0 Gardados para despois

Máis de 70 incendios queimaron xa 8.500 hectáreas en 50 concellos galegos durante este ano

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O devastador incendio de Cualedro, que queimou máis de 3.000 hectáreas, permanece xa controlado tras levar por diante a vexetación e algunhas granxas, poñer en perigo varias aldeas e afectar tamén os concellos de Xinzo de Limia, Baltar e Trasmiras. O primeiro Grande Incendio Forestal (GIF) do ano en Galicia volveu deixar terribles imaxes logo de arrasar máis do que ardeu en Galicia en todo 2014 e supor máis da metade de toda a superficie queimada en Galicia durante o mes de agosto, atendendo aos datos que achega a Consellería de Medio Rural.  

O incendio de Cualedro queimo máis hectáreas que en todo 2014 en Galicia e máis da metade de todo o que ardeu no país este verán

E Cualedro sabe de sobra dunha problemática que asola Galicia a cada verán, case irremediablemente e a expensas da climatoloxía. Xa pode ser considerado o quilómetro cero do lume no país, tras sufrir en 2013 outro grande incendio que arrasou máis de 2.000 hectáreas e tamén foi o máis grave naquel ano. Neste, as lapas xa avisaron antes.

Poucos días antes de que se iniciase o enorme incendio, a parroquia da Xironda xa sufrira un incendio que levou por diante 314 hectáreas. A finais do mes de xullo, en Lucenza, parroquia onde comezou o Grande Incendio Forestal desta última fin de semana, xa arderan máis de 20 hectáreas. Xa que logo, Cualedro é un dos concellos máis afectados polos lumes este verán, ao igual que outros como Oímbra, con tres incendios importantes e unhas 300 hectáreas arrasadas; ou Viana do Bolo, con catro episodios e máis de 650 hectáreas devastadas.  

Cualedro sufriu dous lumes importantes que queimaron máis de 330 hectáreas poucos días antes do gran incendio da fin de semana

En total, e debullando os datos achegados pola Consellería de Medio Rural de seguimento dos lumes, Galicia acumula un mínimo dunhas 8.500 hectáreas arrasadas durante este ano, 85 quilómetros cadrados desde que a mediados de maio comezaron a rexistrarse lumes. Máis de 70 incendios importantes que afectaron 50 concellos no país, unhas cifras que tiran polo baixo, xa que a Xunta adoita dar conta só dos focos que superan as 20 hectáreas e o balance da campaña de verán non está nin moito menos rematado.

Galicia sufriu máis de 70 incendios que queimaron unhas 8.500 hectáreas en 50 concellos

Tan só o incendio de Cualedro arrasou máis do que ardeu en todo o país en 2014, o que fora o mellor exercicio da serie histórica, que arranca en 1976, ano desde o que a Consellería de Medio Rural ofrece datos. Estas 8.500 hectáreas provisionais de 2015 supoñen máis de catro veces máis que as arrasadas o ano pasado (unhas 2.000), pero bastante menos que os tres anteriores exercicios. En 2012 arderon algo menos de 16.000 hectáreas e en 2013, algo menos de 20.000, despois dun 2011 notablemente negativo, no que o lume arrasou máis de 42.000 hectáreas.

A falta de que se acheguen datos definitivos e oficiais, a superficie de hectáreas queimadas achégase á de 2009 (10.740), 2008 (6.335) e 2007 (7.051), destacando desta vez a gran cantidade de comarcas e concellos afectados, especialmente en Ourense e en localidades como a propia Cualedro, Manzaneda, Viana do Bolo, Carballeda de Valdeorras, Verín, Calvos de Randín ou Vilariño de Conso. 

Tal e como se pode apreciar no mapa, é a zona sur e máis ao leste da provincia de Ourense a máis afectada polos incendios, mentres que a zona norte do país leva tempo sen sufrir lumes de importancia. O abandono e a elevada perda de poboación explican o contraste cuns concellos onde a industria da madeira mantén certa actividade industrial no monte e onde o clima é menos extreme que na provincia ourensá.  

No caso de Cualedro, tal e como destacou a propia Xunta, o lume volveu ser intencionado e comezou nunha zona abandonada de concentración parcelaria. O forte vento, a calor e o tempo seco fixeron o resto. Agora, os alcaldes dos catro concellos afectados pedirán a declaración de zona catastrófica e axudas para repoboar unha comarca devastada. Volverán reclamar solucións e a queixarse dunha situación que non deixa de repetirse e que desde as administracións insístese en cinguir aos criminais que prenden lume e ás desfavorables condicións climatolóxicas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"Mentres ardían 300 hectáreas á hora, a conselleira estaba ao sol xunto a Rajoy e Feijóo"

Comisións Obreiras (CCOO) lamentou que se cumprisen as súas advertencias, logo de vir "denunciando" a posibilidade de "lumes descontrolados", algo que podía ocorrer debido, segundo o sindicato, "á política forestal e de prevención de incendios da Consellería de Medio Rural, que está esgotada, mal planificada e absolutamente descontrolada"

"A política forestal e de prevención da Xunta está esgotada, mal planificada e absolutamente descontrolada"

"É unha política que está baseada exclusivamente na extinción, que alimenta a economía do lume e que ten como único argumento, pouco científico, encomendarse a todos os santos milagreiros para que chova", asegura CCOO nun comunicado no que tamén denuncia a "precaria situación" do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

O sindicato denuncia que as brigadas son "incompletas" ao compoñerse de "dous ou tres" compoñentes por colectivo ao día, o que "aumenta a situación de risco para os traballadores e incide negativamente na capacidade de extinción". Tamén aclara que as motobombas teñen unha media de antigüidade de vinte anos e "carecen de alta presión na maioría dos casos ao pasar máis tempo avariadas que operativas, xerando situacións críticas e de alto risco para integridade dos bombeiros forestais na extinción directa do lume".

CCOO denuncia a "precaria situación" do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais

"Mentres isto sucede, a Consellería gasta cantidades inxentes de cartos dotando de motobombas aos concellos que en moitos casos non teñen operarios especializados para manexalas e noutros son utilizados para outras tarefas municipais que nada teñen que ver coa extinción", insiste CCOO, que advirte tamén de peches de puntos de vixilancia e de equipos de protección individual "caducos e que non se renovan desde hai máis de tres anos". 

O sindicato tamén denuncia "a falta de coordinación" dos efectivos que participan nas extincións e "a ausencia dun mando único real". "É inaceptable o desfile de pasarela que fixo a Unidade Militar de Emerxencias (UME)  no Grande Incendio Forestal de Cualedro. Chegaron sen auga nas motobombas, ante a desesperación dos veciños que miraban como o lume chegaba ata a porta das súas casas", denuncia CCOO, que lamenta que a UME "actúe de forma atuónoma recibindo ordes só dos seus mandos", causando problemas e riscos. 

O sindicato denuncia "a falta de coordinación" e critica a UME por "actuar de forma autónoma"

Comisións lembra que este é "o panorama real" e non "o que debuxaron interesadamente Rajoy e Feijóo en Soutomaior". "Só cómpre asumir responsabilidades, empezando por destituír o secretario xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, por incompetente e intransixente". 

Ademais, CCOO lamenta que Rosa Quintana "batese un novo record de incompetencia". "Mentres se queimaban mais de 300 hectáreas á hora en Ourense, estaba solazándose en Soutomaior xunto ao Feijóo e Rajoy", remata.