Outra convocatoria de folga e ameaza dun paro indefinido. Esa foi a resposta á pequena marcha atrás que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, deu esta semana respecto á polémica proposta para un novo modelo de atención primaria que lanzou na mesa sectorial do pasado 17 de outubro.
O documento, entre outras medidas, propuña reconverter todas as prazas vacantes de medicina de familia en facultativo especialista en atención primaria (FEAP) —que inclúe un mínimo de dúas gardas ao mes nun PAC—, que os sábados pola mañá pasen a ser de atención continuada nos PAC ou a homologación de títulos de médico de cabeceira a profesionais extracomunitarios sen necesidade de pasar o MIR, medida esta última que o conselleiro ofreceu xa retirar.
Pero nin esa retirada, nin a proposta de "sentar e empezar desde cero" a negociación, nin moito menos a demanda para a desconvocatoria da folga, convence a sindicatos, asociacións profesionais, colexios médicos e profesionais sanitarios en xeral. Nunha unanimidade pouco común, todos eles non só apostan por manter as mobilizacións e paros previstos, senón que moitos colectivos engádense á revolta contra un plan que semella non contentar a ninguén.
Simega convoca folga o 26, como os sindicatos da mesa sectorial (CIG, CSIF, CCOO e UGT) e O'Mega, que a amplía a 27 e 28; asembleas de médicos da Coruña e Santiago secundarana os tres días
O último foi o caso da organización Simega (Sindicato Médico de Galicia), que anunciou este venres que rachaba as negociacións co Sergas e que mantiña a súa convocatoria de folga na atención primaria para o 26 de novembro, data na que está convocado tamén paro por parte dos sindicatos con representación na mesa sectorial (CIG, CSIF, CCOO e UGT), ademais doutro impulsado por O'Mega, que o convocou para ese mesmo día 26 e mais para o 27 e 28, ademais de para o 9, 10, 11 e 12 de decembro.
Agora, Simega xustifica a súa decisión pola "intransixencia" o conselleiro Gómez Caamaño, a quen acusan de manter unha proposta rexeitada pola profesión médica, os sindicatos e os colexios médicos. Ademais, denuncian que o plan presentado “empeora notablemente” as condicións laborais ao querer facer máis co mesmo persoal.
Simega critica que o Sergas “ignora” a proposta remitida o 3 de novembro, que incluía medidas como eliminar a obrigatoriedade nas gardas, transformar as PAC en servizos de urxencias extrahospitalarias de atención primaria (SUAP), retirar a categoría profesional de FEAP, rexeitar homologacións sen vía MIR e asegurar que as gardas dos sábados sexan voluntarias e remuneradas dignamente.
Simega racha as negociacións co Sergas pola "intransixencia" do conselleiro; asembleas de médicos na Coruña e Santiago ameazan cunha folga indefinida a partir de decembro
Ademais, médicos e médicas de familia das áreas sanitarias da Coruña e de Compostela, reunidos en asemblea esta semana, amosaron tamén o seu "absoluto rexeitamento" ao Plan de Recursos Humanos en Atención Primaria presentado pola Consellería, anunciaron que secundarán a folga os días 26, 27 e 28 e ameazan cunha "folga indefinida" a partir do 1 de decembro no caso de que o Sergas non retire antes as "propostas lesivas" e se abra unha nova negociación "de boa fe e con respecto aos e ás profesionais".
A asemblea de médicos de familia da Coruña ve no plan do Sergas unha "ameaza directa á atención primaria, á calidade asistencial e aos dereitos laborais"
No caso da asemblea na área coruñesa, os médicos e médicas de familia advirten dunhas propostas do Sergas que "supoñen unha ameaza directa á atención primaria, á calidade asistencial e aos dereitos laborais das e dos profesionais". Así, demandan a "retirada inmediata da categoría profesional de FEAP" e sinalan o seu "rexeitamento a calquera homologación da especialidade allea á vía MIR", ademais de reclamar unhas quendas de sábado pola mañá "voluntarias e dignamente remuneradas" e a "retirada inmediata do aplicativo en uso nos PAC para o cómputo da xornada".
Ademais, fan un "chamamento á unidade sindical e á acción conxunta" e emprazan aos sindicatos da mesa sectorial e a O'Mega a "antepoñer a defensa da atención primaria e dos seus profesionais a calquera
reivindicación particular ou estratexia individual", a "escoitar o clamor unánime das e dos traballadores" e a "actuar con unidade nun momento historicamente crítico, no que a fragmentación só beneficia a Administración".
Por iso, reclaman "a unificación dos días de folga e das concentracións", para o que fan unha proposta: folga inicial os días 26, 27 e 28 e indefinida a partir do 1 de decembro "se non hai rectificación por parte do Sergas".
Extinción da categoría FEAP
No caso da asemblea dos médicos e médicas da área santiaguesa, coinciden nas demandas, reclamando que non se creen novas prazas FEAP e que esta categoría se extinga, ademais de que cese "inmediatamente a contratación de profesionais sen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria para traballar no eido da atención primaria galega".
Tamén lembran que a homologación desta especialidade a persoal extracomunitario "debe ser competencia exclusiva do Ministerio" e que a "a continuidade asistencial durante as mañás dos sábados non debe recaer no persoal do PAC: debe ser ofertada a súa cobertura a profesionais de xornada ordinaria ou de PAC, sempre como cobertura de carácter voluntario".
Entre as medidas propostas, estes profesionais piden "respectar o límite anual de horas do persoal do PAC" ou que a axenda completa dun médico de familia en xornada ordinaria non supere os 28 pacientes diarios". Tamén piden ao Sergas que busque "xeitos de reducir a carga de traballo burocrático" que recae nos médicos de familia ou que ofreza ao persoal residente que remate o seu período formativo "contratos cunhas condicións e duración que garantan estabilidade laboral, como xeito de asegurar a incorporación de ditos profesionais á atención primaria galega".
A asemblea compostelá anuncia tamén que secundará os tres días de folga a partir do 26 e que convocará unha indefinida a comezos de 2027 se non se cumpren as súas reivindicacións. Tamén aseguran que denunciarán "calquera medida de esquirolaxe interna, coma o emprego de intersubstitucións para cubrir as funcións do persoal en folga".