Centro Médico El Carmen e Cosaga volven ao foco tras anos recibindo pacientes desviados polo Sergas sen contrato estable, agora por intervencións maxilofaciais que o primeiro estaría realizando con anestesia local cobrada como xeral
A Fiscalía fixo pública este luns unha denuncia contra o Centro Médico El Carmen de Ourense, o grupo Recoletas ao que pertence e tres directivos por supostamente inchar facturas de intervencións maxilofaciais que se estarían a realizar con anestesia local pero que se estarían a cobrar ao Sergas como anestesias xerais. Unha denuncia por posibles delitos de falsidade documental e estafa que foi avanzada por elDiario.es e que chega despois de que o Consello de Contas puxese o foco hai dous anos noutras irregularidades, mesmo amosando a súa sospeita do posible amaño dun concurso público.
En Ourense o Sergas viña desviando desde hai anos intervencións maxilofaciais tanto a El Carmen como á clínica Cosaga, as dúas mercadas hai catro anos polo grupo Recoletas. Segundo a Fiscalía, en El Carmén estarían emitíndose "facturas nas que se indica que ao paciente se lle practicou sedación, cando en realidade unicamente se lle está realizando unha anestesia local, o que supón que en lugar de facturar 76,44 euros pola intervención estarían facturando 110,89 euros ao Sergas co conseguinte prexuízo para o erario público".
Segundo elDiario.es, a investigación partiu dunha denuncia formulada por un cirurxián maxilofacial asociado á clínica Cosaga que estaría a ver como a súa unidade se estaba a ver marxinada en beneficio de El Carmen.
Hai dous anos o Consello de Contas sospeitou que El Carmen e Cosaga non se presentaran a un concurso público do Sergas para así seguir atendendo pacientes públicos sen contrato, o que lles resultaría máis beneficioso
El Carmen e Cosaga viñan atendendo pacientes do Sergas durante anos sen ningún tipo de concerto estable senón a través da figura excepcional da autorización de uso temporal, que para o Consello de Contas "supón unha subversión da legalidade vixente en materia contractual, ao tratarse de adxudicacións de prestacións de xeito directo, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato".
Para tentar regularizar esa situación o Sergas convocou en 2020 un concurso público, pero ningún dos dous centros se presentou á licitación, que foi declarada deserta. Tras analizar o caso, o Consello de Contas considerou "desconcertante" esa decisión das dúas empresas e apunto á posible "existencia de colusión tácita entre elas" para así poder seguir recibindo pacientes do Sergas en mellores condicións económicas que cun concerto estable.
Tras eses feitos o grupo Recoletas mercou os dous centros. E en 2025 o Sergas convocou un novo concurso para subcontratar operacións de todo tipo que lle permitisen reducir a elevada lista de espera de Ourense. Ese concurso dividiuse en varios lotes e o que incluía a cirurxía maxilofacial, xunto con outras cirurxías de media e baixa complexidade, foi adxudicado a Cosaga.