A chuvia prognosticada, obstáculo para o tradicional pico de incendios de finais de agosto

Un brigadista nunha zona arrasada polo incendio de Arbo Dominio Público @BrifLaza

Entre o pasado luns día 8 e este venres día 12 arderon en Galicia máis de 6.000 hectáreas só nos incendios dos que agora informa a Xunta, que son os que poñen en risco a poboación ou superan as 20 hectáreas. En 2006 a gran vaga de incendios daquel ano queimara un total de 77.000 hectáreas entre os días 4 e 16 de agosto, ata que nesa última xornada comezou a chover. Porén, o habitual, segundo reflicte o Plan de Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) da Xunta, é que sexan  as dúas últimas semanas de agosto as que maior actividade incendiaria concentren. Así foi na última década. Para a próxima semana, ao igual que en 2006, tanto Meteogalicia como a Agencia Estatal de Meteorología (Aemet), prognostican chuvia e baixada de temperaturas para o mércores día 17, o que podería axudar aos 7.000 homes e mulleres que loitan contra o lume a evitar o tradicional incremento de incendios de finais de agosto.

As dúas últimas semanas do mes son as que máis lumes concentran na última década, con 350 semanais, pero para o mércores prevese auga e frío

A semana que agora remata é a número 32 do ano, na que, segundo informou o presidente Feijóo, desde o martes ata a mañá deste venres producíronse 193 lumes. Segundo o Pladiga, as dúas semanas con maior actividade incendiaria entre 2006 e 2015 foron as números 33 e 34, isto é, a segunda quincena de agosto, cunha media de 350 incendios cada unha. Ese comportamento adiantouse e reduciuse na última década con respecto á anterior, a comprendida entre 1996 e 2005, cando eran as semanas 36 e 37, isto é, xa en setembro, cando se rexistraban unha media de 700 incendios semanais.

A análise por provincias permite comprobar como son A Coruña e Pontevedra as que veñen rexistrando un comportamento máis agudo nas dúas últimas semanas de agosto, mentres que en Ourense, onde o ano pasado se concentraron os principais problemas, a aparición de lumes repártese de xeito máis uniforme e esténdese ao longo do outono.

Situación dos principais incendios non controlados na tarde do venres 12

-Porto do Son: Incendios iniciados o mércores nas parroquias de Baroña e Xuño acabaron uníndose e afectando a Queiruga e Caamaño e suman unhas 1.000 hectáreas, con risco para a poboación e coa actuación da UME.
-Arbo: Un incendio iniciado na parroquia de Mourentán na noitiña do mércores afecta xa a máis de 1.500 hectáreas, tamén con risco para a poboación.
-Crecente: Na tarde do mércores iniciouse un incendio na parroquia de Albeos que afecta a máis de 300 hectáreas e que tamén ameazou vivendas, risco que foi desactivado a primeira hora da tarde deste venres.

Ademais destes incedios con risco para a poboación (no que vai de semana suman 11 os así declarados, case tantos como en todo o ano pasado), outros lumes significativos aínda non controlados na tarde deste venres eran os de Santiago (parroquia de Fecha, con 800 hectáreas), Avión (Nieva e Avión, 400 hectáreas) ou Laza (Toro, 50 hectáreas).

(A Xunta actualiza os datos sobre os incendios de máis de 20 hectáreas ou que supoñan risco para a poboación a través da súa web e da conta de Twitter @incendios085)

Media de lumes rexistrados cada semana na última década Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.