Ribera Salud, HM, Concheiro ou Recoletas están baixo análise por manobras sospeitosas nun contrato dun seguro colectivo de accidentes deportivos
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) informou este venres de que vén de iniciar un expediente sancionador contra varias das principais empresas da sanidade privada galega e un dos seus directivos polo posible amaño dun concurso público da Xunta para contratar un seguro colectivo de accidentes deportivos. Entre as investigadas están os grupos Ribera Salud, HM, Concheiro ou Recoletas así como a empresa Gerosalud, dedicada á xestión sanitaria.
Segundo a información divulgada por Competencia, investígase "se Ribera Salud, Recoletas Salud, HM e o Hospital Concheiro concertaron en exclusiva con Gerosalud, mediante un acordo ou práctica concertada, a asistencia sanitaria das prestacións vinculadas a un seguro de accidentes deportivos licitado pola Xunta de Galicia". "Deste xeito, teríase impedido que a aseguradora inicialmente adxudicataria formalizara o contrato", engade Competencia, o que supuxo que o concurso se adxudicase "a unha segunda empresa, en beneficio de Gerosalud".
Competencia tamén investiga "posibles abusos de posición de dominio por parte do Grupo Ribera Salud e do Grupo Recoletas Salud" que consistirían "nunha negativa inxustificada de subministro dun insumo esencial".
No marco da investigación, o ente estatal que vela polo libre mercado inspeccionou as sedes de varias empresas en novembro do pasado ano en colaboración coa Comisión Galega da Competencia. Agora, coa incoación do expediente sancionador, Competencia ten 24 meses para a súa resolución.
Hai dous anos o Consello de Contas amosou as súas sospeitas de que dous centros agora investigados deixaron deserto un concurso do Sergas para seguir traballando para el sen contrato
Ribera Salud é a empresa propietaria de Povisa, o maior hospital concertado do Estado, e conta tamén cos hospitais Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol. HM ten os hospitais composteláns de La Rosaleda e La Esperanza. E Recoletas fíxose hai catro anos cos centros ourensáns de El Carmen e Cosaga.
Hai dous anos o Consello de Contas xa amosara as súas sospeitas de que El Carmen e Cosaga non se presentaran a un concurso público convocado polo Sergas para que así quedase deserto e seguir prestando o mesmo servizo sen contrato en mellores condicións para elas.