A UE celebra máis gasto en prevención que en loita contra o lume en Galicia pero aínda detecta eivas

Un incendio forestal en Galicia nunha imaxe de arquivo © UME

O Tribunal de Contas europeo sinala que máis de dous terzos do financiamento rural europeo destinado a catástrofes é dirixido en Galicia a incendios, e lamenta que os cortalumes non reciben o mantemento que deberan

O Plan Forestal de Galicia 1992-2032 contemplaba que as políticas de ordenación e mellora da xestión forestal recibisen moitos máis fondos que as actuacións de loita contra incendios. Porén, durante varias décadas iso non se cumpriu, como constatou en 2016 o Consello de Contas de Galicia, que sinalaba que o dispositivo de prevención e loita contra incendios recibía un 60% do total de investimento en políticas forestais. Unha disparidade que era mesmo defendida pola Xunta malia incumprir a súa propia planificación co argumento de que así dá "confianza" aos propietarios.

Sen contradicir nin confirmar eses datos, este mércores o Tribunal de Contas da Unión Europea fixo público un informe no que analiza, en catro estados membros e en particular en Galicia, non as políticas forestais no seu conxunto senón só as políticas de incendios. E entre outras conclusións sinala que "en Galicia, desde 2018, o orzamento de prevención foi maior que o de resposta e restauración".

Exemplos de proxectos que o Tribunal de Contas da UE considera "prevención", "preparación" ou "recuperación" en materia de incendios forestais CC-BY Tribunal de Contas da Unión Europea

A auditoría do ente fiscalizador europeo centrouse en estudar actuacións de prevención, loita e restauración ante incendios forestais en Portugal, Grecia, Polonia e España, e neste último caso analizou en concreto a situación en Galicia, Andalucía e Castela-A Mancha. O informe constata que en xeral "os fondos da UE para accións relacionadas cos incendios forestais, procedentes de diferentes eidos de actuación, eran cada vez máis utilizados polos Estados membros para accións preventivas". 

É nese ámbito no que sinala que Galicia "desde 2018" destina máis fondos a prevención de incendios que a actuacións de loita contra eles ou restauración. Unha afirmación que non analiza o volume de recursos empregados en materia de incendios con respecto aos investimentos globais en políticas forestais, a comparación que realizara o Consello de Contas galego. 

O informe europeo tamén sinala que os incendios forestais reciben nas tres comunidades españolas analizadas "máis de dous terzos" do financiamento destinado a catástrofes naturais dentro dos fondos Feader (Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural). 

Unha das eivas detectadas polo Tribunal de Contas da UE en materia de incendios en Galicia CC-BY Tribunal de Contas da Unión Europea

O Tribunal de Contas europeo tamén sinala no seu informe que "en Galicia, os cortalumes deben manterse cada tres anos; sen embargo, en 2024, as autoridades tiñan previsto efectuar traballos en menos dun terzo de todos os cortalumes existentes".

O informe sinala que a Comisión Europea pediu a España que se asegurase de que os fondos Feader para o rural e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia non financiasen plantacións de eucaliptos "xa que son propensas aos incendios"

Igualmente, o informe sinala que a Comisión Europea "pediu ás autoridades españolas que se asegurasen de que non se financiaran as platacións de eucalipto, nin no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia nin no do Feader, xa que son propensas aos incendios".

O documento recomenda á Comisión Europea avaliar mellor os resultados do financiamento comunitario en materia de incendios. A nivel galego, o informe e a súa afirmación de que desde 2018 o orzamento de prevención é maior que o de resposta aos incendios haino que contextualizar co feito de que estes últimos anos caeu significativamente o número de hectáreas ardidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.