A limitación á apertura de novos salóns de apostas en Galicia durará, de momento, nove meses. A medida, que fora adiantada este mércores polo vicepresidente Alfonso Rueda, foi aprobada este xoves polo Consello da Xunta. O número de casas de apostas quedará limitado, polo de agora, ás actualmente existentes ou en tramitación. Isto é: 41 tendas de apostas, todas funcionando e sen ningunha solicitude en tramitación na actualidade, e 118 salóns de xogo (97 xa funcionando e 21 expedientes pendentes).
O acordo, indica o Goberno galego, ten un "carácter temporal e transitorio" e unha "duración máxima" de nove meses
Estes establecementos de xogo non contaban ata agora en Galicia con ningunha planificación como tal, aínda que si con limitacións en materia de distancias a outros establecementos de xogo e centros educativos de menores de idade.
O acordo, indica o Goberno galego, ten un "carácter temporal e transitorio" e unha "duración máxima" de nove meses desde a data da súa publicación. A duración final dependerá, polo tanto,da entrada en vigor da nova Lei do Xogo, que iniciará en breve a súa tramitación. A Xunta indica que a norma, cuxo borrador se presentará nas vindeiras semanas, "manterá esta limitación".
A Xunta indica que a Lei do Xogo "manterá esta limitación"
O acordo busca, segundo o Goberno galego "impedir condutas especulativas que poidan repercutir no futuro na eficacia da nova Lei do xogo e da planificación que se adopte con ela". A Lei do Xogo actualmente en vigor e que agora vai ser renovada, aprobada en 1985, acabou supoñendo hai tres décadas a condena do daquela vicepresidente popular da Xunta, José Luis Barreiro Rivas.
A Xunta destaca que "nos últimos anos se vén detectado un incremento considerable nas solicitudes de autorización" e afirma que "no resto de comunidades autónomas se está producindo un enorme crecemento da actividade do xogo". Os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas no ano 2016 (últimos datos dispoñibles, ofrecidos polo Ministerio de Facenda). En concreto, xogaron uns 134 millóns de euros e obtiveron uns premios duns 106 millóns.