Sancións para quen teña máis lista de espera nos centros de saúde: Sanidade imputa ao persoal a súa "deficiente" xestión

O conselleiro de Sanidade no acto de sinatura dos Acordos de Xestión do Sergas coas sete áreas sanitarias para 2024 CC-BY-SA Consellería de Sanidade

"Impútaselle ao profesional sanitario a responsabilidade, que non é súa, sobre unha lista de espera que é responsabilidade da deficiente xestión do Sergas", di o secretario nacional da CIG-Saúde, que denunciou este obxectivo asistencial que esixe o Sergas

Médicos de Familia, pediatras e persoal de enfermería dos centros de saúde galegos que teñan as axendas cheas e, polo tanto, máis de catro días de demora para unha consulta, están a ser penalizados polo Sergas este ano con rebaixas salariais e o que consideran unha “infravaloración” do seu traballo. Así o indican os Acordos de Xestión (ADX) para 2024, asinados o pasado 22 de decembro entre a Consellería de Sanidade e as sete áreas sanitarias do Sergas.

Baixo o epígrafe ‘accesibilidade na prestación de servizos e capacidade de resolución’ o Sergas incorpora un indicador a valorar para o pago dun complemento salarial dos profesionais sanitarios de Atención Primaria, pois isto non afecta a quen traballa nos hospitais. Denunciado polo sindicato CIG, maioritario na sanidade pública, na Mesa sectorial de Sanidade ningún outro sindicato valorou este asunto, segundo puido saber Praza.gal.

“É doloroso ver como a Consellería non valora a Medicina de Familia”, critica Ramón Veras Castro, que exerce nun centro saúde da Coruña, unha área sanitaria que ten estipulada unha rebaixa do 2% deste complemento salarial aos facultativos que acumulen unha lista de espera de catro días ou máis para as consultas por enfermidade. “Estannos trasladando unha responsabilidade que é deles, é de xestión”, asevera.

Acceso principal do centro de saúde do Milladoiro (Ames) © Xunta

“A demora da atención é un dos aspectos nos que debemos manter o esforzo para continuar garantindo unha sanidade de calidade, eficaz e comprometida coa cidadanía”, alegan na explicación dos obxectivos asinados pola xerencia da área sanitaria da Coruña co centro de saúde de Monte Alto, onde inciden en que “os indicadores dos obxectivos do ADX 2024 teñen un triplo enfoque: garantir a sostibilidade financeira e ambiental, mellorar a seguridade e os resultados en saúde”.

Unha parte do salario que cobran mensualmente os profesionais sanitarios do Sergas é variable, a esa parte pertence o chamado complemento de produtividade variable, do cal reciben a metade todos os meses na nómina, mentres que para o outro 50% analízase o cumprimento dunha serie de indicadores anuais e se paga en función da satisfacción dos mesmos.

"O indicador de demora na consulta de Atención Primaria  pode supoñer que a un médico de Familia de Ferrol lle desconten o 12% desde complemento de produtividade variable se ten máis de catro días de lista de espera para receitas ou para consulta", di Manuel G. Moreira (CIG-Saúde)

Cada centro de saúde, cada xerencia e cada hospital establece uns indicadores da lista dos Acordos de xestión e lles dá o peso que considera. “Están a presentarse os obxectivos para o ano 2024 e incorporan con diferente peso o indicador de demora na consulta de Atención Primaria, que pode supoñer que a un médico de Familia de Ferrol lle desconten o 12% desde complemento de produtividade variable se ten máis de catro días de lista de espera para receitas ou para consulta”, explica Manuel González Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde.

“O problema non é tanto a contía económica –incide Moreira–, é de concepto: impútaselle ao profesional sanitario a responsabilidade, que non é súa, sobre unha lista de espera que é responsabilidade da deficiente xestión do Sergas, e ademais se lle penaliza economicamente. O profesional que quere cumprir os obxectivos atópase con que ten que cubrir a un compañeiro que non está e non o substitúen, cupos de doentes moi grandes, vacacións sen substitutos, as urxencias cando hai pouco persoal nos PAC... Todo isto sobrecarga as axendas en Atención Primaria e axuda a xerar unha lista de espera da que o profesional é vítima”.

Julio García Comesaña intervén na presentación dos Acordos de Xestión do Sergas CC-BY-SA Consellería de Sanidade

"O que nos deixan claro con isto desde o Sergas é que non nos valoran para nada", lamenta Veras

“Xa estamos outra vez”, “que mal nos tratan”, “isto é un despropósito”. Entre os profesionais sanitarios que traballan nos centros de saúde hai un nivel de malestar elevado e certa saturación de novas negativas que “acaban facendo que xa non saibas cal vai ser o motivo que o vai rebentar todo”. Ramón Veras explica que tanto desgusto acaba provocando a “inmobilidade” no persoal de Atención Primaria. “O que nos deixan claro con isto desde o Sergas é que non nos valoran para nada”, lamenta o facultativo.

