Milleiros de persoas reclaman o "rescate" do Hospital Álvaro Cunqueiro na mobilización de SOS Sanidade

Manifestación de SOS Sanidade Pública en Vigo este mércores CC-BY-SA BNG

"Non defendemos imposibles. Defendemos reconstruír o que por decisión política se destruíu", asegura SOS Sanidade Pública no manifesto que pechou a manifestación

A veciñanza da área de Vigo mobilizouse este mércores polas rúas do centro pola chamada da asociación SOS Sanidade Pública para "reconstruír" a súa área sanitaria, a única do país na que parte da poboación ten que ser atendida nun hospital privado, Ribera Povisa, a través do seu concerto co Sergas, despois de que o plan inicial para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro diminuíse o seu tamaño. "Non defendemos imposibles. Defendemos reconstruír o que por decisión política se destruíu", aseguraron no manifesto, que leu a poeta Silvia Penas.

No "plan de reconstrución" da área sanitaria que lle reclaman á Xunta inciden en que é preciso "reverter a concesión" para que o Cunqueiro sexa "100% público", "recuperar o proxecto" e o "plan funcional inicial". Da mesma maneira, piden unha "ampliación de camas e servizos" no centro hospitalario. Esixen que se contrúa "o edificio anexo previsto para acadar as 1.265 camas" e que o Sergas poña "a pleno rendemento as camas do Meixoeiro (422) e do Nicolás Peña (117)".

Detalle da masiva concorrencia á manifestación de SOS Sanidade Pública, este 4 de novembro en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

SOS Sanidade trasladou á cidadanía desde a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro "xa son 37.000 usuarias e usuarios" os que deixaron Ribera Povisa e pasaron a engrosar a poboación de referencia do Álvaro Cunqueiro,  7.806 persoas só este ano. 

"O mesmo ocorre coa poboación asistida por Muface, a mutua das persoas funcionarias, na área sanitaria de Vigo, nos últimos oito anos, 8.000 funcionarios elixiron ser atendidos pola sanidade pública. Este movemento indica que a poboación estima a atención que recibe dos hospitais públicos", salientaron, para engadir que isto tamén supón un "incremento da presión asistencial" sobre o sistema público, sen incremento de persoal nin de espazo para atendelos.

"A estratexia da Xunta é deteriorar a sanidade de todas e todos para xustificar o negocio duns poucos", denunciaron

A organización cifrou a asistencia nunhas 35.000 persoas de toda a área. Á manifestación acudiron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a líder da oposición en Galicia, a portavoz do BNG Ana Pontón, entre outros representantes políticos tanto da formación nacionalista como do PSdeG. 

Outro dos puntos fortes das reivindicación volveu recaer na atencion primaria, con listas de agarda inasumibles nesta área, así como unha importante falta de profesionais. "Reclamamos un plan de recursos humanos que permita ter unha asistencia sanitaria de calidade con recursos públicos. É preciso rematar cos cupos de atención primaria con axendas de traballo imposibles de máis de 40 ou 50 pacientes por profesional e día, coa existencia de milleiros de cidadáns sen médico asignado durante meses e incluso anos", aseguraron no manifesto que pechou a mobilización fronte á sede da Xunta en Vigo.

SOS Sanidade calcula que asistiron unhas 35.000 persoas a esta manifestación CC-BY-SA BNG

"A sanidade pública é un dereito fundamental e un patrimonio colectivo que pertence a toda a sociedade. Non podemos aceptar máis listas de agarda, máis peches de camas, máis deterioro na atención primaria nin máis desvío de recursos públicos cara á sanidade privada. A estratexia da Xunta é deteriorar a sanidade de todas e todos para xustificar o negocio duns poucos", denunciaron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.