Galicia, á cabeza dos territorios nos que as listas de espera impediron o acceso á atención sanitaria

Unha paciente agarda na sala de espera dun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

Galicia é a segunda comunidade autónoma na que unha maior porcentaxe da poboación, un 31,8%, afirma que nos 12 meses anteriores sufriu "demora excesiva" ou "inaccesibilidade á asistencia médica" por mor das listas de espera

O INE publicou este martes a Enquisa de Saúde de España, un completo traballo estatístico que de forma periódica -a última entrega databa de 2017 e esta contén datos de 2023- afonda na situación da atención sanitaria, nos hábitos de vida e prevención e no estado da saúde da poboación. 

Un dos aspectos polos que pregunta o INE é sobre as dificultades no acceso á asistencia sanitaria vividos nos últimos meses pola cidadanía, ben por mor das listas de espera, ben por motivos económicos. Neste senso, os datos da enquisa amosan un claro incremento -especialmente en Galicia- do número de persoas que sufriron excesivas demoras ou que, directamente, nun puideron recibir a necesaria atención por mor de crecentes períodos de espera. 

En concreto, Galicia é a segunda comunidade autónoma na que unha maior porcentaxe da poboación, un 31,8%, afirma que nos 12 meses anteriores sufriu "demora excesiva" ou "inaccesibilidade á asistencia médica" por mor das listas de espera. Tan só A Rioxa (36,1%) supera estes datos. A media do conxunto do Estado (18,3%) está moi por debaixo da cifra galega.

Tan só un 56,2% dos galegos e galegas din que no ano anterior non sufriron esperas excesivas que dificultaron ou impediron o seu acceso á atención sanitaria (a media española situouse no 72,7%). O 12,1% sinala que nese tempo non necesitou asistencia sanitaria (9% no conxunto do Estado).

En 2017 o 9,8% dos galegos e galegas tiveron dificultades de acceso por mor das listas de espera e seis anos despois esa porcentaxe máis que se triplicou (31,8%)

Comparando os datos desta Enquisa de Saúde cos de entregas anteriores, vemos como nos últimos anos a porcentaxe de poboación que sofre demoras excesiva na sanidade medrou de forma importante, especialmente en Galicia. En 2017 o 9,8% dos galegos e galegas tiveron dificultades de acceso por mor das listas de espera e seis anos despois esa porcentaxe máis que se triplicou (31,8%). 

A suba foi moito máis importante que no conxunto de España, onde esta porcentaxe pasou do 15,4% ao 18,3%.

O 7,7% dos galegos e galegas afirman que non puideron acceder á atención médica por "motivos económicos". Trátase da maior porcentaxe en todo o Estado

O outro gran obstáculo no acceso á sanidade é o económico. O carácter público da asistencia sanitaria e a calidade que ata agora amosou este sistema público fan que a falta de recursos non supoña un problema maior. Aínda así, o 7,7% dos galegos e galegas afirman nesta enquisa que nos doce meses anteriores non puideron acceder á atención médica por "motivos económicos". Trátase da maior porcentaxe en todo o Estado, moi por riba da media española (3,4%).

Galicia é a comunidade onde máis poboación non puido acudir ao dentista por motivos económicos (16%), case duplicando a media

Os obstáculos económicos para acceder á atención bucodental son evidentemente maiores, ao non estar cubertos a maior parte dos tratamentos polo sistema público. Neste caso, de novo Galicia é a comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación que non puido acudir ao dentista por motivos económicos (16%), case duplicando a media.

Galicia tamén é o territorio onde unha maior porcentaxe da poboación non puido mercar medicamentos receitados debido a motivos económicos, unha situación que afectou ao 7,6% da cidadanía, fronte ao 2,4% do conxunto do Estado.

Finalmente, no que atinxe á saúde mental, Galicia ocupa o segundo lugar, cun 4,8% da poboación afectada, só por detrás de Baleares e de novo case duplicando a media do Estado (2,8%)

Dende o 2017, a poboación galega que non tivo asistencia sanitaria por motivos económicos pasou do 2,2% ao 7%, a que careceu de atención dental por esta razón medrou do 7,7% ao 16%

Se comparamos os datos de 2023 cos de 2017, atopamos que mentres que no conxunto de España a porcentaxe de persoas que non puido acceder a atención sanitaria por motivos económicos se mantivo estable (aumentou no caso da atención médica e da saúde mental e diminuíu no dos medicamentos e na atención dental), en Galicia as cifras disparáronse nese período. 

Así, a poboación galega que non tivo asistencia sanitaria por motivos económicos pasou do 2,2% ao 7%, a que careceu de atención dental por esta razón medrou do 7,7% ao 16%, a que non accedeu a medicamentos por esta causa creceu do 3,1% ao 7,6% e as persoas que non puideron recibir atención á saúde mental, que en 2017 representaban o 0,1%, foron o 4,8%.

A Enquisa de Saúde alerta -con datos para o conxunto de España- dun forte incremento da prevalencia dos cadros depresivos activos, que nas persoas de 15 a 24 anos pasan do 1% ao 5,9%

A Enquisa de Saúde alerta -con datos para o conxunto de España- dun forte incremento da prevalencia dos cadros depresivos activos, que nas persoas de 15 a 24 anos pasan do 1% ao 5,9%, nas persoas de 25 a 64 anos medran do 2% ao 7,5% e nas persoas de máis de 65 anos aumentan do 4,6% ao 10,5%.

Tamén advirte de que o 55% da poboación de máis de 18 anos ten un peso por riba do normal, especialmente os homes (o 62%). Ademais, a obesidade afecta ao 15,2% das persoas adultas (e ao 7,1% dos menores), sobre todo por riba dos 45 anos.

Galicia é o territorio no que a súa poboación considera que ten peor saúde. Catro de cada dez galegos e galegas cren que a súa saúde é regular, mala ou moi mala

En canto ao estado da saúde dos galegos e galegas, tan só o 59,5% da poboación considera que teña unha boa saúde. Trátase da porcentaxe máis baixa de toda España, por debaixo dos datos da Rioxa (65,5%) e Asturias (67,8%) e moi por debaixo da media do Estado (74,1%).

Trátase dunha dinámica habitual nesta enquisa, na que o estado da saúde propia percibido polos galegos e galegos adoita aparecer nos últimos lugares. Así sucedía tamén en 2017, cando Galicia era o territorio con peor valoración da súa saúde. Iso si, os datos eran entón mellores que os actuais, cun 64,62% da poboación con saúde boa ou moi boa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.