberno central na súa estatística de incendios forestais. Tras a difusión destes datos o PP trasladara a controversia a Madrid a través de quen na altura era o seu voceiro parlamentario, Eduardo Zaplana, quen considerou "escandaloso" que a Xunta defendese que ardera menos de 180.000 hectáreas, dato que defendeu como "obxectivo" e produto da "descoordinación" dos gobernos galego e central. Entre as causas da "flagrante neglixencia" que dera lugar aos incendios Zaplana destacaba unha: a intención de Zapatero de "parcelar España e facer do Estado un mero residuo".

Brigadistas a traballar na extinción dun incendio en Cartelle Dominio Público Brif Laza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.