O plan impulsado pola Consellería de Sanidade para o cambio de modelo na atención primaria ten en pé de guerra o persoal. Sindicatos, asociacións profesionais e colexios médicos amosaron xa o rexeitamento á proposta trasladada na mesa sectorial do pasado 17 de outubro co obxectivo de garantir a asistencia sanitaria nun "contexto de acusado déficit de profesionais".
Sindicatos, asociacións profesionais e colexios médicos piden a retirada da proposta do Sergas para o novo modelo de atención primaria
O documento presentado polo Sergas (Liñas de actuación de Recursos Humanos en Atención Primaria. Medidas) ergueu primeiro as protestas dos sindicatos con representación na mesa sectorial (CIG, CSIF, CCOO e UGT), que anunciaron de maneira conxunta unha folga nos centros de saúde e PAC para o vindeiro 26 de novembro tras exixir a "retirada inmediata" do texto. Pouco despois, a organización de facultativos O'Mega ampliou o paro dous días máis (27 e 28) e advertiu de que se reactivaría os 9, 10, 11 e 12 de decembro no caso de que a Xunta non rectificase antes. Esta mesma semana, foron todos os colexios médicos de Galicia os que exixiron a Consellería que esqueza o seu plan e negocie desde cero.
É un rexeitamento global e unánime a unha proposta coa que o Sergas dixo querer "anticipar a adopción de medidas" —moitas delas "excepcionais e transitorias", aclara— mentres espera a que o Ministerio de Sanidade presente as directrices ás autonomías para os plans de ordenación de recursos humanos que deben completarse antes do remate de 2027.
Pero que é o que provocou tanto balbordo entre o persoal sanitario de atención primaria? Cales son as medidas máis polémicas? Velaquí o fundamental:
Reconversión das prazas de medicina de familia en FEAP
Tal e como manifestou a Consellería ao presentar o plan, "e co obxectivo de paliar o déficit de persoal", a idea é "reconverter todas as prazas vacantes desta categoría en facultativo especialista de atención primaria (FEAP), que inclúe a cobertura de polo menos dúas gardas de PAC ao mes".
Esta proposición foi contestada axiña polos sindicatos na mesa sectorial, que destacan que supón de feito "a eliminación da categoría tradicional de medicina de familia na atención primaria galega". Sería, ademais, aplicable a todas as prazas de nova creación de medicina de familia, así como ás vacantes dos centros de saúde, incluídas as prazas básicas de persoal temporal.
O Sergas quere reconverter as prazas vacantes de medicina de familia en facultativo especialista en atención primaria, que inclúe un mínimo de dúas gardas ao mes nun PAC
As organizacións sindicais entenden que a xeneralización desta categoría FEAP —creada hai xa varios anos e que obriga a dúas gardas como mínimo ao mes nun Punto de Atención Continuada— racha co modelo dunha única categoría con dúas prestacións: unha ordinaria nos centros de saúde e outra nos PAC. Ademais, entenden que provoca diferentes efectos nocivos para o sistema, como que se intente equiparar o labor de quen atende emerxencias e urxencias co do facultativo dun centro de saúde. "É a mesma formación pero non son as mesmas condicións", explicara Manuel G. Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, sindicato maioritario na sanidade.
Tamén provocaría, din, que aqueles profesionais médicos con praza non se movan ou trasladen mesmo querendo ao ter que asumir a categoría FEAP, que supón máis horas e gardas no PAC. En resumo, engaden, sería "a deterioración da calidade asistencial que recibe a cidadanía e o empeoramento das condicións laborais do persoal".
"Volvemos ao pasado, a un sistema baseado en que as mesmas persoas fagan a súa xornada ordinaria máis gardas obrigatorias", alertara Manuel G. Moreira.
Todos os sindicatos, de cara á folga do día 26, reclamaron xa un "plan de reconversión das prazas actuais de FEAP en prazas de médica/o de familia, garantindo a continuidade laboral das persoas afectadas e a cohesión do modelo asistencial de atención primaria".
Os sábados pasan a ser de atención continuada (PAC)
Na súa proposta, o Sergas incluíra a de considerar, "desde o 1 de xaneiro de 2026, os sábados pola mañá como de atención continuada (PAC)".
Os sindicatos opóñense á medida e critican que chegase sen concretar quen ou como se vai prestar esa asistencia extra. Pregúntanse tamén se o aumento do tramo horario para os profesionais médicos, habendo déficit, non suporá un aumento da xornada obrigatoria, que debe ser rebaixada segundo os acordos alcanzados xa en 2023.
