0 Gardados para despois

Os incendios de Ourense arrasaron xa máis de tres mil hectáreas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Ourense está a vivir este mércores a súa xornada máis difícil no que levamos de verán no referido ao impacto do lume. Nestes momentos hai cinco incendios activos de importancia na provincia, que afectan a máis de 3.000 hectáreas de terreo, segundo a información facilitada por Medio RuralOs máis graves son os de Oímbra (1.500 has) e Muíños (800), que arrasa parte do Parque Natural do Xurés. Tamén se rexistran lumes en Lobios (400) -afectando igualmente ao Xurés-, Boborás (500) e Lobeira (50). Ademais, medio cento de persoas tiveron que ser desaloxadas das súas casas na parroquia de Espiño (Oímbra) ante o avance das lapas.

Os incendios, que xa durante a tarde do martes queimaran grandes superficies de monte, principalmente nos concellos de Muíños e Oímbra, incrementaron a súa extensión ao longo da noite, de xeito que este mércores pola mañá o fume cobre unha parte importante das comarcas do sur de Ourense, chegando mesmo ata a capital provincial, onde Alberto Núñez Feijoo levou a cabo un acto político de precampaña. Ese mesmo fume, moi denso, obrigou a unha parte dos equipos de extinción a regresar ás súas bases, dada a imposibilidade de traballar con seguridade, pola nula visibilidade no terreo.

A xornada do martes foi moi dura para os equipos de extinción, polo rápido avance das lapas, favorecido pola forza do vento. O incendio de Oímbra foi o que máis se achegou ás casas, obrigando ao desaloxo de todos os veciños e veciñas de Espiño, provocando o corte de estradas e levando a preocupación aos lugares de Bousós, A Granxa e As Chas, que finalmente non tiveron que ser evacuados. As persoas que foran desaloxadas en Espiño puideron volver ás súas vivendas unhas horas despois. 

En Muíños, o lume cercou a aldea de Requiás e rodeou o encoro Salas. En Faro de Vigo o alcalde deste concello destacou que neste caso as lapas non se achegaron ás casas porque "é unha zona con actividade agrogandeira e está ben coidada". As primeiras impresións apuntan a que todos os incendios foron intencionados. Especialmente grave é o prexuízo que as chamas están provocando no Parque Natural do Xurés, Reserva da Biosfera Transfronteiriza, onde a última estimación achega xa a mil hectáreas a superficie arrasada polo lume

Continúa controlado desde a mañá do luns o incendio rexistrado na localidade lucense de Chantada, que se iniciou o domingo, e no que se queimou unha superficie de 106,44 hectáreas, das cales 49,14 son arboradas e 57,3 rasas.

 

Os cinco incendios activos

Oímbra-Bousés. Segue declarada a “Situación 2” (que se aplica cando o lume implica perigo para núcleos habitados), neste caso pola proximidade das chamas ás aldeas de Espiño (desaloxada o martes) e Bousés. Este lume iniciouse ás 14:05 horas do martes e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie dunhas 1.500 hectáreas.

Muíños-Requiás. O lume rexistrado no concello de Muíños, na parroquia de Requiás, declarouse ás 06:45 horas do martes e segue activo arestora. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 800 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural do Xurés.

Boborás-Brués. Dende as 16:44 horas do martes está activo un lume, que segundo as últimas estimacións supera as 500 hectáreas.

Lobios-A Illa. O lume rexistrouse este martes ás 18:46 horas no concello de Entrimo e nestes momentos afecta a Lobios, na parroquia da Illa. Segundo as primeiras estimacións, a superficie queimada é de 400 hectáreas.

Lobeira-A Fraga. O incendio comezou na medianoite, afectando á parroquia da Fraga, Concello de Lobeira. Segundo as primeiras estimacións, a superficie queimada supera as 50 hectáreas.

Incendios activos en Ourense

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.