Sanidade subcontrata con varios centros privados diversos servizos médicos para a poboación de Ourense por uns 10 millóns ao ano ante a súa propia incapacidade para asumir as listas de espera
Pacientes da sanidade pública de Ourense que requiran de cirurxías complexas ou neurorehabilitación poderán ser derivados polo Sergas para que sexan atendidos en Vigo. Pero non o serán na sanidade pública no hospital Álvaro Cunqueiro senón no centro privado Fátima que ten na mesma cidade a empresa Vithas, á que o Sergas vén de adxudicar dous dos cinco concursos que abriu para subcontratar diversas atencións médicas á cidadanía de Ourense co argumento de que os medios persoais e materiais da sanidade pública non son quen de asumir as actuais listas de espera desa área sanitaria.

Os concursos convocados polo Sergas en agosto do pasado e agora adxudicados buscaban subcontratar cinco tipos de asistencias sanitarias para a poboación de Ourense: hospitalizacións e cirurxías de media e baixa complexidade, hospitalizacións e cirurxías de alta complexidade, logopedia, procedementos de especial diagnóstico e terapéuticos, e neurorehabilitación de dano cerebral.
No caso das cirurxías máis sinxelas, a logopedia e os procedementos de especial diagnóstico e terapéuticos o Sergas estableceu que "os centros sanitarios deberán localizarse dentro da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Porén, para os lotes de cirurxías complexas e neurorehabilitación sinalaba que "ante a falta de oferta asistencial xunto cos tempos de desprazamentos, os centros sanitarios poderán estar localizados no ámbito territorial da Área Sanitaria de Vigo".
A adxudicación dos cincos contratos agora feita pública permite comprobar que a gañadora dos servizos de cirurxías complexas e neurorehabilitación é Vithas, sen centros con esas capacidades en Ourense pero que conta en Vigo co hospital Fátima. Pola contra, os outros tres contratos foron adxudicados a outras empresas de Ourense.
En total, o Sergas prevé gastar uns 10 millóns de euros ao ano nestas cinco subcontratacións, cifra estimada xa que son acordos marco que despois dependerán dos servizos efectivamente prestados. Serían uns 6,5 millóns para as cirurxías de media e baixa complexidade, 1,2 millóns para as de alta complexidade, 1,7 millóns para os procedementos de diagnóstico, 150.000 euros para a neurorehabilitación e 75.000 euros para a logopedia.
As listas de espera están especialmente disparadas en Ourense, onde o Consello de Contas sospeitou hai uns meses que dous centros privados non se presentaran a un concurso similar ao actual para seguir traballando para o Sergas sen contrato
O pasado maio o Consello de Contas fixo público un informe que puxo o foco en como o Sergas viña subcontratando ata agora a dedo en Ourense desde hai anos diversas atencións médicas cos privados Centro Médico El Carmen e Cosaga sen mediar ningún tipo de concerto sanitario senón cunha figura extraordinaria denominada "autorización temporal de uso". En 2020 Sanidade convocou un concurso público para tentar "regularizar" esa situación, pero ningún dos dous centros privados se presentou e o proceso foi declarado deserto, un resultado que Contas cualificou de "desconcertante", apuntando a posible "existencia de colusión tácita"entre as dúas empresas para poder seguir traballando sen contrato.
En 2022 con ese tipo de subcontratacións a centros privados o Sergas gastou en Ourense uns 8 millóns de euros, "fundamentalmente, pacientes cirúrxicos para aliviar a presión sobre as listas de agarda", segundo o Consello de Contas.
É neste contexto, e coas listas de espera de Ourense especialmente disparadas por riba da media galega e o persoal público saturado, no que o Sergas convocou os concursos agora adxudicados para regularizar as subcontratacións médicas nesa área sanitaria. Neles, ademais dos dous gañados por Vithas para o seu hospital de Vigo, Cosaga vén de facerse en solitario co contrato para hospitalizacións e cirurxías de media ou baixa complexidade e, a medias con outra empresa vinculada, Scanner Orense, co contrato para os procedementos de especial diagnóstico e terapéuticos, que suman uns 8,2 millóns de euros. O contrato de logopedia, o máis pequeno dos cinco, será para unha profesional independente da cidade.
O Sergas está a renovar concertos coa privada tamén en Pontevedra e Vigo malia os importantes investimentos dos últimos anos nos centros públicos
Tamén en Pontevedra o Sergas vén de renovar o seu concerto co hospital Domínguez, do Grupo Quirón, por 3,7 millóns de euros aos ano. E ten pendente a renovación con Povisa para a área de Vigo por uns 100 millóns ao ano, uns 20 máis que os que viña pagando ata agora.
En todas as áreas, Ourense, Pontevedra ou Vigo, Sanidade executou nos últimos anos importantes investimentos nos hospitais públicos que, á vista destes novos contratos, non permitiron reducir cando menos no económico a dependencia nesas áreas da sanidade privada.