Os populares amplían de 4 a 6 anos o prazo para que as compañías inicien obras sen ter que avaliar de novo o seu impacto, e fano cun procedemento cuxa legalidade avalía o Constitucional tras denuncialo o PSdeG
Como case cada ano desde que Feijóo é presidente, a Xunta presentou ao Parlamento xunto cos orzamentos para 2020 unha lei de acompañamento -que require menos debate e trámites que as leis ordinarias- coa que desta volta quere modificar outras 30 normas previas que nada teñen que ver coas contas públicas. Pero unha vez que esa lei de acompañamento xa iniciara a súa tramitación parlamentaria o PP presentou unha emenda coa que agora quere modificar unha lei distinta ás 30 que xa quería corrixir antes, a Lei 1/1995 de protección ambiental de Galicia. Un procedemento, o de emendar algo que non se tocaba no texto orixinal da lei de acompañamento, sobre cuxa constitucionalidade está pendente de pronunciarse o Tribunal Constitucional tras unha denuncia formulada o pasado ano polo PSdeG. Un mecanismo ao que o os populares recorren novamente para reducir desta volta, entre outras cuestións, o control ambiental de grandes proxectos empresariais.
A lei establecía ata agora que as declaracións de impacto ambiental aprobadas pola Xunta para permitir grandes proxectos empresariais no territorio caducaban se aos catro anos de outorgarse non comezaran aínda as obras, o que obrigaría a realizar unha nova avaliación ambiental do proxecto en cuestión. A lei de acompañamento para o próximo ano presentada pola Xunta ao Parlamento modificaba outras 30 leis de todo tipo, pero non esa.
O PP quere que a emenda teña carácter retroactivo e beneficie tamén ás empresas que obtivesen permiso ambiental desde 2014, que aínda poderían comezar as súas obras sen ter que tramitar unha nova declaración ambiental
Agora os populares emendan a lei de acompañamento para cambiar tamén esa lei de 1995 e establecer que “a declaración de impacto ambiental do proxecto ou actividade perderá a súa vixencia e cesará na produción dos efectos que lle son propios se, unha vez publicada no DOG, non se comezase a execución do proxecto ou actividade no prazo de seis anos”, dous máis do previsto ata agora, o que reduce o control ambiental sobre posibles novos impactos deses proxectos sobrevidos co tempo.
O PP quere ademais que esta emenda teña carácter retroactivo e contempla que esa ampliación do prazo de catro a seis anos afecte tamén aos permisos outorgados desde 2014 que aínda estivesen vixentes sen iniciarse as obras. E o mesmo propón para as declaracións ambientais das concentracións parcelarias, emendando igualmente agora a lei de 2015 que as regula e que tampouco era tocada no texto orixinal da lei de acompañamento.
Os socialistas critican que o procedemento elixido polos populares limita a igualdade do resto de deputados que xa non poden emendar as emendas do PP
O procedemento para modificar esas dúas leis de 1995 e 2015 a través de emendas á lei de acompañamento que non corrixen o texto orixinal desa lei de acompañamento senón directamente as normas anteriores foi xa empregado polo PP o pasado ano e denunciado polo PSdeG ante o Tribunal Constitucional cun recurso de amparo, que aínda non resolveu sobre a cuestión.
Tras coñecer as autoemendas do PP deste ano, o grupo socialista xa rexistrou un escrito no Parlamento reclamando que non sexas tramitadas nin esas correccións dos populares nin outras emendas que propón o grupo Común da Esquerda a outras leis tampouco citadas orixinalmente na lei de acompañamento. “De ser admitidas suporía levar a cabo verdadeiras iniciativas lexislativas novas que, por se presentaren no trámite de emendas, impediría que os demais grupos parlamentarios puidesen exercer a súa facultade e dereito de exame e presentación de emendas. Así, son introducidas modificacións en leis que nin tan sequera formaban parte do proxecto de lei remitido” á Cámara, critican os socialistas. Isto é, a imposibilidade do resto de grupos de emendar esas emendas vulneraría, ao entender dos socialistas, o dereito constitucional de todo cargo público a exercer o posto en condicións de igualdade.
O grupo Común da Esquerda critica que "o PP emprega a Lei de Acompañamento para coar pola porta de atrás modificacións transcendentes que poderían provocar rexeitamento social”
Contra o proceder do PP tamén se pronunciou este xoves o grupo Común da Esquerda, cuxo portavoz, Antón Sánchez, criticou que "unha vez máis, o PP emprega a Lei de Acompañamento para coar pola porta de atrás modificacións lexislativas transcendentes que poderían provocar rexeitamento social, para así obviar o debate público”. Neste caso, salienta Sánchez, "o que pretende o PP é favorecer as mineiras, as eléctricas e a outras empresas que queren explotar o noso territorio sen ter en consideración a preservación dos valores medioambientais".
Mentres recorre a este tipo de procedementos para modificar no que vai de lexislatura, xa sexa a través das leis de acompañamento propostas pola Xunta ou das emendas formuladas polo PP a esas leis, agora xa máis de 60 normas previas, o Goberno galego só foi quen de impulsar 15 leis ordinarias.