Unha gran manifestación pide en Santiago "máis sanidade pública" para toda Galicia

Cabeceira da manifestación en defensa da sanidade pública deste domingo 1 de febreiro de 2026 CC-BY-SA Praza Pública

A Plataforma SOS Sanidade Pública congrega en Compostela co apoio de BNG e PSdeG a manifestantes de todo o país para unha nova reivindicación de servizos públicos de calidade

As manifestacións ou concentracións en defensa da sanidade convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública repítense cada certo tempo en distintas localidades, como o pasado 5 de decembro en Vigo, coincidindo coa polémica sobre como o grupo Ribera Salud, propietario de Povisa, xestiona hospitais adscritos ao sistema público de saúde. E tamén cada certo tempo esas protestas locais ou comarcais conflúen en Santiago, como sucedeu o pasado abril e como volveu suceder este mesmo domingo novamente na mesma cidade. Desta volta cun lema ben simple e directo: "Máis sanidade pública".

Á marcha deste domingo en Compostela, baixo a chuvia, acudiu cidadanía de toda Galicia, mobilizada polos diversos grupos locais de SOS Sanidade Pública. E como en casos anteriores contou co apoio de BNG e PSdeG.

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro compartindo pancarta na manifestación pola sanidade pública deste domingo CC-BY-SA Praza Pública

SOS Sanidade Pública puxo o foco no "grave problema de accesibilidade ao sistema sanitario", con listas de espera na atención especializada e quendas para a atención primaria para as que hai que agardar varios días incluso para a cita telefónica. Uns problemas que acaban derivando no colapso das urxencias hospitalarias e dos puntos de atención continuada (PAC).

Para os convocantes non é só un problema de falta de profesionais senón "de xestión" con decisións políticas que acaban beneficiando á sanidade privada, como se reflicte no aumento nos últimos anos en Galicia do aseguramento sanitario privado.

Pontón e Besteiro piden máis financiamento para a sanidade pública en detrimento dos concertos coa privada

Canto aos partidos que apoiaron a manifestación, tanto Ana Pontón como José Ramón Gómez Besteiro centraron esta semana na sanidade pública as súas preguntas ao presidente Rueda na sesión de control á Xunta do Parlamento de Galicia. Os dous chamaron a participar na manifestación deste domingo e pediron máis financiamento para os servizos públicos en detrimento dos concertos coa privada.

Desde o BNG a súa deputada Olalla Rodil tamén salientou esta semana que "defender a sanidade pública é defender a vida no rural", onde esa é a única vía de atención. Pola súa banda o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, salientou que hai 360.000 galegos e galegas en lista de espera e que en Galicia "temos os mellores profesionais, pero a peor das xestións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.