Nin montaxe sobre Rosalía nin ningunha outra peza nova. O Centro Coreográfico Galego deixará en branco o seu apartado de nova produción neste 2013. A entidade, dirixida por Mercedes Suárez, quedará sen espectáculo este ano ao suspenderse a montaxe sobre a poeta. Unha montaxe que, titulada Rosalía, tiña intención de sumarse ás celebracións do 150 aniversario de Cantares Gallegos e que xa anunciara a Consellería de Cultura e Educación dentro da programación da efeméride. Non obstante, a obra quedará gardada nun caixón e será substituída por unha produción nova cuxa estrea en ningún caso se producirá antes do próximo febreiro. O espectáculo inicialmente previsto será substituído, segundo fontes da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), por un novo proxecto artístico “máis acorde cos orzamentos dispoñibles e os prazos reais de produción e distribución para 2013”.
A obra quedará gardada nun caixón e será substituída por unha produción nova cuxa estrea en ningún caso se producirá antes do próximo febreiro
Con esas premisas, a peza substituta titularase A Bela Adormecida e será unha versión do ballet de Tchaikovski e Petipa. Da adaptación coreográfica encargarase a propia Mercedes Suárez e a Orquestra Sinfónica de Galicia colaborará no proxecto. A iniciativa artística atópase actualmente en preprodución e calcúlase que a estrea se produza en 2014 na Coruña, probablemente en febreiro. Con A bela adormecida, o Coreográfico de Mercedes Suárez seguirá co modelo experimentado en anteriores montaxes -coma O Quebranoces-, nas que os bailaríns profesionais compartían o escenario con alumnos de escolas e conservatorios de danza de Galicia. O elenco será escollido nunha serie de audicións que se celebrarán no mes de novembro
Para completar o calendario baldeiro do Centro Coreográfico no treito final deste ano, a Agadic adianta tamén que os bailaríns que saian escollidos tralas probas de selección realizarán no mes de decembro varias representacións d'O Quebranoces
Para completar o calendario baldeiro do Centro Coreográfico no treito final deste ano, a Agadic adianta tamén que os bailaríns que saian escollidos tralas probas de selección realizarán no mes de decembro varias representacións d'O Quebranoces, o ballet estreado en 2012 e que sumou máis de 13.400 espectadores durante a súa distribución.
Descontento no sector profesional
“O Coreográfico converteuse na compañía de Mercedes Suárez. Basicamente é unha compañía privada financiada publicamente”, explica unha voceira de Danesga
A suspensión da montaxe do Centro Coreográfico esperta críticas cara a administración no seo da danza galega. Unha das asociacións que aglutina os profesionais do gremio, Danesga, amosou -ante as preguntas de Praza Pública- o seu desacordo sobra a suspensión, mais tamén quixo denunciar a dirección que tomou o Coreográfico dende o mesmo momento en que chegou a actual responsable á dirección, alá no verán de 2010. “O Coreográfico converteuse na compañía de Mercedes Suárez. Basicamente é unha compañía privada financiada publicamente”, explica unha voceira de Danesga, organización que se está a reinventar na actualidade e que busca ser agora un colectivo horizontal na defensa dos intereses da danza, sen presidencias nin cargos determinados fixos.
Neste mesmo senso, considérase que o Coreográfico actual está a darlle “as costas aos profesionais de Galicia” ao seguir as directrices de Suárez. “Converteuse nun ballet de danza clásica. Converteuse niso e a verdade, cantos profesionais deste país realizan danza clásica? Cantos son especialistas nese ámbito? Non hai. Hai xente con base clásica, pero non especializada niso. Este centro, polo tanto, dá as costas aos profesionais deste país que van por outros camiños artísticos” sinala a mesma fonte de Danesga, relembrando a preocupación que xa se escoitara coa chegada de Suárez hai tres anos.
"Converteuse nun ballet de danza clásica. Cantos profesionais deste país realizan danza clásica? Cantos son especialistas nese ámbito? Non hai"
As audicións tamén espertan certas dúbidas. “Non sabemos realmente como se fan estas audicións, en que condicións. Sempre se escollen os mesmos. Son un auténtico paripé”, laméntanse dende o colectivo.
Para Danesga, ademais da suspensión da produción sobre Rosalía, hai outra cuestión enriba da mesa: a suposta parálise da institución. “Que fai este Centro Coreográfico? Residencias non se fan, a formación non se fai; so había produción. E agora? Nin iso. Que fai entón?”, reflexionan dende o colectivo.
“Pedímosllo a Mercedes Suárez e nunca o fixo. Queremos un plan anual sobre o Centro Coreográfico. Tamén llo pedimos ao conselleiro e ao secretario xeral e nunca tivemos resposta”
Esta organización lembra ademais as súas reclamacións e as necesidades dun sector sumido nunha gran crise que obriga os profesionais a “emigrar”. Entre esas esixencias, destaca a creación dun plan anual sobre a actividade institucional ao redor da danza. “Pedímosllo a Mercedes Suárez e nunca o fixo. Queremos un plan anual sobre o Centro Coreográfico. Tamén llo pedimos ao conselleiro e ao secretario xeral e nunca tivemos resposta”, denuncian dende Danesga, entidade que tamén quere amosar a súa “frustración” e o seu “cansazo” ante a comunicación con esta administración pública. “Falla o diálogo, porque o que se fala non funciona, non serve para nada. Por que todas as xuntanzas e todas as conversas que tivemos con eles estes anos? Para que serven?”, conclúen entre interrogantes.
Ano revolto na Agadic
O AGADIC, centro de varias polémicas e algunhas incertezas, rematou o 2012 descabezado e así ficou no primeiro trimestre deste 2013
A suspensión da montaxe do Centro Coreográfico é un novo capítulo para o ano revolto que se viviu tanto nas artes escénicas como na propia Agadic. O citado organismo, centro de varias polémicas e algunhas incertezas, rematou o 2012 descabezado e así ficou no primeiro trimestre deste 2013. O seu antigo director, o músico Juan Carlos Fasero, abandonaba o posto de director tras as eleccións autonómicas para recaer na efémera SGAE de Antón Reixa nun cargo -en principio- máis cómodo. Non obstante, as aparencias enganaron e en maio deste ano resultaba fulminantemente destituído. O pano de fondo? Precisamente, unha subvención entregada a Reixa nos compases finais da xestión de Fasero na Agadic. Pouco despois de que se lle concedese unha axuda automática de máis de 140.000 euros a Galicia Caníbal -o musical producido por Reixa- o músico deixaba o organigrama da Xunta e chegaba a ser representante da SGAE no Noroeste. Tal sucesión de acontecementos espertou certa controversia nun sector escénico asfixiado pola crise e que, entre ruxerruxes, se preparaba para un 2013 revirado de todo.
Un 2013 que seguiu como rematou o 2012. En crise, coa incerteza, con bolos de concellos sen pagar e mesmo coas antigas caixas retendo recadacións dalgúns espectáculos. As compañías e os profesionais afogaban sen ver solucións. Para rematar, o sector carecía do seu interlocutor natural na administración. A Agadic, dende a marcha de Fasero, andaba sen director e paralizado. A situación alongouse durante uns cinco meses, até que a comezos de marzo a Xunta escolle a Jacobo Sutil, procedente do sector da construción. O sector recibe o seu novo interlocutor entre desconfianza pola súa desconexión coas artes escénicas e entre chanzas polas súas fotos en Facebook coa bandeira de España.
O sector, para non ficar estarrecido, presentou ao longo das mobilizacións unha serie de reclamacións. A primeira delas era a creación dun plan estratéxico a medio prazo, que permitise crear un marco amplo de actuación institucional e empresarial
Máis alá das chanzas, os meses previos á chegada de Sutil foron longos e combativos. A Plataforma das Artes Escénicas e Musicais -entidade que engloba a un bo número colectivos profesionais das artes vivas, incluída Danesga- protagonizou unha serie de mobilizacións, protestas e reivindicacións representando unha ameaza clara de ruptura coa Consellería encabezada por Jesús Vázquez. E todo comezou nunha primeira asemblea celebrada a finais de xaneiro, un luns pola mañá, en plena rúa. A intención era organizala no interior do Salón Teatro, mais non houbo permiso da Xunta e o local apareceu pechado. Un par de semanas despois, a Plataforma foi máis alá e decidiu ocupar o Salón Teatro sen previo aviso, tras unha representación programada de Talía Teatro. Alí, ante a mirada do director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, decidiuse en asemblea ocupar a Cidade da Cultura baixo o lema da plataforma Cultura contra a mentira. O Gaiás foi, polo tanto, a seguinte parada na escalada de protestas cunha ocupación dunhas doce horas, até que os axentes de Policía botou os profesionais do sector do complexo de Peter Eisenman. Era mediados de febreiro e no seo das artes escénicas ía moito frío.
Probablemente, este 2013 ficará sen eses certames, do mesmo xeito que agora o Centro Coreográfico Galego queda sen produción até 2014. Un 2014 que ten pinta de seguir as liñas marcadas polos seus antecesores para a escena do país
O sector, para non ficar estarrecido, presentou ao longo daas mobilizacións unha serie de reclamacións. A primeira delas era a creación dun plan estratéxico a medio prazo, que permitise crear un marco amplo de actuación institucional e empresarial. A segunda esixía a apertura inmediata das convocatorias para a distribución, é dicir, das redes de teatro e auditorios que quedaron paralizadas varios meses, até que en abril se puxeron en funcionamento. A terceira -antes da chegada de Sutil- era que se nomease dunha vez un director para a Agadic: o sector precisaba un interlocutor válido coa administración. Esas eran, entre outras, as peticións constantes e máis intensas dos profesionais que, durante varios meses, realizaron mobilizacións e interromperon actos do conselleiro reclamando solucións para un oficio que, en pleno Ano Vidal Bolaño, en vez de andar de celebracións, advertía do perigo dunha posible desaparición da profesionalización escénica. “O titular deste ano Vidal Bolaño, se non o remediamos, podería ser: ‘Roberto Vidal Bolaño: vida e morte do teatro profesional en Galicia”, chegara a dicir Morris na presentación da Asociación RVB. E, detrás do teatro profesional, ben poderían ir o resto de artes vivas.
Con Sutil xa no seu despacho da Cidade da Cultura e tendo xurado o cargo diante dun crucifixo, as cousas acougaron aos poucos para artes escénicas. Puxéronse en marcha as redes de distribución, desatascáronse varias reclamacións e comezou a fluír un novo diálogo en diversas reunións con representantes do gremio. Non obstante, aínda quedaban algún que outro pau por recibir no ámbito das táboas. No verán, sóubose que os premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde de textos dramáticos quedaban adiados. Probablemente, este 2013 ficará sen eses certames, do mesmo xeito que agora o Centro Coreográfico Galego queda sen produción até 2014. Un 2014 que ten pinta de seguir as liñas marcadas polos seus antecesores para a escena do país.