0 Gardados para despois

Os incendios queimaron 21.000 hectáreas en Galicia durante 2016, case o dobre que o ano anterior

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un mal verán, con case un 80% máis de hectáreas queimadas nos montes galegos que o anterior e dez veces máis superficie arrasada polas lapas que no excepcional 2014. O segundo peor balance dende a gran vaga de lume de 2006, como xa facían augurar os balances provisionais do outono. E, malia todo, moito mellor que as durísimas campañas de incendios dos anos 80 e 90 do século pasado ou menos que na anterior década. 

O lume queimou case 9.000 hectáreas de monte arborado 

Os incendios forestais arrasaron durante o ano 2016 un total de 21.112,19 hectáreas en Galicia. Delas, algo máis de 8.800 foron de superficie arborizada -en 2015 foran unhas 4.500- e as restantes 12.266, de monte raso. O Ministerio de Agricultura vén de pechar o balance dos efectos do lume correspondente ao pasado ano, no que arderon en todo o estado case 60.000 hectáreas -unha redución anual de algo máis de 30.000- e que no caso galego trae consigo, ademais do segundo ascenso interanual consecutivo, a maior superficie de monte arborizado ardido dende o ano 2011, o que polo momento segue sendo o peor ano da década para os incendios forestais en Galicia.

Os 8 grandes incendios rexistrados a mediados de agosto e comezos de setembro arrasaron unhas 11.000 hectáreas, máis da metade de todo o ardido durante o ano

Nun contexto no que, como cada ano dende 2009, a Consellería do Medio Rural adoita non informar en tempo real dos incendios superiores ás 20 hectáreas, os datos do Ministerio demostran que o groso da superficie ardida en Galicia durante 2016 chegou nos incendios da fin do verán. Concretamente, entre a segunda e a terceira semana de setembro, cando tres concellos da provincia de Ourense -Entrimo, Cualedro e Oímbra- perderon practicamente 6.000 hectáreas de monte en cadanseus incendios. O de Entrimo foi, con case 3.000 hectáreas, o peor incendio do verán e do ano.

Estes tres incendios, xunto ao acontecido en Arbo nos primeiros días de agosto, forman parte dos considerados polos profesionais da extinción como grandes incendios forestais por queimar máis de 500 hectáreas de monte. Durante 2016 o país sufriu 8 deses incendios -rexistráronse 22 en todo o Estado-, que arrasaron máis de 11.000 hectáreas. Así as cousas, en pouco máis de dúas semanas de meteoroloxía especialmente adversa -na primeira metade de agosto e no inicio de setembro- ardeu máis da metade de todo o ardido durante o ano.

O peso destes grandes incendios forestais foi determinante para que o número de hectáreas ardidas fose case o duplo que en 2015. Non en van, o pasado ano rexistráronse en territorio galego 2.400 incendios, 482 menos que nos doce meses anteriores. Prosegue así a tendencia descendente iniciada en 2011 tras dous anos de incrementos, 2009 e 2010, que así e todo xa estiveran moi lonxe dos maiores rexistros, os dos anos 90, cando chegaran a producirse máis de 15.000 incendios nun só ano. Dende o ano 2005, cando foron case 12.000, o ano con máis incendios foi o 2011, con algo máis de 6.300.

Dende 1976 ardeu o equivalente a máis do 55% da superficie de Galicia

Este balance provisional, aínda non feito público pola Consellería de Medio Rural malia ser a Xunta a que lle proporciona os datos ao Ministerio, amosa Galicia como a comunidade autónoma con maior superficie arrasada polos incendios, unha circunstancia que en 2015 non se deu por mor da vaga sufrida por Asturias. Un ano máis volve destacar no mapa a provincia de Ourense, cuxas case 11.400 hectáreas ardidas son máis do 50% das afectadas polas lapas en Galicia. 

Neste contexto, unha ollada á serie histórica dos incendios forestais permite concluír que a superficie forestal destruída polos incendios tende á baixa, pero aínda se mantén en cifras moi considerables en Galicia. Os datos acumulados dende 1976 amosan que nestes 41 anos o lume atinxiu a 1,6 millóns de hectáreas en Galicia. Ou, o que é o mesmo, o equivalente ao 55% do territorio galego.

Incendios forestais en 2016

Pasa por riba de cada provincia para consultares o dato de hectáreas ardidas

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.