O doente tardou 20 horas en ser visto por un neurólogo nun caso no que o TSXG di que "non só non foi priorizado correctamente, senón que nin sequera foi atendido no prazo da prioridade que lle asignaron"
A triaxe é o proceso polo que un sanitario avalía, no primeiro momento en que toma contacto cunha persoa necesitada de atención, cal é a prioridade hipotética do seu caso, fixándose un tempo máximo para ser atendido. No caso dun ictus, o Sergas ten establecido un máximo de 10 minutos.
Porén, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta a indemnizar con máis de 550.000 euros a un home por non atender o seu ictus como debía: a súa triaxe non só non foi correcta, xa que non foi clasificado como ictus, senón que a súa prioridade, fixada nunha hora no momento en que acudiu a Urxencias, foi tamén incumprida e tardou unha hora e 28 minutos en ser atendido. E non foi a única demora que sufriu, porque non se lle realizou unha resonancia ata 15 horas despois e tardou 20 horas en ser visto por un neurólogo.
Segundo a sentenza agora feita pública polo TSXG, o home foi atendido nunha primeira ocasión a comezos de xaneiro de 2019 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) con síntomas que segundo o tribunal deberan levar aos sanitarios a considerar "a hipótese do accidente isquémico transitorio (AIT)", o que non se fixo. O home volveu ser atendido cinco días despois e considerouse que sofría un cadro de "vertixe persistente". E 13 días despois da primeira asistencia, 8 despois da segunda, volveu a Urxencias.
O tribunal constata "un funcionamento anormal do servizo público de urxencias" e cualifica de "inexplicable" que se tardase 15 horas en facer unha resonancia e 20 en que o vira un neurólogo
Nesa terceira ocasión a triaxe que se lle fixo tampouco o cualificou como posible ictus, o que debía levar a atendelo en 10 minutos, senón que "foi cualificado con prioridade III ás 18.07 horas, e non foi atendido ata as 19.35 horas, o que supón obxectivamente un atraso de 28 minutos sobre o máximo previsto para ese código de atención, o que necesariamente implica un funcionamento anormal do servizo público de urxencias", di o tribunal. "Non só non foi priorizado correctamente, senón que nin sequera foi atendido no prazo da prioridade que lle asignaron", conclúe o TSXG.
Pero as demoras na súa atención, máis alá dos erros de diagnóstico, continuaron. "Tras a exploración, ao paciente foille ordenada a práctica dun TAC, pero ao non haber mellor prioridade sinalada polo Código ictus, este non se realiza ata as 23 horas", cinco horas despois da súa chegada a Urxencias, "evidenciándose suxestión de accidente cerebrovascular". Porén, o TSXG salienta que o resultado do TAC chega "sen que inexplicablemente se lle practique resonancia ata as 9 horas e sexa visto por un neurólogo ata as 13.24 horas". Isto é, 20 horas despois da súa chegada a Urxencias.
O TSXG matiza na súa sentenza que resulta difícil fixar o inicio dos síntomas do accidente cerebro vascular, e polo tanto o tempo pasado ata a súa atención e a responsabilidade nas secuelas por parte do sistema sanitario. Porén, a súa sucesión de demoras e erros de diagnóstico leva o TSXG a condenar o Sergas a pagar unha indemnización de 552.900 euros.