As leis de acompañamento das contas públicas chegaron a corrixir ata 27 normas previas en máis dunha ocasión neste mandato, e 5 delas foron cambiadas todos os anos
No que vai desta X lexislatura no Parlamento de Galicia, desde finais de 2016, a maioría absoluta da que desfruta o PP só foi quen de aprobar 15 leis, 18 se se contan as leis de acompañamento que cada ano presenta xunto coas leis de orzamentos para o exercicio seguinte. No mesmo período, a través desas leis de acompañamento, que teñen unha tramitación acelerada e con menos debate, a Xunta modificou (ou vai modificar coa que agora vén de presentar para o próximo ano) cando menos outras 59 leis previas.
A denominada lei de acompañamento dos Orzamentos anuais é un mecanismo que permite ao Goberno galego modificar outras leis cando supostamente teñen relación con cuestións tributarias ou financeiras ligadas ás contas públicas de cada ano. Porén, os gobernos autonómicos do PP veñen utilizando ese mecanismo de xeito habitual para emendar todo tipo de leis previas aínda que non teñan relación con cuestións tributarias, e empregando para iso un procedemento de tramitación acelerado que evita boa parte do debate e informes necesarios para a aprobación de calquera outro tipo de lei. Fronte a esa situación, que xa se producía durante os gobernos de Manuel Fraga, o bipartito de PSdeG e BNG non empregou lei de acompañamento con ningún dos catro orzamentos que aprobou.
O pasado ano o Parlamento de Galicia foi o menos produtivo de todas as comunidades autónomas, ao nivel de Catalunya, con só dúas leis aprobadas
A estratexia lexislativa da Xunta e o PP de modificar todo tipo de normas previas a través das leis de acompañamento dos orzamentos contrasta coa súa incapacidade de cumprir as súas propias previsións de impulso de novas leis. O pasado ano os populares só foron quen de aprobar unha das 12 leis que prometeran para ese exercicio, o que converteu o Parlamento de Galicia no menos produtivo de todas as comunidades autónomas, ao nivel de Catalunya, e en 2017 deixaron sen aprobar a metade das 11 leis anunciadas. E no que vai deste ano 3 das 5 leis aprobadas foran prometidas xa para 2017.
Das 59 normas previas cambiadas nesta lexislatura a través das leis de acompañamento, 33 foran impulsadas orixinalmente por gobernos do propio Feijóo desde 2009
A análise das normas modificadas ou que se van modificar este ano a través das leis de acompañamento permite comprobar como nesta lexislatura son cando menos 59 as leis distintas corrixidas polo PP. Cando menos, porque non en todos os casos as leis de acompañamento indican que modifican expresamente unha norma previa, senón que en ocasións optan por regular algún ámbito que xa estaba regulado doutro xeito por outra lei preexistente sen modificala de xeito expreso. Desas cando menos 59 leis modificadas, máis da metade, 33, foron impulsadas orixinalmente por gobernos do propio Feijóo desde 2009. Este ano, por exemplo, a Xunta quere modificar agora dúas leis aprobadas hai tan só tres meses.
No seguinte gráfico interactivo podes ver as 12 leis sectoriais aprobadas no que vai de lexislatura, excluíndo as de orzamentos e de acompañamento, e buscar as 59 leis modificadas a través das leis de acompañamento e comprobar o número de veces que foron corrixidas nestes catro anos:
Nesta lexislatura a Xunta modificou todos os anos as leis do solo, de servizos sociais, de comercio interior e de emprego público
Ademais, 27 das leis modificadas o foron en máis dunha ocasión nestes catro últimos anos, e delas cinco foron corrixidas a través das leis de acompañamento todos os anos. Esa reiteración de correccións, ano tras ano, sufrírona as leis do solo, de servizos sociais, de comercio interior, de emprego público e a única que polo seu contido tería encaixe no obxectivo tributario co que foron pensadas as leis de acompañamento dos orzamentos: a lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.