Povisa autovixíase: o Sergas incumpre a obriga de "supervisión" e reenvíalle as queixas

Fachada do Hospital Ribera Povisa co detalle do documento de resposta do Sergas á reclamación dun paciente © Ribera Povisa | Montaxe: Praza.gal

A queixa desta paciente deu inicio a "un procedemento interno de control para verificar a situación" en Ribera Povisa por parte do Sergas. Agora, a resposta do Sergas á reclamación desta paciente devolve a responsabilidade ao hospital privado

O concerto entre o Sergas e Ribera Povisa é excepcional, en ningunha outra área sanitaria hai unha parte da poboación que teña como hospital de referencia un centro privado. Por iso, no decreto do ano 2019 polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do sistema público de saúde de Galicia hai unha mención especial sobre a regulación deste hospital vigués.

Na disposición adicional segunda do decreto, relativa ao réxime aplicable ao Hospital Ribera Povisa, especifícase que lle corresponderá á área sanitaria de Vigo a "coordinación, supervisión e seguimento dos servizos e prestacións incluídas no concerto singular vixente co Hospital Povisa, de conformidade coa súa carteira de servizos".

Documento coa resposta do Sergas á reclamación dunha paciente con Povisa con hospital de referencia CC-BY-SA Praza.gal

Ese labor de "coordinación, supervisión e seguimento" é, polo tanto, responsabilidade da xerencia da área sanitaria de Vigo, dende onde contestan a unha paciente con Povisa como hospital de referencia que lle remiten a este centro privado o contido da súa reclamación, e que será este hospital quen lle dea "resolución e resposta". 

A queixa desta paciente, á que tivo acceso Praza.gal, deu inicio a "un procedemento interno de control para verificar a situación" neste hospital de Ribera Salud por parte do Sergas. Esta cidadá presentou unha reclamación porque non foi atendida por un dermatólogo, despois de ser derivada pola súa médica de cabeceira a esta especialidade para unha consulta presencial. 

O decreto aprobado en 2019 di que lle corresponde á área sanitaria de Vigo a "coordinación, supervisión e seguimento dos servizos e prestacións incluídas no concerto singular vixente co Hospital Povisa"

Como publicou este xornal, unha lesión que seis meses antes unha Médica de Familia valorara que necesitaba ser vista en persoa e non a través dunha teleconsulta, acabou por ser unha consulta a distancia sen que nin a paciente nin a facultativa tiveran coñecemento. 

Agora, a resposta do Sergas á reclamación desta paciente devolve a responsabilidade a Ribera Povisa: "En relación á súa reclamación [...], informámoslle que o seu hospital de referencia é Ribera Povisa. Por este motivo, trasladamos o seu contido ao Servizo de Atención ao Paciente do devandito centro para a súa resolución e resposta". 

"En caso de retraso na resposta, póñase en contacto co Centro Hospitalario Ribera Povisa", engaden dende a Subdirección de Humanización e Atención á Cidadanía da área sanitaria de Vigo na súa contestación á reclamación, 21 días despois de recibila. 

O conselleiro de Sanidade, á esquerda, co conselleiro delegado de Ribera Salud, Pablo Gallart, nunha clínica do grupo sanitario en Galicia o pasado ano © Ribera Salud

Para elaborar esta información remitimos tres veces unha consulta á Consellería de Sanidade sobre o feito de que diante dunha reclamación presentada ante a xerencia da área sanitaria de Vigo dunha paciente que ten a Povisa como hospital de referencia, deuse traslado a Povisa do contido da reclamación para que dera resposta. Tamén preguntamos se isto é práctica habitual e se houbo algún cambio no marco legal que permita que o hospital do grupo Ribera Salud se autosupervise.

O Sergas afirma que se realizou unha "visita de inspección" a Povisa este mes, que está analizando a información e determinará "se é necesario adoptar medidas no eido asistencial"

Esta foi a contestación recibida por parte da consellería: "En calquera reclamación que se presenta ante a actuación de calquera servizo do Sistema de Saúde de Galicia, unha das actuacións que pode levar a cabo o órgano ao que lle corresponde a súa tramitación, é a solicitude dun informe á unidade obxecto da reclamación aos efectos de coñecer a situación concreta e a resposta dada en cada caso".

Tras a publicación en Praza.gal da espera por enriba dos criterios do Sergas para a extracción dunha lesión de pel sospeitosa nunha paciente cun melanoma previo, Sanidade informou de que investigaría o caso. A paciente foi intervida na mesma semana por un dermatólogo en Povisa. A investigación do Sergas incluíu unha "visita de inspección" a Povisa este mes de febreiro. 

Sobre isto, a consellería informou de que "está a analizar o conxunto da información recabada no proceso de control e na visita de inspección realizada, co fin de avaliar a situación desde o punto de vista asistencial e das condicións establecidas no contrato". En función desa análise "determinarase se é necesario adoptar medidas no eido asistencial". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.