O TSXG confirma a condena a Sanidade por unha neglixencia médica sufrida por unha muller embarazada que quedou cunha discapacidade do 89% tras un diagnóstico tardío logo dunha exploración e probas insuficientes
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar a condena ao Sergas por unha neglixencia médica que deixou tetrapléxica a unha paciente embarazada e fixa a indemnización en máis dun millón de euros.
Foi a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal quen confirmou a "mala praxe asistencial" na atención a unha paciente embarazada que quedou tetrapléxica logo dun "diagnóstico tardío" e fixou en practicamente 1,16 millóns de euros a indemnización que deberán abonar o Sergas e a súa aseguradora, fronte aos 1,32 millóns recoñecidos en primeira instancia.
Segundo os feitos probados que explica o TSXG, a muller, embarazada de 39 semanas, acudiu en maio de 2022 a un centro sanitario por unha dor dorsal e recibiu a alta. Horas despois, foi trasladada a un hospital, onde tamén recibiu a alta sen que lle realizasen unha resonancia magnética. Ao día seguinte, volveu a urxencias tras sufrir unha forte dor interescapular e perda de sensibilidade nas extremidades inferiores.
Finalmente, unha resonancia revelou un hematoma que comprimía a medula espiñal. O persoal médico practicoulle unha cesárea e, posteriormente, unha intervención neurocirúrxica. Como consecuencia, sufriu unha tetraplexia incompleta e, un mes despois, "recoñecéuselle unha discapacidade do 89%".
O tribunal considera que os síntomas da paciente "non eran inespecíficos" e que a exploración e as probas realizadas foron "insuficientes", polo que houbo mala praxe e un diagnóstico tardío que comprometeu a atención da paciente, segundo recolle a sentenza.
O tribunal considera que houbo mala praxe e un diagnóstico tardío que comprometeu a atención da paciente, segundo recolle a sentenza
Porén, os maxistrados sinalan que "non existen datos obxectivos sobre o grao de lesión que presentaba" o primeiro día que acudiu a urxencias do hospital, nin sobre as posibilidades de recuperación cunha intervención temperá. Por este motivo, fixa a indemnización no 70% do importe base, fronte ao 80% recoñecido inicialmente.
A resolución, que non é firme xa que cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo, estima en parte os recursos do Sergas e da aseguradora para reducir a indemnización á paciente en 166.000 euros, minorando lixeiramente a cantidade que ditaminara o Tribunal de Instancia da Coruña o pasado mes de marzo e que é bastante máis do que ofrecera o seguro.
Este ditame do Tribunal de Instancia, que agora se confirma en case toda a súa totalidade polo TSXG, estimara en parte o recurso que formulara a afectada contra a resolución da Consellería de Sanidade de setembro de 2024, que denegara a reclamación de indemnización ao Sergas por deficiente asistencia sanitaria.