Os incendios fan de 2016 o segundo peor ano no monte galego dende a gran vaga de 2006

Un brigadista nunha zona arrasada polo incendio de Arbo Dominio Público @BrifLaza

O balance dos incendios forestais de 2016 non vai ser bo para o monte galego. Todo apunta a que será o segundo peor dende a gran vaga de 2006, que á súa vez fora a máis intensa en dúas décadas. Aínda non son públicas as cifras totais, pero xa é posible avanzar, cando menos, dúas conclusións máis: Superaranse as 20.000 hectáreas arrasadas polas lapas por segunda vez en dez anos e, no entanto, a tendencia seguirá a ser máis favorable que nas décadas anteriores, cando cruzas este limiar e achegar ás 30.000 e mesmo ás 40.000 hectáreas ardidas era unha circunstancia relativamente habitual.

Este repaso aos incendios provisional está, necesariamente, condicionado pola política de comunicación das dúas áreas gobernamentais que manexan os datos de incendios: a Consellería do Medio Rural e mais o Ministerio de Agricultura. O departamento do Executivo galego, a quen lle corresponden as competencias directas neste ámbito, ten como norma dende o verán de 2009 non informar dos incendios que non superan as 20 hectáreas agás casos excepcionais -achegamento a zonas habitadas, por exemplo- a non ser que un medio de comunicación determinado pregunte, especificamente, por un incendio do que teña constancia. Ademais, non ofrece unha relación completa do impacto do lume ata que finaliza a campaña e os últimos detalles chegan ao ano seguinte, coa presentación do plan anual de defensa fronte aos incendios, o Pladiga.

O balance deste ano vai ser dos peores dende a última gran vaga, pero moito máis favorable que os de décadas anteriores, cando adoitaban arder de 30.000 a 40.000 hectáreas ao ano

Alén da información que difunde directamente a medios e cidadanía -nos últimos anos, tamén cunha conta de Twitter-, a Consellería fornece datos tamén ao Ministerio que, non obstante, tampouco son de utilidade para coñecer o ardido en cada comunidade autónoma ata o ano seguinte. Isto sucede porque Agricultura ofrece avances informativos para todo o Estado (60.098,76 hectáreas ata o 30 de setembro, neste caso) e só os territorializa en catro grandes áreas: Mediterráneo, Canarias, Comunidades Interiores e Noroeste, área na que ubica a Galicia xunto a Asturias, Cantabria, Euskadi e as provincias de León e Zamora. Desta volta, por exemplo, indica que case o 50% desas máis de 60.000 hectáreas arderon no "Noroeste", sen máis detalles.

Máis de 22.000 hectáreas

O cálculo provisional é a suma dos datos difundidos pola Xunta, que non adoita informar dos incendios menores de 20 hectáreas

Con todas estas cautelas, xa é posible obter unha cifra máis ou menos precisa da superficie ardida nos montes galegos durante este ano. Da suma de todos os incendios dos que informou a Xunta dende o pasado xaneiro resulta un total de 22.314,43 hectáreas, sen posibilidade polo momento de distinguir entre superficie rasa e arborada. Esta cifra medrou, sobre todo, nas dúas principais xeiras de incendios rexistrada no que vai de ano: a de principios de agosto, cando en dous días ardeu máis da metade que en todo 2014 -un ano excepcionalmente bo- e a de mediados de setembro, cando en poucos días arderon unhas 7.000 hectáreas na provincia de Ourense.

O verán máis seco e caloroso dos últimos anos foi terreo propicio para uns incendios que, como amosa o gráfico baixo estas liñas, destruíron superficies semellantes ás ardidas en anos como 2003 ou 2013. As semanas con máis calor e vento foron as peores e os peores episodios foron interrompidos polas escasas chuvias. Cando o tempo seco regresou, volveron tamén os incendios, tal e como sucedeu por exemplo nos primeiros días de outubro, cando Medio Rural deu conta de senllos incendios en Carballeda de Valdeorras (27,9 hectáreas) e no concello lucense de Carballedo (26,53).

Recuperación dos montes e permisos de queimas

Mentres se rexistraban os, ata agora, últimos incendios do ano a Consellería do Medio Rural informaba do inicio dalgúns dos traballos de recuperación das zonas queimadas. É o caso, por exemplo, de varios montes de Porto do Son nos que se empregou a técnica do helimulching, mediante a cal o solo das contornas queimadas é cuberto con palla "para protexelo da erosión e así evitar que os arrastres poidan afectar aos leitos dos ríos e ao mar". Adicionalmente, indica o departamento autonómico, desenvólvense en diversos puntos do país labores como "sementados rexenerativos" ou reparación de noiros, así como o restablecemento de peches para o gando, entre outras accións.

Medio Rural tramitará permisos de queimas controladas dende este 14 de outubro

Neste contexto, a fin do período de maior risco implica tamén a reapertura dos permisos para realizar queimas agrícolas e forestais. Será, nomeadamente, dende este venres, 14 de outubro, cando Medio Rural volva tramitar os permisos "debido á diminución do risco de incendios forestais por condicións meterolóxicas", di a Xunta nun comnicado. "As autorizacións e comunicacións -resalta a Consellería- deixan de ter validez nos días en que hai vento e altas temperaturas".

Un helicóptero guinda palla para protexer unha zona queimada en Porto do Son © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.