Ademais, Sanidade adiantou que esta medida pretende tirar dun sistema de voluntariedade, unha proposta que prevé negociar no futuro pero da que non se concretou ningún aspecto en detalle.
Homologar o título a profesionais extracomunitarios sen MIR
Unha das medidas que máis polémica ergueu e que provocou a reacción do Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM) en forma de comunicado.
Unha das medidas máis polémicas é a que propón homologar títulos de médico de familia a profesionais extracomunitarios sen o MIR
A Xunta, segundo explicou, pretende propoñer ao Goberno central "a homologación do título de medicina de familia aos profesionais extracomunitarios mediante unha formación docente nas unidades existentes".
A idea é que persoal médico estranxeiro sen a especialidade homologada leve a cabo unha formación equivalente ao MIR nas unidades docentes que sirva para esa homologación do título do que carecen. Malia que queda moito por negociar, esta simple proposta enervou moitos profesionais que pasaron o exame MIR e tiveron que facer unha especialidade de catro anos para obter a titulación.
O que é unha excepcionalidade para casos moi concretos como gardas do PAC —que traballen médicos sen a especialidade homologada— viraría en norma segundo advirten sindicatos e colexios. “Resulta perigoso abrir a porta a posibles atallos na incorporación de profesionais estranxeiros”, de modo que “para traballar como médico de familia debe continuar sendo obrigatorio obter a especialidade a través do MIR, sen que poidan existir camiños alternativos ou excepcións”, advertiu o CGCM.
“Para traballar como médico de familia debe continuar sendo obrigatorio obter a especialidade a través do MIR, sen camiños alternativos ou excepcións”, din os colexios médicos
Ante as críticas como as da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que advertiu da pretensión de homologar títulos "sen especialidade nin experiencia asistencial a través dun cursiño de capacitación" ou "de tres meses", a Xunta xa apurou a aclarar que a súa proposta sería equivalente en contidos e créditos ao MIR, aínda que nada falou da súa duración.
A organización O'Mega, pola súa banda, alertar de que os "cursos exprés para cubrir postos suplantando a formación MIR" é "desvalorizar gravemente a profesión e poñer en risco a calidade asistencia".
Máis postos itinerantes
Segundo os sindicatos, outra das propostas do Sergas para o novo modelo da atención primaria é estender a máis categorías a creación de postos con varios centros adscritos, obrigando así a importantes traslados por parte do persoal. CIG-Saúde, por exemplo, denuncia que esta circunstancia xa se dá en moitos casos "pola vía dos feitos" e exixe a eliminación dunha práctica que "precariza o emprego".
Con todo, fontes sindicais confían en que esta medida ha ser retirada polo Sergas sen demasiadas complicacións e explican que sería difícil de entender que intentasen consolidar prazas que xa son precarias e difíciles de cubrir.
Será unha das que sindicatos, organizacións profesionais e colexios médicos intenten que a Xunta retire axiña. De aí as protestas e as folgas convocadas nos vindeiros días. Manuel G. Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, resume as intencións da Consellería: "É un cambio de modelo pola porta de atrás, unha volta aos anos 90 e a unha maior precariedade".
Así o resume. E lembra que desde un decreto de 1995, e con posteriores melloras, asentou en Galicia un modelo que deixaba atrás, precisamente, o modelo que obrigaba a compaxinar urxencias extrahospitalarias co labor nos centros de saúde. "Aquilo mellorou enormemente a calidade da prestación asistencial, nas áreas urbanas e aínda máis no rural", lembra Moreira, que entende que ampliar a figura dos FEAP é un "paso atrás" que "afecta toda a atención primaria". E advirte: "A cada xornada de garda no PAC, un día libre, menos médicos na consulta e máis listas de espera".
"O modelo do Sergas vai en contra da evolución histórica e do que reclaman os profesionais que se incorporan agora: 35 horas, conciliación, espazo para a formación e a investigación..."
"O modelo que propón o Sergas vai en contra da evolución histórica e do que reclaman os profesionais que se incorporan agora: 35 horas, conciliación, espazo para a formación e a investigación... Buscan maior calidade profesional e o que se pretende instaurar é volver atrás", insiste, ademais de alertar dunha consecuencia de impacto e, se cadra, maior.
"Se o estudantado de Medicina xa non opta por medicina de familia ao ver as condicións nas que se traballa, este modelo só está incitando a que busquen outras especialidades e non queiran traballar nin nun PAC nin nos centros de saúde", resume. "O problema de déficit de persoal que intentan arranxar acabará agudizándose", remata.