0 Gardados para despois

Máis incendios, máis grandes e con máis risco para a poboación

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Máis incendios, máis grandes e con máis risco para a poboación. Esa é a evolución nas últimas horas dos lumes forestais que se veñen rexistrando fundamentalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra desde a noite do pasado domingo. Na noite deste xoves a Situación 2 de alerta, que contempla desaloxos por risco para a poboación, está activa en catro incendios, en Santiago, Porto do Son, Arbo e Crecente, que suman só entre eles máis de 3.300 hectáreas afectadas. Estas cifras deixan pequenos os incendios iniciados o luns e xa controlados de Cotobade, Caldas, Mondariz e Soutomaior, que suman unhas 1.100 hectáreas.

Situación dos principais incendios

-Santiago: Un incendio iniciado no mediodía do mércores na parroquia de Fecha que consumiu xa 800 hectáreas requiriu desaloxos e a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

-Porto do Son: Incendios iniciados nas parroquias de Baroña e Xuño acabaron uníndose e afectando a Queiruga e Caamaño e suman unhas 880 hectáreas, tamén con risco para a poboación e coa actuación da UME.

-Arbo: Un incendio iniciado na parroquia de Mourentán na noitiña do mércores afecta xa a 1.500 hectáreas, tamén con risco para a poboación.

-Crecente: Na tarde do mércores iniciouse un incendio na parroquia de Albeos que afecta a máis de 200 hectáreas e que tamén ameaza vivendas.

Ademais destes lumes con risco para a poboación, permanecen activos outros en Soutomaior (Arcade con 400 hectáreas e Soutomaior con 230 hectáreas), Cee (Toba, con 180 hectáreas), Avión (Nieva, con 345 hectáreas), e Vimianzo (Carnés, con 70 hectáreas).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A oposición carga contra a política forestal da Xunta

Nas últimas horas, a medida que foi aumentando a gravidade dos incendios, a oposición comezou a alzar a súa voz contra a política forestal da Xunta, á que atribúe parte da culpa dos lumes, máis alá da responsabilidade primeira e directa dos incendiarios. A primeira en cargar contra o Goberno galego foi a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, quen xa o martes salientaba que os incendios teñen “responsabilidades políticas”. Este mércores elevou o ton e acusou ao PP de “incentivar a industria do lume” coa súa política forestal. Pontón criticou que Feijóo diga que a culpa dos incendios a teñen “o vento, a seca e os incendiarios” e matizou que “teñen responsabilidade, pero tamén os que puideron tomar medidas para minimizar o impacto e fan o contrario”, con políticas forestais que fan “máis fácil queimar o monte”.

Desde o PSdeG, o seu candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga, di que os incendios constatan o fracaso da xestión forestal do Goberno galego. Leiceaga, que na tarde deste mércores visitou en Vilagarcía un dos lugares afectados polo lume, defendeu que se o monte non sexa unha fonte de gastos polo custo que require a extinción senón unha fonte de ingresos para que se poida vivir del. Porén, o socialista advertiu de que o cambio de política forestal “non vai ser cuestión dun ano nin de dous”. Leiceaga tamén dixo que os socialistas non van buscar unha “utilización partidaria” dos lumes e asegurou que esperará a que a campaña de incendios remate para impulsar as iniciativas políticas que consideran necesarias.

Outros socialistas con responsabilidades á fronte de administracións, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ofreceron nas últimas horas os bombeiros provinciais e locais, cuxa competencia son outro tipo de incendios, para botar unha man ás brigadas forestais da Xunta e o Goberno central onde sexa preciso.

Desde a contorna da Marea e Podemos, a falta dunha voz única son varios os cargos e agrupacións que se teñen pronunciado para criticar a política forestal da Xunta.

Desde o Goberno galego, pola súa banda, o presidente Feijóo e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, veñen apelando á unidade dos galegos fronte aos incendiarios e defendendo que o dispositivo autonómico de loita contra os lumes forestais, que cuantifican en 7.000 persoas, é o adecuado.