O Goberno galego fixa na lei de acompañamento que a obriga de reparar os danos ambientais prescriba aos 15 anos ou que os concellos poidan pedir cartos en lugar de solo aos promotores obrigados a realizar cesións para poder construír
O “goberno previsible”, como adoita definir o presidente Feijóo ao seu executivo, modificará a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2020 ata 30 leis previas de todo tipo de ámbitos. Malia as súas reiteradas referencias á “seguridade xurídica” e a “estabilidade” das súas propias políticas, o Goberno galego modificará desta volta incluso dúas leis aprobadas hai só tres meses. Unha modificación acelerada de leis preexistentes que se produce ao tempo que a Xunta non é quen de impulsar as novas leis que se comprometeu a aprobar.
A denominada lei de acompañamento dos Orzamentos anuais é un mecanismo que permite ao Goberno galego modificar outras leis cando supostamente teñen relación con cuestións tributarias ou financeiras ligadas ás contas públicas de cada ano. Porén, os gobernos autonómicos do PP veñen utilizando ese mecanismo de xeito habitual para emendar todo tipo de leis previas aínda que non teñan relación con cuestións tributarias, e empregando para iso un procedemento de tramitación acelerado que evita boa parte do debate e informes necesarios para a aprobación de calquera outro tipo de lei.
Se hai dous anos a Xunta modificou a través da lei de acompañamento daquel exercicio un total doutras 20 leis previas, e o ano pasado foron 24, desta volta serán 30 as que se cambiarán, 20 delas impulsadas na última década por gobernos do propio Feijóo. Entre as normas que se modificarán desta volta están incluso tres leis aprobadas este mesmo ano: a de rehabilitación e rexeneración urbanas, a de administración dixital e a de patrimonio natural e biodiversidade. As dúas últimas foron aprobadas hai tan só tres meses e agora a última modifícase para facer que a reparación dos danos ambientais prescriba aos 15 anos de producírense, cando en agosto se establecera que non prescribise nunca. Pola súa banda, a lei de administración dixital é agora modificada apenas tres meses despois para habilitar á Xunta a modificar na súa propia sede electrónica os impresos ou solicitudes normalizados que emprega a cidadanía cando deban ser actualizados sen ter que publicalos no Diario Oficial de Galicia, mecanismo que o Goberno galego non prevera hai só tres meses.
A Xunta baixa impostos á cidadanía con máis patrimonio pero sube taxas en diversos ámbitos
Xunto con estas modificacións de leis tan recentes, a Xunta tamén introduce cambios noutras moitas leis de todo tipo. Se o pasado xoves o propio presidente Feijóo anunciou que a lei de acompañamento incluiría diversas rebaixas de impostos para a cidadanía con máis patrimonio así como para a transmisión de empresas familiares, agora, ao coñecerse o texto, revélase que a norma inclúe tamén unha suba de taxas para diversos tipos de actividades pesqueiras, mineiras ou de transporte, entre outras.
Igualmente, a lei de acompañamento recolle a ampliación de diversas medidas de apoio á conciliación familiar, amplía as modalidades de caza coas que se poden abater xabaríns, flexibiliza o sector do taxi e permitirá que os concellos poidan solicitar aos promotores inmobiliarios que entreguen cartos en lugar de solo nos lugares en que a lei establece que deben facer cesións a cambio de poder construír.
A lei tamén prorroga diversas medidas provisionais xa en vigor ante o atraso da Xunta na aprobación da nova ordenación definitiva deses sectores
A lei tamén prorroga diversas medidas provisionais xa en vigor ante a incapacidade declarada da Xunta para aprobar a nova ordenación definitiva deses sectores. Así, o Goberno galego decide agora prorrogar as concesións de liñas de autobús escolar ante o previsible atraso do seu plan de reestruturación xeral do transporte interurbano en toda Galicia. Igualmente, mantén o veto cautelar a novas salas de xogo e apostas á espera de ter aprobada a xa atrasada nova lei do xogo de Galicia. Nos dous casos, a Xunta xa tiña en vigor medidas provisionais á espera de poder aprobar as definitivas pero, ante o atraso destas, vese obrigada a prorrogar as primeiras a través desta lei de acompañamento.
Estas e outras moitas modificacións legais introducidas na lei de acompañamento aínda deberán ser ratificadas ou modificadas durante a súa tramitación no Parlamento de Galicia. O pasado ano a Xunta tivo a intención de introducir na lei de acompañamento unha nova figura de pediatras desprazables que finalmente non saíu adiante ante a contestación social e dos colectivos afectados.
Leis previas que modifica de xeito expreso a lei de acompañamento dos orzamentos para 2020:
- Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia
- Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia
- Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999
- Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras
- Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
- Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia
- Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia
- Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
- Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
- Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamento da auga embalsada
- Lei 9/2010, de 4 de novembro, de augas de Galicia
- Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia
- Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras
- Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia
- Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias
- Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia
- Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia
- Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia
- Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia
- Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia
- Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia
- Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia
- Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
- Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
- Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral
- Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
- Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
- Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia
- Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia
- Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia