A remuda do máximo responsable da loita contra o lume non impide que Medio Rural siga aumentando as partidas para prevención e extinción moi por riba das destinadas a ordenación dos montes, proceder criticado polo Consello de Contas
Unha nova lei de prevención e extinción de incendios forestais e un novo Plan Forestal 2021-2040. Foron os dous grandes anuncios que realizou o martes no Parlamento de Galicia o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, na presentación dos orzamentos do seu departamento para 2021, cinco días despois de concretarse a saída da Xunta do máximo responsable da loita contra o lume nas dúas últimas décadas, Tomás Fernández-Couto. A nova lei chegará despois de que a actual, de 2007, fose modificada xa sete veces, mentres que o Plan Forestal actual, de 1992 e pensado para 40 anos, vén sendo incumprido recorrentemente, segundo constatou o Consello de Contas, e a Xunta aínda non foi quen de rematar o proceso de actualización do mesmo que iniciou en 2016.
En 2021 só haberá un "primeiro borrador" da nova lei de incendios e antes a Xunta volverá mudar, por oitava vez, a anterior
A Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais impulsada tras a vaga de lume de 2006 xa foi modificada sete veces neste tempo, a través das leis de acompañamento dos orzamentos dos últimos anos, fundamentalmente en 2017 e 2018 tras a nova vaga de outubro do primeiro deses anos. Pero a lei de incendios tamén mudou a través da Lei 7/2012 de montes, á súa vez mudada outras oito veces desde aquela. Agora o conselleiro anuncia unha nova lei pero matiza que o ano próximo só contará aínda cun “primeiro borrador”. Antes, na lei de acompañamento dos novos orzamentos, a Xunta volverá mudar novamente a lei de incendios, por oitava vez, e a de montes, por novena ocasión.
A “tendencia a incrementar a primacía das políticas de prevención e extinción fronte ás tarefas de ordenación” censurada por Contas continúa
Na súa intervención, González Vázquez tamén anunciou que o próximo ano “entrará en vigor no primeiro semestre” o novo Plan Forestal 2021-2040. O documento supón a actualización do anterior, de 1992 e pensado para 40 anos pero que tras incumprirse reiteradamente, segundo constatou o Consello de Contas, agora rematará unha década antes do previsto. Un proceso de renovación do plan que a Xunta abriu en 2016 e que aínda non foi quen de completar polo rexeitamento de diversos sectores relacionados co monte ao documento inicial que fixo público en 2018, no que defendeu seguir aumentando a superficie de eucalipto.
O Goberno galego abriu o proceso de renovación do Plan Forestal coincidindo coa publicación por parte do Consello de Contas dun informe específico de fiscalización do programa orzamentario 713B de ordenación das producións forestais, análise que concluíu que cando menos entre 2008 e 2016 a Xunta incumpriu a planificación de destinar moitos máis cartos a dita ordenación que ao programa orzamentario de 551B Accións preventivas e infraestrutura forestal, “que ten como obxectivo principal a defensa contra os incendios forestais”.
O daquela responsable da loita contra o lume, Fernández-Couto, replicou a Contas que a decisión de incumprir o Plan Forestal e destinar máis cartos a prevención e extinción que a ordenación debíase á necesidade de dar "confianza" aos propietarios de montes para que estes investisen neles, alegación que o ente fiscalizador considerou unha "opinión".
O programa orzamentario de loita contra o lume medrou na última década fundamentalmente a través da partida de transferencias aos Concellos para que estes realicen tarefas de prevención
A “tendencia a incrementar a primacía das políticas de prevención e extinción fronte ás tarefas de ordenación” censurada por Contas continuou e continúa nos seguintes orzamentos da Xunta, nos que o programa de ordenación aumenta en menor medida que o programa de loita contra os incendios. Un programa 551B no que os cartos destinados ao gasto de persoal pasaron de 39,3 millóns de euros en 2011 a 65,7 en 2021, o investimento medrou de 18,6 a 47,4 no mesmo período e as transferencias a outras administracións ou empresas aumentaron de 5,3 a 32 millóns, dos que preto de 20 millóns van destinados aos concellos para que estes realicen tarefas de prevención.
Na súa intervención no Parlamento do martes o conselleiro subdividiu o programa de loita contra incendios e salientou que “o orzamento para accións preventivas e infraestruturas forestais se incrementa o ano que vén máis dun 23% con respecto a este 2020, ata acadar os 80 millóns de euros, o que supón que máis dun 61% do presuposto dirixido á anticipación aos incendios se destinará a prevención”. Entre as novas actuacións, o conselleiro citou a creación dun centro de formación contra o lume no antigo hospital psiquiátrico de Toén. A palabra “ordenación”, máis alá do anuncio do novo Plan Forestal, non aparece na nota de prensa coa que a consellería salienta o que considera máis importante das súas palabras a respecto dos orzamentos de 2021.