Axitación na sanidade ourensá: "Traballamos ao 200%"

Concentracións en varios centros de saúde da área de Ourense este mercares CC-BY-SA Facultativos independientes de Ourense Unidos

"Hai unha falta de planificación das necesidades de persoal, sobre todo nun área tan envellecida como esta", sinala a presidenta do Colexio de Médicos de Ourense, Pilar Garzón

Non é habitual que os profesionais sanitarios que traballan nos centros de saúde e os do hospital se unan nas súas reclamacións, pero en Ourense levan máis dun mes con concentracións semanais esixindo unha “sanidade digna”. A presidenta do Colexio de Médicos de Ourense, Pilar Garzón, considera que arrastran moitos anos de déficit de contratacións, con moitas xubilacións que coinciden nesta época e un aumento da demanda por parte dos pacientes. “Hai unha falta de planificación das necesidades de persoal, sobre todo nun área tan envellecida como esta”, sinala.

Esta “tormenta perfecta” que atravesa a sanidade ourensá trae consigo unha maior precariedade para o persoal sanitario de todas as categorías, que aínda non se puido recuperar do gran esforzo realizado na pandemia. “A COVID foi un punto de inflexión no que todos os profesionais sanitarios entendemos que era preciso un esforzo sobrehumano porque era unha situación particular e excepcional que nos tocaba vivir, pero despois pensamos que non podiamos manter esa sobrecarga tan tremenda indefinidamente. Isto é o que nos leva a esta situación e ao feito de que se crease unha coordinadora de médicos que aglutina aos de Atención Primaria como aos de hospitalaria”, explica Pilar Garzón.

Protesta no hospital de Ourense de persoal médico e farmacéutico este mércores CC-BY-SA Facultativos independientes de Ourense Unidos

O persoal sanitario de Ourense non está a facer ningunha reclamación económica nin de melloras estritamente laborais, as diferentes profesionais –tanto médicas como enfermeiras– consultadas por Praza.gal para a realización desta información repiten que queren realizar o seu traballo en condicións dignas porque iso repercute directamente en beneficios na atención ás persoas enfermas que reclaman atención.

“Se estamos tremendamente sobrecargados iso fai que poidamos ter máis risco de cometer erros, que se soliciten probas que non serían tan necesarias porque a sensación de presión constante e a falta de tempo de reflexión que necesitamos con cada paciente nos limitan. O problema que temos coa nosa profesión é que non é matemática, non traballamos con números”, defende a presidenta do Colexio de Médicos de Ourense.

"O gran problema que temos en Urxencias é que somos a metade dos facultativos que deberamos ser", di a médica de Urxencias Patricia Silva

O enfado dos profesionais está levando a moitos a sentir certa “desafección” pola profesión, como así o manifestan. Reclaman á xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que faga propostas atractivas para que máis xente colla contratos alí. “Hai que reforzar con máis persoal. Entendemos que é difícil, pero dentro das limitacións hai outras medidas que poden facer, dentro do posible, que o traballo sexa menos penoso; e que iso repercuta nunha mellor calidade da asistencia aos doentes”, apunta Pilar Garzón. [A resposta do xerente, Félix Rubial, está na entrevista que concedeu a Praza.gal e podes ler a continuación deste artigo]

Por outra banda, as agresións a sanitarios veñen incrementándose. “Moitas veces son agresións verbais, pero sobre todo aumentan polo descontento da poboación coas demoras e as listas de espera, que son totalmente independentes dos facultativos. Nós non xestionamos citas nin listas de agarda e non podemos solucionalo máis que traballando todo o que podemos. Pero é que a maioría dos compañeiros non está traballando só ao 100%, é que traballamos ao 200% e non podemos manternos así”, aclara Pilar Garzón, que tamén incide en que cidadanía debe facer un “uso responsable” do sistema sanitario.

Este mércores tamén se concentrou o persoal do servizo de rehabilitación de Ourense CC-BY-SA Facultativos independientes de Ourense Unidos

Segundo a información obtida por Praza.gal, no servizo de Urxencias do hospital de Ourense os médicos están facendo máis de 200 horas de traballo ao mes, cando o máximo legal son 190 horas mensuais; e nalgúns casos, por acumulación de gardas, hai profesionais que superan as 250 horas de traballo nun mesmo mes. “O gran problema que temos en Urxencias é que somos a metade dos facultativos que deberamos ser”, explica a médica Patricia Silva, que fixo Medicina de Familia e traballou tamén en centros de saúde e PAC. 

