Como vén de facer tamén en Ourense, o Goberno galego xustifica a derivación de doentes pola "existencia de listas de espera" e a "insuficiencia" dos recursos propios do Sergas
O Hospital Domínguez, de Pontevedra, propiedade do grupo Quirónsalud, é o principal centro co que o Sergas vén subcontratando asistencias sanitarias na área de Pontevedra-O Salnés. En 2022, último ano auditado polo Consello de Contas, ese hospital recibiu do Sergas 3,2 millóns de euros pola asistencia prestada a pacientes desa área sanitaria e outros 1,8 millóns por atender doentes do resto de Galicia. Pero é un concerto que funciona en precario, xa que o seu último contrato esgotou todas as prórrogas previstas en novembro de 2020.
Agora o Sergas, como fixo en Ourense hai un mes, quere regularizar esa situación e vén de convocar un concurso público para subcontratar varios tipos de asistencias sanitarias á poboación da área de Pontevedra-O Salnés por 3,7 millóns ao ano durante tres anos prorrogables por outros dous máis. Faino argumentando a "existencia de listas de espera" e a "insuficiencia" dos recursos propios do Sergas malia que ten en marcha unha millonaria ampliación do hospital público Montecelo.
Na obra do denominado Gran Montecelo a Xunta está a investir 120 millóns de euros na construción dun novo edificio hospitalario que se prevé que comece a funcionar o vindeiro ano 2025, ao que hai que engadir un aparcadoiro de 25 millóns ou a dotación interior do complexo, para o que este mesmo luns foi autorizado un primeiro gasto de 30 millóns de euros.
Malia que a Xunta prevé ter en funcionamento o Gran Montecelo en 2025, o novo concerto coa privada esténdese ata 2027 coa posibilidade dunha prórroga ata 2029
Pero as novas dotacións sanitarias públicas de Pontevedra non suporán a fin da derivación de doentes á sanidade privada. Igual que sucedeu en Vigo, onde a construción hai unha década do Hospital Álvaro Cunqueiro non supuxo a fin do concerto co privado Povisa. Iso si cuns custos ben distintos. Só o concerto con Povisa, que tamén vén de caducar, achégase aos 80 millóns ao ano mentres que o concurso que agora vén de convocar o Sergas para actividade concertada na área de Pontevedra-O Salnés será duns 3,7 millóns ao ano.
A cifra tamén é menor que os 10 millóns ao ano do concurso convocado hai un mes para a área de Ourense, onde tamén se viñan subcontratando servizos en precario.
O concurso agora convocado para renovar os concertos da área de Pontevedra-O Salnés divídese en tres lotes: un primeiro lote para cirurxías e hospitalizacións, o groso do que ata agora viña prestando o Hospital Domínguez, no que a Xunta estima un gasto de 3,1 millóns ao ano; outro segundo lote para probas diagnósticas ambulatorias cun custo estimado de 267.000 euros; e un terceiro lote para tratamento do dano cerebral adquirido por 357.000 euros. Porén, a propia Xunta contempla a posibilidade de modificacións contractuais por ata o 20% deses importes.
No caso do concurso equivalente para a área sanitaria de Ourense o Sergas contempla a posibilidade de que as cirurxías máis complexas e a neurorehabilitación poidan ser prestadas en centros privados localizados na área sanitaria de Vigo. Porén, no caso do contrato agora convocado para Pontevedra indícase que para os tres lotes "os centros sanitarios deberán localizarse dentro da área sanitaria de Pontevedra e Salnés".
Aberto o prazo para marchar de Povisa
Este martes abriuse o período anual dun mes no que parte da área sanitaria de Vigo pode elixir se o seu hospital de referencia é o Álvaro Cunqueiro ou o concertado Povisa
Por outra banda, o Sergas abriu este martes o período anual dun mes no que parte da poboación da área sanitaria de Vigo pode elixir se a súa atención sanitaria especializada é prestada no Hospital Álvaro Cunqueiro do Sergas ou no privado Povisa, a onde está adscrita por defecto a poboación do Morrazo, Val Miñor e o suroeste da cidade de Vigo. As solicitudes de cambio de hospital poden presentarse nos centros de saúde.