O ente fiscalizador considera "desconcertante" e unha posible "colusión tácita" que nin El Carmen nin Cosaga se presentasen a unha licitación para "regularizar" as desviacións de doentes sen concertos das que se veñen beneficiando
Centros sanitarios privados de toda Galicia cos que o Sergas non mantén ningún concerto ou contrato estable veñen recibindo desde hai anos e de xeito regular desviacións de doentes da sanidade pública a través da figura da autorización de uso temporal. O Consello de Contas vén censurando que esa vía que debera ser excepcional "supón unha subversión da legalidade vixente en materia contractual, ao tratarse de adxudicacións de prestacións de xeito directo, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato".
Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco convocouse en 2020 un concurso público para "regularizar" parte desas autorizacións de uso temporal, pero ningún dos dous hospitais ourensáns que se veñen beneficiando desa figura, o Centro Médico El Carmen e o Cosaga, se presentaron á licitación, que foi declarada deserta. Agora o Consello de Contas vén de facer público un informe no que analiza as desviacións de doentes á privada nesa área sanitaria, documento que considera "desconcertante" esa actuación empresarial e que apunta a posible "existencia de colusión tácita entre elas".
As autorizacións de uso temporal ou desviacións discrecionais de doentes á privada, sen contrato nin concerto, supuxeron en 2022 un gasto total por parte do Sergas en toda Galicia de 15 millóns de euros. O 53% desa contía, uns 8 millóns de euros, gastouse en Ourense, principalmente en desviacións de atención especializada aos hospitais Cosaga (2,38 millóns) e El Carmen (2,19 millóns), "fundamentalmente, pacientes cirúrxicos para aliviar a presión sobre as listas de agarda", di o Consello de Contas.
O Sergas gastou en 2022 en Ourense 8 millóns de euros, o 53% de toda Galicia, en derivar doentes cunha figura que debera ser extraordinaria pero que emprega de forma regular, o que "supón unha subversión da legalidade vixente"
O informe do ente fiscalizador salienta a "considerable antigüidade" das autorizacións de uso que sustentan esas desviacións de doentes en Ourense e sinala "como feito significativo" que en 2020 o Sergas "intentou regularizar a situación a través dun expediente de contratación". Un concurso no que os prezos se incrementaban "lixeiramente" pero con porcentaxes moi dispares, segundo Contas. Porén, a licitación foi declarada deserta "sen que ningunha das dúas empresas que operan na área presentasen ofertas, preferindo, en vía de feito, continuar coas tarifas das autorizacións de uso, situación que podería significar a existencia de colusión tácita entre elas".
Noutro punto do seu informe Contas considera "cando menos desconcertante que ningunha das dúas tomase parte na licitación, con indicios de colusión en dito feito".
No caso do Centro Médico El Carmen, Contas sinala que "a prestación de servizos con este centro privado alóngase no tempo máis de 20 anos, pese a que nunca contou co debido soporte contractual, baseándose na utilización pertinaz da figura da autorización de uso, e lonxe, en todo momento, dos criterios que deben rexer a contratación pola Administración, en calquera dos marcos contractuais vixentes ao longo do tempo". O informe volve a incidir, ao falar especificamente de El Carmen, no concurso de 2020 ao que non concorreu e usa desta volta o termo "soprendente".
No caso de Cosaga, Contas di que a relación do Sergas con ese hospital data de 2006 "a través de distintas autorizacións de uso" ata a formalización dun contrato en 2011 por catro anos de duración prorrogable ata un máximo de dez. Ese contrato rematou a mediados de 2021 pero a desviación de doentes "mantívose a través da xa mencionada figura da autorización temporal de uso que se vén empregando ata o momento da realización desta fiscalización".
O pasado ano tamén quedou deserto un concurso convocado polo sergas para regularizar a subcontratación de abortos que vén mantendo desde hai anos con dúas clínicas a través da mesma figura opaca
As autorizacións de uso que deberan ser excepcionais veñen sendo empregadas tamén polo Sergas para subcontratar de xeito habitual interrupcións voluntarias de embarazo de toda Galicia fundamentalmete con dúas clínicas privadas -Clínica Arce e Clínica Castrelos- por arredor de medio millón de euros cada ano. O pasado ano, tras anos de críticas de Contas, Sanidade convocou un concurso por un importe similar para regularizar esa situación, pero como ocorreu en Ourense en 2020 non se presentou ningunha oferta e foi declarado deserto.