A chuvia afasta o risco de incendios, que queimaron 7 mil hectáreas en Ourense nunha semana

Os equipos de extinción traballaron sen descanso durante o día e a noite loitando contra o lume en Cualedro © UGT forestais

Por primeira vez en moitos días, neste momento non hai ningún incendio de importancia activo en Galicia. Na xornada deste luns, tanto polo día coma pola noite os equipos de extinción traballaron sen descanso para controlar os lumes que afectaron a distintos puntos da provincia de Ourense, poñendo en risco numerosas vivendas en Baños de Molgas, Cualedro e Sandiás. A chuvia axudou finalmente a apagar as lapas, afastando ademais nos vindeiros días o risco de incendios en Galicia.

A entrada a pasada noite desta borrasca pon fin a unha semana de gran actividade incendiaria, na que se queimaron ao redor de 7.000 hectáreas tan só na provincia de Ourense, segundo os datos facilitados por Medio Rural. Xa o pasado xoves a conta provisional (unhas 6.000 hectáreas) elevaba a suma total de superficie arrasada en Galicia no conxunto do ano a case 15.000 hectáreas, superando xa todo o queimado en 2015 (11.802) e 2014 (2.003). Os incendios que continuaron na fin de semana e ata a noite deste luns elevan a cifra total ata as 16 mil hectáreas.

Esta mañá Medio Rural informaba de que quedaban desactivadas as situacións 1 e 2 declaradas ao longo do luns, ante a intensidade e perigosidade dos lumes. Están neste momento controlados os incendios de Cualedro (que queimou 500 hectáreas), Monterrei (20), ou dous que afectaron a Laza (un total de 100 hectáreas arrasadas), Entrimo (2.800), Cervantes (27 hectáreas) e foron xa extinguidos os de Sandiás (5), Xunqueira de Ambía (80) e Manzaneda (25).

Os incendios declarados en Baños de Molgas, Cualedro e Sandiás foron os que máis preocupación xeraron na tarde do luns, polo risco que chegaron a supoñer para varios núcleos habitados, cortando ademais catro estradas, provocando cortes no submnistro eléctrico e queimando maquinaria agrícola. A violencia do lume viuse incrementada pola forte intensidade do vento na zona. 

 

Un setembro de lume

No que levamos de setembro (principalmente entre o domingo 4 e o luns 12) arderon en Galicia máis de 7.500 hectáreas, a maior parte (algo máis de 7.000 hectáreas) na provincia de Ourense, segundo as cifras achegadas por Medio Rural. Isto eleva a máis de 16 mil hectáreas a superficie total arrasada polo lume en Galicia no que levamos de ano, o que supera todo o queimado en 2015 (11.802), 2014 (2.003) e 2012 (15.598) e achegándose aos datos de 2013 (19.237). O número probablemente sexa superior, pois o Goberno galego só informa dos incendios que superan as 20 hectáreas ou daqueles que supoñen un risco para núcleos habitados, non incluíndo nas cifras totais estes pequenos focos, que adoitan incrementar un chisco a suma.

Estes son os incendios de importancia que sufriu Galicia nos primeiros días de setembro:

Entrimo (A Illa): 2800 hectáreas
Oimbra (Bousés): 1557 hectáreas
Muíños (Requiás): 757 hectáreas
Boborás (Xurenzás e Brués): 512 hectáreas
Cualedro (Xironda): 500 hectáreas
Monterrei (Vences): 309 hectáreas
Lobeira (Fraga): 110 hectáreas
Chantada (Requeixo): 106 hectáreas
A Fonsagrada (Paradavella): 104 hectáreas
Xunqueira de Ambía (Bobadela a Pinta): 80 hectáreas
O Barco de Valdeorras (Santigoso): 80 hectáreas
Muíños (Parada de Ventosa): 67 hectáreas
Laza (Camba): 60 hectáreas
Navia de Suarna (Rao): 55 hectáreas
Verín (Abedes): 50 hectáreas
O Carballiño (Lobás): 41 hectáreas
Laza (Castro de Laza): 40 hectáreas
Chandrexa de Queixa (Queixa): 38 hectáreas
Padrenda (Padrenda): 37 hectáreas
Boiro (Bealo): 32 hectáreas
Gondomar (Vincios):30 hectáreas
Cervantes (Vilarello): 27 hectáreas
Manzaneda (Reigada): 25 hectáreas
O Barco de Valdeorras (Barco): 25 hectáreas
O Valadouro (Budián): 25 hectáreas
Lousame (Tállara): 20 hectáreas
Monterrei (Rebordondo): 20 hectáreas
Sandiás (Sandiás): 5 hectáreas

En Cualedro arderon este luns máis de 500 hectáreas © UGT forestais
A UME tivo que intervir para axudar a controlar as lapas © UME
A UME tivo que intervir para axudar a controlar as lapas © UME

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.