Cinco anos despois da chegada da COVID-19 a espera cirúrxica é aínda dúas semanas maior pero o presidente salienta que nas consultas hai unha "mellora importante", malia ser de case dous meses
A pasada semana a Consellería de Sanidade fixo públicas as súas listas de espera no primeiro semestre deste ano, cando había que agardar unha media de 69,3 días por unha cirurxía, dous días menos que un ano antes pero aínda dúas semanas máis que xusto antes da chegada da COVID-19. Cinco anos despois, o presidente Rueda lamenta que "non estamos recuperando os niveis prepandemia" pero asegura que a estratexia do Sergas é "axeitada" e que xa se está a producir unha "mellora importante" na espera por consultas.
"É certo que hai moito que mellorar", admitiu Rueda preguntado este luns polas listas de espera sanitarias, pero asegurou que "estamos no bo camiño, temos que seguir traballando". Segundo a súa visón, malia que na espera cirúrxica "non estamos recuperando os niveis prepandemia", "en xeral en consultas hospitalarias estamos nunhas cifras que indican unha mellora importante".
Nese eido das consultas as cifras do Sergas sinalan que na primeira metade deste ano a espera era de 57,3 días de media, pero xusto antes da pandemia conseguiran rebaixarse a arredor de 40 días.
Rueda xustificou estas cifras en que "a actividade sanitaria en xeral aumentou moitísimo nestes últimos anos" tras a pandemia, o que o leva a ter unha visión positiva do traballo do seu Goberno. "Creo que a estratexia do Sergas é a axeitada para facerlle fronte a todo isto", concluíu o presidente.
Rueda fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns, pero antes asistira en Oroso ao comezo do proxecto piloto de vacinación contra a gripe en centros de ensino. Serán 55 centros de Infantil e Primaria con 19.000 alumnos de entre 3 e 11 anos os que acollan esta iniciativa neste primeiro ano de posta en marcha, coa expectativa de expandila en vindeiros anos a todo o ensino.