"O que antes podiamos chamar unha garda mala, agora é unha garda normal. É dicir, que non hai gardas boas, temos gardas malas ou pésimas", aseguran médicos e médicas dos puntos de atención continuada
Setenta persoas agardaban a seren atendidas no PAC de Vigo este primeiro venres de 2026, pasadas as sete da tarde. A “masificación” dos puntos de atención continuada, os servizos de urxencias extrahospitalarias, non deixa de medrar. É unha cadea que comeza pola saturación dos centros de saúde, pasa polo PAC e remata nas urxencias dos hospitais.
“Se as citas para o médico de cabeceira son para dentro de tres semanas, ou aínda que sexa unha semana, hai consultas que non poden agardar ese tempo”, destaca a médica Begoña Peiteado, que dende o PAC de Vigo é testemuña do incremento da demanda na atención, aínda que non todo sexa urxente: “O que antes era anecdótico, como que alguén viñera renovar receitas, agora é habitual”, lamenta a profesional.
Este sábado, 3 de xaneiro, o primeiro no que comezou a funcionar o sistema de gardas voluntarias na quenda de mañá dos PAC galegos, ás tres da tarde había 54 pacientes pendentes da mañá na sala de espera do PAC de Vigo, segundo fontes do persoal deste servizo consultadas por Praza.gal.
“O que antes podiamos chamar unha garda mala, agora é unha garda normal. É dicir, que non hai gardas boas, temos gardas malas ou pésimas”, aseguran médicos e médicas dos PAC, unhas prazas cada vez máis difíciles de cubrir e das que as profesionais acaban marchando.
Critican a “improvisación” da Consellería de Sanidade e que non se cubran nin as xubilacións. “Deixaron que a situación se deteriore tanto que agora a solución é cargarnos con máis traballo e máis horas”, explican sanitarios, que ven “insostible” a longo prazo o modus operandi do Sergas: “Con ameazas e imposicións non solucionan moito”.
"Nos centros de saúde onde non hai un cambio constante de profesionais e non acumulan listas de agarda de cinco, dez ou quince días... no PAC, automaticamente, diminúe a frecuentación da xente", explica Miguel López
“O PAC naceu para atender cuestións de saúde que poidan xurdir no día, durante o horario en que o centro de saúde está pechado. Non teñen por que ser urxencias vitais, nin cousas gravísimas, pero si cousas que aparecen no día e que a persoa non pode resolver. Tamén pode vir xente por cousas leves porque se asusta, isto pasou sempre. O problema hoxe é que vemos no PAC problemáticas que veñen arrastrando semanas, meses e anos”, describe Begoña Peiteado.
Miguel López del Pueyo leva preto de cinco anos traballando no PAC de Ordes e percibe que o bo funcionamento das urxencias extrahospitalarias está directamente relacionado co bo funcionamento dos centros de saúde de referencia, máis aínda se neles hai cadros de persoal estables e as persoas teñen un médico asignado que lles fai un seguimento. “Nos centros de saúde onde non hai un cambio constante de profesionais e non acumulan listas de agarda de cinco, dez ou quince días... no PAC, automaticamente, diminúe a frecuentación da xente”, detalla.
No caso de Miguel López o PAC é unha boa solución para a conciliación familiar. El ten, ademais, unha redución de xornada polo coidado de fillos menores. “O que me gusta é a consulta e a Atención Primaria. Pero o PAC resúltame cómodo para a conciliación, permíteme estar máis presente na casa, e non é un traballo desagradable tampouco. Fas un traballo resolutivo, realízaste a nivel profesional doutro xeito que na Primaria, á que agardo poder volver se se dan as condicións”, resume.
"A xente quere todo para xa. É como que non conciben que non poden acudir alí simplemente a que alguén lles tranquilice", contan os sanitarios
Un caso distinto é o de Tinabuna Martín, que pediu o cambio do PAC de Noia a un centro de saúde nos últimos traslados internos do Sergas. Xa tiña que estar na nova praza en Atención Primaria antes de rematar o ano, pero a Consellería xa advertiu que habería atrasos. “Pedín o cambio por conciliación familiar, a sobrecarga asistencial no PAC vai a máis dende que entrei, pero sei que vou ter bastante traballo tamén na consulta”, conta.
En Noia o PAC atende a poboación deste concello e mais dos de Outes, Lousame e Porto do Son; e os traslados implican moverse ata o Hospital do Barbanza cos doentes ou ata Santiago. Por iso Tinabuna Martín fai fincapé en que cada vez que quedan menos médicos nestes centros de saúde, ou pechan de tarde, no PAC desbordan. “Inflúe moitísimo tamén a falta de pediatras na zona”, destaca. “Pero non lle podemos pedir a xente que non veña, teñen dereito á asistencia sanitaria”, defende.
Un dos cambios que perciben as médicas e médicos dos PAC nesta década é o da inmediatez aplicada á sanidade: “Querémolo todo para xa”. E non sucede só coa poboación máis nova. “A xente quere todo para xa. É como que non conciben que non poden acudir alí simplemente a que alguén lles tranquilice”, contan os sanitarios.
"Hai compañeiros que polo cansazo ou por idade si que lles gustaría cambiar do PAC a un centro de saúde, pero imaxino que lles dá medo o salto", di Carlos Gabián
Carlos Gabián, Médico de Familia en Vigo, argumenta como a “mellor calidade de vida” da poboación en xeral implica que se consulten máis os temas de saúde e que a xente sexa “máis esixente coa sanidade”. O sistema sanitario non está a ser quen de dar resposta a este novo paradigma e a masificación dos PAC é un dos mellores exemplos.
Gabián pasou moitos anos traballando en diferentes PACs da área sanitaria de Vigo, estivo moi activo en mobilizacións como as últimas da plataforma PACs en pé de guerra, grazas ás que conseguiron mellores dotacións de médicos e persoal de enfermería, parte fundamental da atención das urxencias e emerxencias. Con todo, pediu o cambio a un centro de saúde porque “as gardas de 24 horas xa se me facían moi longas”.
“Hai compañeiros que polo cansazo ou por idade si que lles gustaría cambiar do PAC a un centro de saúde, pero imaxino que lles dá medo o salto. A min custoume moito poñerme ao día coa burocracia da consulta diaria. E logo que é unha maneira distinta de abordar a atención, no centro de saúde ves moitos doentes crónicos e te levas as preocupacións para casa”, relata Carlos Gabián.
A “degradación” do traballo no PAC comeza cando se ven máis consultas “banais” que certamente “urxentes”. “A carga asistencial doutras cousas que non deberan chegar ao PAC fai que cando entran as emerxencias esteas máis canso“, destacan profesionais do Sergas. Por outro lado, se nos centros de saúde non ven aos doentes crónicos “a tempo“, estes acaban en urxencias con maior frecuencia e con cadros clínicos agravados.
A "degradación" do traballo no PAC comeza cando se ven máis consultas "banais" que certamente "urxentes"
“Se os profesionais acaban escapando do PAC si que se vai crear unha situación moi complexa“, valora Carlos Gabián. Agora, a falta de persoal no PAC soluciónase con horas a maiores das profesionais deste servizo, de maneira voluntaria; con contratos eventuais ou con horas a maiores de profesionais dos centros de saúde.
A nova categoría de médicos (FEAP) que implantou o Sergas –un dos motivos que levou aos sanitarios á folga en novembro– xa obriga a facer gardas no PAC a quen pasa consulta nos centros de saúde como xornada ordinaria. Uns contratos que as profesionais consultadas por este xornal consideran “envelenados”.
“A Medicina de Familia é unha especialidade moi bonita e moi agradecida, se podes aplicala ben. O que está de fondo é que non se valora o traballo que facemos”, apunta Carlos Gabián.
A solución na que coinciden todos é que “habería que aumentar os cadros de persoal no PAC”. Non é posible pola “falta de planificación” da Consellería. Pero, como indican as médicas e médicos máis veteranos, non axuda que os do PAC sexan “os traballadores peor tratados do Sergas”, aos que se lles denegan por sistema os días libres e se lles aplican “normas non escritas e ilegais” para limitar as vacacións no verán.