0 Gardados para despois

O lume arrasa en Cualedro máis do que ardeu en toda Galicia en 2014

Redacción | @prazapublica

Unha nova fin de semana dramática cos lumes en Galicia. Desta vez, a provincia de Ourense foi a asolada polos incendios, especialmente o de Cualedro, cunhas 3.000 hectáreas arrasadas, segundo os cálculos actualizados pola Xunta este luns, que xa deu o lume por estabilizado. Ademais de veciños desaloxados, algún leve ferido e impactantes e tristes imaxes unha vez máis. No resto do territorio ourensán, dous focos en Viana do Bolo, outro en Manzaneda e algún máis no Barco de Valdeorras queimaron outras 700 hectáreas, 250 delas en Rede Natura. 

Só o incendio de Cualedro arrasou máis hectáreas das que arderon en toda Galicia durante o ano 2014

Tan só o incendio de Cualedro -que xa sufriu o lume máis importante de Galicia hai dous anos- arrasou máis do que ardeu en todo o país en 2014, o que fora o mellor exercicio da serie histórica -a Consellería de Medio Rural ofrece datos dende 1976-. Isto sucedera tras dous anos relativamente bos se son considerados en perspectiva -en 2012 arderon algo menos de 16.000 hectáreas e en 2013, algo menos de 20.000- e despois dun 2011 notablemente negativo, no que o lume arrasou máis de 42.000 hectáreas. Agora, 2015 empeza lamentablemente a sumar superficie para se situar tamén arriba no ránking. 

En Cualedro, o lume comezou a mediodía na aldea de Lucenza e estendeuse logo a municipios limítrofes como Baltar, Xinzo e Trasmiras e obrigou a un despregamento importante para uns traballos de extinción nos que colaborou a Unidade Militar de Emerxencias, que cooperaou cos medios da Xunta e de Medio Ambiente. 20 brigadas, 13 motobombas, 6 helicópteros, 9 avións, 9 axentes forestais e un técnico

O lume cercou varias casas e, segundo varios veciños, arrasou varias granxas nas aldeas de Cualedro

Moitos brigadistas, varios deles de forma voluntaria, traballaron arreo durante horas nun lume que cualificaron de "imparable" ou "alucinante", especialmente polo forte vento que dificultou os traballos de extinción e facilitou a rápida propagación das lapas. Pero tamén os veciños tiveron que colaborar para evitar que o lume arrasase as súas casas, xa que as lapas chegaron aos muros de varias propiedades en Gudín, Bouzo, Novás, Vilela, Moimenta ou Vilar das Lebres. Malia que o balance de perdas materiais non está confirmado, habitantes das aldeas falan xa de varias granxas destruídas, moitas delas cos animais dentro. 

A última hora do domingo, o incendio de Cualedro continuaba activo e xa superara esas 2.000 hectáreas, "o que o converte no primeiro Gran Incendio Forestal do ano en Galicia", segundo informou a propia Consellería de Medio Rural. En definitiva, unhas superficie semellante a 2.000 campos de fútbol, 2 quilómetros cadrados, que as últimas estimacións elevan a 1.000 máis.

Nas últimas horas tamén se rexistraron incendios en Pradocabalos, Viana do Bolo, con máis de 210 hectáreas arrasadas. Ademais, durante o domingo controláronse outros lumes como en Pexeiros (Viana do Bolo), Manzaneda, Cudeiro e O Barco de Valdeorras. En total, estes lumes arrasaron xa unhas 500 hectáreas. 

Superficie queimada en incendios forestais en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O PP evita que Feijóo compareza polos incendios e o sector lácteo

Por David Lombao

O 5 de setembro de 2006, apenas dúas semanas despois da peor vaga de lume en dúas décadas, o daquela líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, esixíalle á Xunta "falar de política" a respecto dos incendios para así dirimir as "graves responsabilidades" do Goberno de PSdeG e BNG cuxa "incompetencia", afirmaba, provocara a situación. Case unha década despois daquel durísimo verán as lapas seguen golpeando os montes galegos e é o PP quen rexeita vincular "política" e incendios. Nesta ocasión faino bloqueando a comparecencia de Feijóo no Parlamento mentres, en Cualedro, o primeiro gran incendio forestal da temporada xa arrasou máis superficie da que ardeu no país en todo 2014.

O debate a respecto da comparecencia do presidente produciuse no seo da Deputación Permanente do Parlamento, convocada a instancias de AGE e BNG e cuxa celebración foi adiada polos populares ata o límite legal, toda vez que en setembro a Cámara retoma a súa actividade ordinaria. "Ardeu en 8 horas máis que en toda a campaña de 2014", subliñou dende o Bloque Tereixa Paz, quen lamenta que "ante dous gravísimos problemas que asolan o noso medio rural -esixíase tamén a comparecencia a respecto do sector lácteo-" Feijóo prefira "permanecer parapetado tras os muros de San Caetano".

Tras a vaga de lume de 2006 o propio Feijóo esixiu "falar de política" a respecto dos incendios

O xefe do Executivo, salientou Antón Sánchez dende AGE, debera acudir ao Parlamento para aclarar se "vai insistir nas súas políticas" de "abandono" do rural, se vai "falar en serio" dos problemas forestais ou vai seguir "botándolle a culpa ao bipartito ou aos pirómanos". Todo, alerta, nun contexto no que nalgúns concellos -como A Gudiña ou Vilariño de Conso, cita-, as brigadas municipais contra o lume aínda están en pleno proceso de constitución.

AGE e BNG lembran que Feijóo simulou apagar un incendio cunha mangueira de xardín e lle "botou en cara os mortos" á Xunta

As peticións de comparecencia, apoiadas tamén polo PSdeG e o Grupo Mixto, bateron, como era previsible, contra a maioría absoluta do PP. A través de José Manuel Balseiro o grupo que sustenta o goberno fuxiu dos seus postulados en tempos da opsoición para rexeitar o "uso político dos incendios" que, afirma, fai a oposición. "A sociedade demanda un cambio de mentalidade, demanda un debate máis construtivo" e por iso, e "á vista das relevantes xuntanzas" mantidas pola Xunta a respecto do sector láctoe, "non procede acceder á petición de comparecencia".

Se o PP quere un "debate construtivo" vai ter que "facer terapia intensiva para cambiar o perfil", retrucou Antón Sánchez, toda vez que "o único que achegaron" ata o momento foi "acudir ao bipartito e insultar á oposición", dixo, mentres amosaba a imaxe de Feijóo, no verán de 2006, simulando apagar un incendio cunha mangueira de xardín. "Aínda me resoa o señor Feijóo botándolle en cara os mortos de 2006 ao Goberno que había daquela", acrecentou Tereixa Paz.