O Goberno galego xustifica as mudanzas admitindo que elaborou normas pouco claras e imprecisas
26 leis distintas son as que a Xunta vai modificar desta volta a través da lei de acompañamento dos seus orzamentos para 2021, a norma á que os gobernos de Feijóo veñen recorrendo de xeito sistemático para mudar cun menor debate e de xeito acelerado todo tipo de normas previas, boa parte delas impulsadas polos seus propios executivos. Entre elas, novamente a Lei do Solo que foi aprobada en 2016 con “vocación de estabilidade” pero que afronta agora a súa sexta modificación.
Tanto nese caso como en boa parte do resto de normas que agora se reforman, a Xunta argumenta que o fai para darlles “maior precisión” ou “aclarar a interpretación” das súas disposicións, admitindo así as eivas coas que aprobou orixinalmente esas leis.
A que agora inicia a súa tramitación é a novena lei de acompañamento de Feijóo, fronte ás seis que empregou Fraga en máis anos e ningunha do bipartito
A lei de acompañamento dos orzamentos de 2021 é a novena que impulsan os gobernos de Feijóo, que soamente non recorreron a ese tipo de normas nas contas para 2010, 2013 e 2014. Como comparación, Fraga só as empregou en seis ocasións nos seus 15 anos á fronte da Xunta e o bipartito posterior de PSdeG e BNG nunca. Ademais, ao tempo que corrixe todo tipo de normas previas a través das leis de acompañamento (59 leis distintas foron mudadas por esa vía na pasada lexislatura, varias delas ata en catro ocasións), o Goberno de Feijóo reduciu notablemente a aprobación de novas leis.
No caso da Lei do Solo que agora volve modificarse a través da lei de acompañamento, a norma foi impulsada en 2016 despois de que a anterior, de 2002, sufrise constantes modificacións de todo tipo. Por iso a de 2016 presentouna a Xunta como unha norma que pretendía ter “vocación de estabilidade” e “seguridade xurídica e aplicabilidade práctica”. Porén, desde a súa aprobación foi modificada xa polas leis de acompañamento dos orzamentos de 2017, 2018, 2019 e 2020 e tamén a través da lei de rehabilitación urbana aprobada en 2019.
A nova modificación que agora se tramita, a sexta, quere “aclarar” a prevalencia doutra normativa sectorial na tramitación dos plans básicos municipais para os concellos de menos de 5.000 habitantes, o que, di a Xunta, “favorecerá a seguridade xurídica”. A nova modificación tamén aclara que as actuacións de restauración e ampliación de edificacións anteriores a 1975 en solo rústico ou de núcleo rural que permitiu a lei de 2016 deben realizarse respectando outras normativas sectoriais. E igualmente detalla as características que deberán ter os planos que se elaboren para determinados plans urbanísticos.
A modificación da Lei do Solo é a sexta en cinco anos, a da Lei de Montes a novena en oito anos e a da Lei de Patrimonio Natural a segunda desde a súa aprobación hai só 15 meses
Similares aclaracións da “interpretación” da lei orixinal son esgrimidas pola Xunta para modificar a Lei 5/2019 do patrimonio natural, aprobada hai só 15 meses e que xa foi reformada hai un ano na lei de acompañamento dos orzamentos deste 2020. Agora muda por segunda vez “co obxecto de aclarar a interpretación dos usos permitidos, autorizables ou prohibidos, relativos ao mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa”, cuestión pola que tamén se reforma novamente a Lei 7/2012 de montes, o que suporá a súa novena modificación en oito anos.
A lei de acompañamento tamén é o mecanismo empregado pola Xunta para darse mans libres para mudar con “calquera medida” o desenvolvemento das oposicións ao emprego público, facilitar as reunións non presenciais nas cooperativas ou perdoar impostos ao xogo en casinos, bingos e máquinas.
Estas son as leis que muda a lei de acompañamento dos orzamentos de 2021:
- Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública
- Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia
- Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia
- Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega
- Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia de Seguridade Pública
- Lei 3/2007, do 9 de abril, de incendios forestais de Galicia
- Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia
- Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
- Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia
- Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
- Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
- Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras
- Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias
- Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia
- Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia
- Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia
- Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia
- Lei 14/2013, de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico
- Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade
- Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
- Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
- Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
- Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
- Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
- Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia
- Modificación do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto Lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro