O servizo de Cardioloxía da área de Lugo é, con máis de cinco meses, o que maior demora media para consultas externas rexistrou no peche de 2024
Os datos das listas de espera divulgados polo Sergas a principios de marzo, correspondentes á fin de 2024, trouxeron consigo os habituais indicadores de demora cirúrxica, desta volta cunha lixeira mellora na media galega. E incluíron, como é habitual, información sobre a demora no acceso a consultas externas, unha media galega de 60,8 días que a Consellería de Sanidade sinalou como positiva en tanto que implicou unha redución de doce días e medio a respecto do indicador dun ano antes.
Unha ollada polo miúdo a esas cifras de demora no acceso ao especialista revela, outra volta, notables disparidades entre especialidades, pero tamén territoriais. Así, por exemplo, mentres a media galega no acceso ás consultas externas rolda os dous meses, en cinco especialidades das áreas sanitarias de Lugo, Ourense e Pontevedra esa demora dispárase por riba dos catro meses.
Como amosa a táboa sobre estas liñas, os datos oficiais de Sanidade reflicten que, no peche do ano pasado, o servizo de Cardioloxía da área sanitaria de Lugo -que abrangue toda a provincia dende a reforma de 2018- tiña os rexistros máis elevados de espera de toda Galicia. Cunha demora media de 159,8 días, 66 máis ca un ano antes, é a única área na que unha especialidade require agardar máis de cinco meses para obter unha consulta.
Psiquiatría na área lucense, Oftalmoloxía e Rehabilitación na ourensá e Neuroloxía na de Pontevedra tamén están por riba dos catro meses de espera
Por baixo dos cinco, pero superando o limiar dos catro meses están tamén as consultas externas noutras dúas especialidades das grandes áreas sanitarias do interior. Trátase de Psiquiatría en Lugo e de Oftalmoloxía e Rehabilitación en Ourense. A única especialidade nas áreas sanitarias do eixo atlántico na que, con datos do remate de 2024, cómpre esperar máis de catro meses de media é Neuroloxía de Pontevedra-O Salnés.
Alén das cinco especialidades con demoras medias superiores aos catro meses, nos rexistros do Sergas destacan tamén outras sete con esperas por riba dos tres meses. Catro delas son da área sanitaria de Lugo: Dermatoloxía, Anestesioloxía, Medicina Interna e Neuroloxía. Tamén superan o trimestre de espera as consultas de Neuroloxía en Ferrol e de Rehabilitación e Psiquiatría na área de Vigo.
Por riba dos dous meses da media galega sitúanse tamén unha decena máis e especialidades. Trátase de Oftalmoloxía e Rehabilitación en Ferrol, Rehabilitación e Dixestivo en Lugo, Neuroloxía e Alergoloxía na Coruña, Uroloxía e Dermatoloxía en Pontevedra, Alergoloxía en Vigo e Traumatoloxía na área de Santiago e O Barbanza.
Sanidade subliña unha redución media de doce días e medio no acceso ás consultas de especialista nun ano con case cinco millóns de atencións
Como amosa a táboa que acompaña esta información, en once destas especialidades nas que as consultas externas superan a demora media de Galicia os datos son produto dun empeoramento a respecto do peche de 2023. Destacan nesta variable as consultas de Psiquiatría e Rehabilitación en Vigo e mais de Cardioloxía en Lugo, nas que a espera media aumentou máis de dous meses nun ano.
Tamén empeoraron os seus datos interanualmente o servizo lucense de Cardioloxía, os de Neuroloxía en Pontevedra e Ferrol, Alergoloxía en Vigo e Na Coruña, Uroloxía e Dermatoloxía na área pontevedresa e Oftalmoloxía nas áreas ferrolá e ourensá. As restante ducia de especialidades que quedaron por riba da media galega nos datos pechados o pasado decembro fixérono malia mellorar os seus datos en relación aos de doce meses antes.

A xuízo da Consellería de Sanidade, estes datos cómpre lelos tendo en conta que en 2024 se rexistrou un "incremento do 2,7% de consultas de especialista" ata chegar aos 4,9 millóns. Ese é un dato, sinala o departamento que dirixe Antonio Gómez Caamaño, que "cobra maior valor tendo en conta que se conseguiu baixando ao mesmo tempo un 7,5% o número de pacientes pendentes" e a devandita redución media de 12,5 días no tempo global de acceso.