A Consellería de Sanidade está a investir máis de 200 millóns de euros na mellora do hospital público pero xustifica manter o contrato coa sanidade privada pola "insuficiencia" de recursos propios
A Consellería de Sanidade vén de renovar o contrato que mantén co Hospital Domínguez de Pontevedra, propiedade do grupo Quirónsalud, para desviarlle doentes da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. O Sergas estima que gastará nesas subcontratacións de servizos sanitarios uns 3,7 millóns de euros ao ano durante tres anos prorrogables por outros dous máis. Farao argumentando "insuficiencia" de recursos propios malia que ten en marcha unha ambiciosa ampliación do hospital público Montecelo por máis de 200 millóns de euros, entre as novas construcións, incluído un aparcamento, e a reforma das xa existentes
O Hospital Domínguez vén sendo subcontratado desde hai anos polo Sergas en Pontevedra. En 2022, último ano auditado polo Consello de Contas, ese hospital recibiu da Xunta 3,2 millóns de euros pola asistencia prestada a pacientes desa área sanitaria e outros 1,8 millóns por atender doentes do resto de Galicia. Era un concerto que funcionaba en precario, xa que o seu último contrato esgotara todas as prórrogas previstas en novembro de 2020.
A finais do pasado ano o Sergas lanzou un concurso público para regularizar esa situación, como tamén fixo en Ourense, onde aínda está pendente de resolverse. E ao proceso só se presentou o Hospital Domínguez, que non rebaixou nin un euro o prezo de partida formulado pola Xunta.
Malia que a Xunta prevé ter en funcionamento o Gran Montecelo en 2025, o novo concerto coa privada esténdese ata 2027 coa posibilidade dunha prórroga ata 2029
O concurso dividiuse en tres lotes: un primeiro lote para cirurxías e hospitalizacións, o groso do que xa viña prestando o Hospital Domínguez, no que a Xunta estimou un gasto de 3,1 millóns ao ano; outro segundo lote para probas diagnósticas ambulatorias cun custo estimado de 267.000 euros; e un terceiro lote para tratamento do dano cerebral adquirido por 357.000 euros.
As ofertas finalmente realizadas por IDCQ Hospitales y Sanidad, a sociedade tras o Hospital Domínguez, coinciden ao céntimo co prezo de partida, sen rebaixar nada. Unhas contías que a Xunta pagará en función dos servizos efectivamente prestados pero para as que contempla posibles modificacións contractuais á alza por ata o 20% deses importes. En total, entre as prórrogas e as posibles modificacións a Xunta contempla a posibilidade de gastar máis de 22 millóns de euros nos vindeiros cinco anos, ata 2029, malia que a Xunta prevé ter en funcionamento o Gran Montecelo este 2025.
Ademais desta renovación do concerto co Hospital Domínguez, a Xunta ten en marcha outros procesos similares para a subcontratación de servizos sanitarios con Povisa na área de Vigo por 100 millóns de euros ao ano e na área de Ourense con varios posibles centros privados por 10 millóns ao ano.