O plan do Sergas para a atención primaria xa saca o persoal á rúa e suma voces en contra

Mobilización de persoal dun centro de saúde, este 18 de novembro CC-BY-SA CSIF Galicia

Ao rexeitamento rotundo do plan da Xunta para centros de saúde e PAC que amosan sindicatos, organizacións profesionais, colexios médicos e asembleas de médicos únense agora as sociedades científicas. Malia que a presión das folgas e das mobilizacións convocadas levaron o Sergas a retirar a súa proposta para o novo modelo de atención primaria e a ofrecer pequenos acordos, os paros continúan en pé e as protestas comezaron xa este martes.

Centos de profesionais sanitarios concentráronse este martes ante centros de saúde e PAC reivindicando a folga e unha "atención primaria de calidade"

Ante centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC) centos de médicos expresaron o seu malestar polas intencións de Sanidade, o mesmo día no que as sociedades científicas de atención primaria —Agamfec, SEMG e Semergen— uníronse nun comunicado para "apoiar as mobilizacións e as convocatorias de folga" previstas para os vindeiros 26, 27 e 28 de novembro e que cren "xustificadas". 

Mobilización de persoal dun centro de saúde, este 18 de novembro CC-BY-SA CSIF Galicia

Así, explican que as reivindicacións expresadas "non responden a motivos laborais —que, en caso de existir, serían plenamente lexítimos—, senón que son estritamente profesionais". "Temos a responsabilidade de velar pola excelencia dos profesionais, pola competencia derivada da especialidade que representamos e pola eficacia e adecuación da resposta da organización sanitaria ás necesidades da poboación", din as sociedades científicas, que cren que as medidas anunciadas polo Sergas "vulneran de maneira directa estes principios". 

As sociedades científicas de primaria únense a sindicatos, organizacións profesionais, asembleas e colexios médicos contra os plans do Sergas

Como no caso de sindicatos e organizacións profesionais, Agamfec, SEMG e Semergen sinalan tamén a creación e extensión da nova categoría profesional de facultativo especialista en atención primaria (FEAP), que obriga a dúas gardas ao mes e acaba coa figura do médico de familia, como o miolo do malestar. Advirten que supón "atentar contra a equidade organizativa, dificultar o traballo en equipo nos centros de saúde, aumentar previsiblemente as ausencias e erosionar a lonxitudinalidade, un dos valores nucleares da atención primaria".

As sociedades científicas, ao igual que sindicatos e colectivos profesionais, reclaman que a proposta de xeneralización desta categoría "sexa retirada de xeito oficial". O Sergas, que ofreceu deixar conxelada a medida, resístese a poñerlle data de caducidade definitiva, motivo clave polo que as convocatorias de folga se manteñen. 

Agamfec, SEMG e Semergen piden a "retirada oficial" da categoría de facultativo especialista e acusan o Sergas de "cuestionar os valores e a excelencia profesional dunha primaria de calidade"

Si retirou, no entanto, a proposta pola que abría a porta a homologar a especialidade de medicina familiar a profesionais extracomunitarios sen superar o MIR, unha medida que os sindicatos advirten que nin tan sequera é da súa competencia, senón do Ministerio de Sanidade. "A contratación de médicos sen a especialidade obtida vía MIR resulta indefendible; esta é unha liña vermella que non se pode traspasar baixo ningún concepto", din as sociedades científicas, que advirten que ningunha destas entidades "pode aceptar un ataque semellante á calidade asistencial nin as nefastas consecuencias que isto supón para a saúde da cidadanía".

Representantes de CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT, nunha mobilización este 18 de novembro CC-BY-SA UGT Galicia

Porque as sociedades científicas alertan de "momentos complexos nos que están a ser cuestionados os valores e a excelencia profesional que sustentan unha atención primaria de calidade". Coinciden así coa opinión dos sindicatos que este martes, mércores e xoves convocaron concentracións ante os centros de saúde e os PAC. 

Foron centos os profesionais que se concentraron á porta dos seus postos de traballo. Lucía pancartas nas que reclamaban "dotación de persoal", que alertaban de "áreas administrativas saturadas" e "persoal maltratado" ou que que reivindicaban a folga pola súa "saúde". Tamén riscaron a palabra FEAP, en referencia á categoría de facultativo especialista en atención primaria que non satisfai a ninguén. "Por unha atención primaria de calidade", púidose ler tamén nunhas mobilizacións que continuarán este mércores, no que se prevé tamén unha ante a sede da Consellería de Sanidade en Santiago. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.