0 Gardados para despois

O lume queimou case 12.000 hectáreas nos montes galegos durante 2015

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un dos mellores anos da última década, pero ata un 400% peor que o ano anterior. O lume queimou nos montes galegos case 12.000 hectáreas durante o ano 2015, un balance que se encadra nos anos con menor superficie arrasada polas lapas nos últimos anos, pero que empeora moi notablemente o de 2014, cando con 2.002 hectáreas ardidas se acadou o mellor rexistro da serie histórica, que ofrece datos dende 1976. 

En 2015 arderon 11.800 hectáreas; son case 10.000 máis que no ano anterior, cando o rexistro fora o máis baixo da serie histórica

Á espera de que a Consellería do Medio Rural debulle esta información, o Ministerio de Agricultura ten xa pechado o avance de datos de incendios forestais no pasado ano, que no conxunto do Estado foi tamén notablemente peor que o exercicio anterior, con máis de 94.000 hectáreas queimadas nos montes fronte ás algo menos de 40.000 do 2014. No caso galego arderon 11.802,16 hectáreas, das que 7.311,48 se correspondían con superficie rasa -mato e monte baixo- e as restantes 4.490,66, con superficie arborada, que un ano antes apenas ardera -resultaran afectadas por incendios unhas 500 hectáreas con árbores-.

Nun ano no que o número de incendios se duplicou folgadamente a respecto do anterior -máis de 2.800 episodios en 2015 fronte a 1.200 de 2014-, o gráfico sobre estas liñas permite comprobar que as cifras son semellantes ás de 2009 (10.700 hectáreas) ou 2010 (case 15.000), están por riba de 2007 (7.051) ou 2008 (6.335) e, obviamente, moi por baixo de 2006, ano no que a peor vaga de lumes en dúas décadas arrasou máis de 95.000 hectáreas en case 7.000 incendios forestais por todo o país.

O peor, en Cualedro

Só no incendio de Cualedro ardeu máis monte que en toda Galicia no ano anterior

Aínda que o Ministerio non ofrece datos municipais -o grao de detalle do informe da Administración central, fornecida polas autonomías, só chega ás provincias-, os partes proporcionados dende a Xunta cando aconteceu cada un dos incendios -Medio Rural só informa dos incendios superiores a 20 hectáreas- xa permiten concluír que unha boa parte do incremento de hectáreas queimadas e do número de incendios a respecto do ano anterior concentrouse na provincia de Ourense. Alí un único incendio, o acontecido en Cualedro no mes de agosto, xa queimou maior superficie que toda a que ardera en Galicia en 2014.

Máis de 7.000 das hectáreas que arderon en Galicia situáronse na provincia de Ourense

Como informou Praza.gal a finais da campaña de verán, medio cento de concellos concentraban a inicios de setembro máis de 8.000 hectáreas queimadas e moitos deles situábanse en Ourense. Non en van, o balance final da provincia supera as 7.000 hectáreas. Manzaneda, Viana do Bolo, Carballeda de Valdeorras ou o propio concello de Ourense sufriron incendios significativos, algo que tamén sucedeu con especial intensidade en plena montaña de Lugo, en Navia de Suarna, onde a inicios do outono xa arderan máis de 400 hectáreas de montes na contorna do Courel.

Tal e como reflicte o mapa que acompaña esta información, os máis de 1.200 incencios acontecidos na provincia de Ourense durante 2015 levaron por diante unha superficie semellante á queimada nos territorios do Estado máis golpeados polo lume durante ese ano. Non obstante, o rexistro de Ourense, igual que o de toda Galicia, ficou notablemente lonxe das 20.000 hectáreas de Asturias, que sufriu unha importante vaga de incendios no mes de decembro, algúns deles moi próximos a Galicia. Naqueles días arderan en territorio galego unhas 300 hectáreas.

Incendios forestais en 2015

Pasa por riba de cada provincia para consultareas o dato de hectáreas queimadas

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.