0 Gardados para despois

O incendio do Parque Natural do Invernadoiro queimou xa 68 hectáreas

Redacción | @prazapublica

O incendio que dende a tarde deste mércores afecta ao Parque Natural do Invernadoiro, no Concello de Vilariño de Conso, queimou xa 68 hectáreas. Na mañá deste xoves os seus dous focos permanecen activos, queimando 14 e 54 hectáreas respectivamente.

O lume iniciouse pouco despois das catro da tarde na parroquia de San Mamede de Hedrada e de inmediato comezaron a traballar 1 técnico, 4 axentes, 13 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 4 avións. Barállase a hipótese de que o incendio comezase trala caída dun raio nunha treboada seca

O Invernadoiro converteuse en Parque Natural en 1997, despois de ter sufrido importantes incendios nos anos 70 e 80. Na actualidade, con 6.000 hectáreas de superficie, é unha das mellores aulas da natureza que existen en Galicia para coñecer a riqueza natural do Macizo Central ourensán.

Trátase dun dos primeiros grandes incendios deste verán, aínda que nos últimos días de xullo e comezos de agosto houbo lume en Sober, Monforte, Fisterra, Oia ou Punxín, focos dos que a Consellería de Medio Rural non informou ao non superar as 20 hectáreas queimadas. O Goberno galego mantén así por décimo verán consecutivo a política informativa instaurada dende o retorno do PP ao poder, baseada en non divulgar a totalidade de todos os focos e revelar, a priori, só aqueles que supere as 20 hectáreas ou que poñan en perigo á poboación. En caso contrario, a Consellería responsable só informa dun incendio se alguén pregunta especificamente por el en concreto. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.