A alerta saltou esta semana, durante o pleno do Parlamento. A deputada do BNG Olalla Rodil cuestionou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a respecto dos "evidentes recortes" que traen consigo os Orzamentos Xerais da Xunta para 2020 nos principais centros públicos de teatro, danza e cinema, isto é, o Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego e mais o Centro Galego de Artes da Imaxe. "As cifras falan por si soas", son case 400.000 euros menos, advertiu a parlamentaria nun debate no que o conselleiro evitou afondar nos números. Nin confirmou, nin desmentiu.
Os orzamentos indican que Agadic vai investir 400.000 euros menos no CDG, o CCG e o CGAI en 2020, pero a Xunta matiza que os cartos que faltan chegarán do Xacobeo
As cifras causaron especial alarma na escena galega. Foi o caso da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), na que causou "máxima preocupación" comprobar que, efectivamente, o apartado de investimentos reais do orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2020 está dotado cun 40% menos de fondos que nas contas de 2019. Concretamente, o Centro Dramático pasa de 600.000 euros a 350.000, o Centro Coreográfico de 150.000 a 50.000 e o Centro de Artes da Imaxe, de 175.000 a 132.000. Ante o balbordo xerado, a Xunta si deu en responder. Para retrucar que o recorte non será tal, porque o compensará con fondos do Xacobeo.
"De confirmárense, estaríamos ante un baleirado dos centros de produción e da filmoteca galega", subliñou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia tras o debate no Parlamento
A AAG amosouse alarmada coas cifras. "De confirmárense, estaríamos ante un profundo baleirado dos dous centros de produción", o CDG e o CCG, e mais da filmoteca galega "cuns acusados recortes que só responderían a un interese: o desmantelamento". "Esiximos que a Consellería clarifique os orzamentos e non rebaixe en ningún caso as partidas coas que contarán en 2020", reclamaban, nun contexto no que a entidade se amosaba "perplexa" polo feito de que, na súa resposta á parlamentaria do Bloque, o conselleiro optase polo "silencio a respecto dos recortes".
A resposta da Xunta
A cuestión seguiu a medrar entre o sector e a resposta lográbaa este venres a Revista Galega de Teatro, Erregueté. Tras contactaren coa Agadic para solicitaren que o seu director, Jacobo Sutil, aclarase a causa da caída do 40% nestas áreas do seu orzamento -o global da transferencia da Consellería á Axencia, de 4,2 millóns de euros, apenas varía con relación a 2019-, lograron unha breve resposta por escrito na que se advirte desa compensación a través do Xacobeo.
"Non verán diminuídas a súa dotación económica" porque "varios proxectos se desenvolverán ao abeiro do programa cultural do Xacobeo", respondeu a Xunta á 'Erregueté'
Tanto o CDG como o CCG, di a resposta da Xunta á Erregueté, "non verán diminuídas a súa dotación económica en 2020" porque "varios dos proxectos de ambas unidades de produción" do vindeiro ano "se desenvolverán ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021". Eses fondos, subliñan, non están no orzamento da Agadic, senón no da Axencia Turismo de Galicia. Nas contas dese departamento autonómico inclúese unha previsión de ingresos de 10 millóns de euros procedentes de patrocinios do Xacobeo e unha transferencia corrente de 3 millóns á Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo.
Nova xerencia na Agadic
Alén dos orzamentos, no sector tamén causou "perplexidade", en verbas da AAAG, o anuncio que o conselleiro Román Rodríguez lanzou aproveitando a pregunta do BNG sobre as contas da Agadic. O Goberno galego, dixo Rodríguez, prepara "un novo estatuto que regulará a Agadic" para a súa "transformación e modernización". Será "unha nova etapa", afirmou o titular de Cultura, que terá entre as súas "novidades" a "creación da figura do xerente da Agadic, que se encargará de coordinar a xestión administrativa da Axencia", avanzou.
A AAAG lamenta que a Xunta non "informase nin consultase o sector" sobre o novo estatuto da Agadic que agora anuncia
A AAAG lamenta que "nunca se informase nin consultase sobre a elaboración deste novo marco estatutario". Tampouco "consta", censuran, "contactos coa gran maioría das asociacións do sector escénico, musical e audiovisual, polo que consideramos que se levou a cabo de costas á profesión". Neste sentido, Rodil (BNG) tamén critica que esta mudanza "non fose comunicada nin negociada co sector". "Que casualidade que o BNG presente esta pregunta e a Xunta tire este coello da chistera", ironiza a parlamentaria.