Silva detalla que neste momento hai 23 profesionais no equipo de Urxencias do hospital de Ourense. Cando ela comezou traballar neste servizo en agosto de 2020, en plena pandemia, había entre 38 e 39 profesionais, segundo relata. “E en realidade deberan ser entorno a 48 como mínimo, para poder ampliar a presenza nas quendas, e sen sobrecontratación”, explica. 

"Durante anos en Ourense o tema das contratacións foi demencial", sinala unha médica para precisar que "se ofrecían contratos de tres meses ou baixas cando noutras áreas estaban sacando interinidades e contratos de longa duración"

Os profesionais contan que a situación é “crítica” desde xaneiro do ano pasado e que tanto a xerencia de Ourense como a dirección do Sergas coñecen todos problemas. “Durante anos aquí o tema das contratacións foi demencial, ofrecíanse contratos de tres meses ou baixas laborais cando noutras áreas estaban sacando interinidades e contratos de longa duración. Loxicamente isto coloca a Ourense como menos atractiva”, argumenta Patricia Silva, para explicar que agora mesmo en Urxencias non fan sesións clínicas nin formación e tampouco dan feito investigación para participar en congresos. “Non das feito máis que a parte asistencial, para o resto sempre tes que poñer un pouco do teu tempo libre, pero nestas circunstancias resulta imposible”, engade.

Ademais, as consultas en Ourense son máis complexas debido ao tipo de poboación. “Desde a COVID houbo un cambio de paradigma na atención na urxencia e na consulta de Atención Primaria, cuxa saturación tamén ten contribuído a que vexamos cada vez máis pacientes en Urxencias do hospital. E en Ourense temos unha característica propia porque temos unha poboación moi envellecida e moitas residencias de maiores. Hai gardas que a idade media dos meus doentes son 89 anos. Son doentes moi pluripatolóxicos, moi complexos, que terminan ingresando. Nós non vemos unha patoloxía banal, polas características propias da poboación ourensá. E isto afecta a todas as especialidades”, debulla Silva.

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e o xerente da área, Félix Rubial, na nova UCI do hospital de Ourense no mes de agosto CC-BY-SA Xunta

Na UCI estase a contratar a enfermaría con "contratos de dous meses en dous meses". "Así é imposible afianzar profesionais", contan Nuria González e Hugo Babarro

Sen a quinta enfermeira na UCI

O persoal de enfermaría e auxiliares da Unidade de Coidados Intensivos do hospital de Ourense vén reclamando que o Sergas solvente as deficiencias materiais das novas instalacións. “Algunhas deficiencias solucionáronse e estamos a ter reforzos, pero negáronse en rotundo a poñer a quinta enfermeira”, sinalan as enfermeiras Nuria González e Hugo Babarro. Con todo, na UCI estase a contratar a enfermaría con “contratos de dous meses en dous meses”. “Así é imposible afianzar profesionais, ademais, se rexeitas os contratos tes unha penalización”, contan.

“O que se pon en risco é a calidade da atención”, resalta Nuria González, que explica que na área sanitaria de Lugo –cunha UCI de nivel dous equivalente á de Ourense– si cumpren a ratio de enfermeiras por doente. Pola súa banda, Hugo Babarro lembra que hai máis dunha década custoulle moito chegar a ter unha praza na UCI, mais di que “agora mesmo a metade do cadro de persoal é eventual”. “Creo que é algo que deberan ter moi en conta na xerencia”, agrega o enfermeiro.

"Terror" polo verán e falta de "empatía"

“Pánico”, “terror” e “medo”. Tres maneiras de describir a inquedanza dos sanitarios en Ourense cara ao verán. “En Urxencias do hospital non se sabe se van poder ter vacacións en período estival e, se as teñen, se poderán ser máis de 15 días. Un servizo que está tensionado desde hai máis de dous anos, cun exceso de horas sobre as ditadas por lei que supón que compañeiros abandonasen o servizo porque lles resultaba inasumible a sobrecarga que tiñan, que encima vexa limitado o seu período de vacacións non axuda moito a elevar o ánimo do persoal”, detalla a presidenta do Colexio de Médicos ourensán.

A coordinadora independente denominada Facultativos independientes de Ourense Unidos é a que logrou mobilizar o persoal de Atención Primaria e dos hospitais. “Estabamos notando xa unha falta de empatía a nivel humano por parte da xerencia da área e de Primaria, ademais dunha falta de busca organizada de máis persoal. Agora hai moita competencia, chéganos ofertas de traballo doutras partes de España e do estranxeiro”, asegura unha médica de Familia que traballa nesta área pero prefire non dar o seu nome porque ten un contrato temporal.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.