0 Gardados para despois

Catro días de incendios arrasan 6.000 hectáreas e obrigaron a desaloxos en 11 concellos

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Desde o pasado luns arderon en Galicia máis de 6.000 hectáreas nunha vintena de incendios forestais, nove dos cales seguían sen control a primeira hora da mañá deste venres, tres deles con risco para a poboación. Nestes catro días de lumes as autoridades activaron a Situación 2 por risco para a poboación en 11 lumes, nos concellos de Vilagarcía, Cotobade, Mondariz, Soutomaior, Redondela, Santiago, Porto do Son, Avión, Cee, Arbo e Crecente. Esa alerta segue activa en Porto do Son, Arbo e Crecente.

Como comparación, o risco para a poboación activouse nun total de 13 ocasións en 2015, cando arderon 12.000 hectáreas; ningunha en 2014, o ano en que menos ardeu das últimas décadas con só 2.000 hectáreas; e 22 veces en 2013, cando se queimaron 19.200 hectáreas.

Situación dos principais incendios sen control na mañá do venres 12

-Porto do Son: Incendios iniciados o mércores nas parroquias de Baroña e Xuño acabaron uníndose e afectando a Queiruga e Caamaño e suman unhas 1.000 hectáreas, con risco para a poboación e coa actuación da UME.
-Arbo: Un incendio iniciado na parroquia de Mourentán na noitiña do mércores afecta xa a 1.515 hectáreas, tamén con risco para a poboación.
-Crecente: Na tarde do mércores iniciouse un incendio na parroquia de Albeos que afecta a máis de 200 hectáreas e que tamén ameaza vivendas.
-Santiago: Un incendio iniciado no mediodía do mércores na parroquia de Fecha que consumiu xa 800 hectáreas requiriu desaloxos, xa desactivados,  e a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Ademáis destes lumes, permanecen sen control dous incendios en Soutomaior (na parroquia de Arcade con 400 hectáreas e na de Soutomaior con 230), e outros en Avión (Nieva, con 345 hectáreas), Laza (Toro, con 50 hectáreas) e Cerdedo (Quireza, con máis de 20 hectáreas).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.