Non está na man do profesional sanitario facer nada para diminuír a lista de espera. Non é o sanitario o que busca quen o pode substituír a el ou a outro compañeiro, nin é o responsable de incrementar o tamaño da súa axenda porque non se poden alongar ata o infinito as horas de consulta e tampouco é posible atender aos doentes nun minuto. “O profesional é unha vítima desa lista de espera igual que os pacientes que están agardando por el”, salienta o secretario nacional da CIG-Saúde, quen lembra que esta medida afecta especialmente ao servizo de Pediatría, pois non hai substitutos en Atención Primaria e sempre teñen que cubrirse entre os pediatras que están.

"Estes indicadores de accesibilidade terían que ser un obxectivo das xerencias porque é a súa responsabilidade", sinala Manuel G. Moreira

No caso das e dos profesionais de Enfermaría a parte variable deste complemento salarial é moito menor, con todo, o persoal consultado por Praza.gal manifesta que son indicadores “inxustos” e que non “depende directamente” do seu traballo que exista ou non lista de espera para a súa consulta. Ademais, apuntan que afectará especialmente a quen traballa no servizo de Pediatría, onde hai máis presión asistencial.

As áreas sanitarias están a presentar os seus obxectivos para 2024, de momento coñécense os da Coruña, que penaliza a Médicos de Familia cun 2% dese complemento de produtividade por catro días ou máis de demora por unha consulta e os da área de Ferrol, que opta por sancionar cun 6% por esa mesma lista de espera por unha consulta por enfermidade e outro 6% pola cita para receitas. “Temos noticia de que os obxectivos de todas as áreas sanitarias van incluír indicadores deste tipo. Estes indicadores de accesibilidade terían que ser un obxectivo das xerencias porque é a súa responsabilidade, non do profesional en concreto que está vendo pacientes na súa consulta”, argumenta Manuel González Moreira.

Captura da táboa de obxectivos asistenciais 2024 no centro de saúde de Monte Alto (A Coruña) CC-BY-SA Praza.gal

"Este indicador idéase coa intención de manter na visión dos profesionais e das xerencias a importancia de realizar un esforzo para que a demora sexa mantida en niveis aceptables para unha asistencia correcta e áxil", argumenta Sanidade

Desde a Consellería de Sanidade explican a Praza.gal que este indicador de accesibilidade a demanda en Atención Primaria vai incluído “no apartado de Asistencia Sanitaria (composto por máis de 100 indicadores a valorar)”. “Este indicador idéase coa intención de manter na visión dos profesionais e das xerencias a importancia de realizar un esforzo para que a demora sexa mantida en niveis aceptables para unha asistencia correcta e áxil. Este obxectivo é unha demanda por parte tanto dos profesionais como dos usuarios dos centros de saúde”, detalla Sanidade na súa resposta, na que cuantifican así o “impacto económico” a consecución deste indicador: “Supón un 2% do 60% pertencente á asistencia sanitaria. É dicir, ten un valor do 1,2% sobre o total percibido polo cumprimento dos ADX, o que se traduce en 28 euros ao ano”.

A cidadanía non quere que se penalice ao profesional sanitario. O que quere a cidadanía, e tamén os profesionais, é que haxa recursos de persoal e de tempo para que non haxa lista de espera. Se a estratexia para acabar coa lista de espera é presionar aínda máis aos profesionais, o que van acabar é sen profesionais, que é o que está a pasar agora. Por que non temos profesionais que queiran traballar en Atención Primaria? Por cousas como esta”, defende o secretario nacional da CIG-Saúde.

"Se a estratexia para acabar coa lista de espera é presionar aínda máis aos profesionais, o que van acabar é sen profesionais, que é o que está a pasar agora", indica o secretario nacional da CIG-Saúde

Ramón Veras engade que a falta de médicos quizá sexa, ademais, o que causa menos atrasos. Por exemplo, conta que no seu centro de saúde vanse cubrindo as ausencias con prolongacións de xornada doutros compañeiros, aínda que hai outros casos nos que a falta de profesionais é tan grande que si se crean maiores complicacións para a atención. Con todo, o facultativo da Coruña sinala que afecta máis a “alteración da organización” que sofren nas consultas dos centros de saúde.

Veras, que atende a Praza despois dunha xornada con 47 pacientes atendidos na que se viu obrigado a ampliar o seu horario para rematar de ver a todos os citados, indica que afectan máis á demora na consulta cuestións como as peticións de receitas de fármacos indicados no hospital, pero aos que non fai alí a receita electrónica aos pacientes; ou a prescrición de ambulancia para revisións hospitalarias; ou mesmo a elevada demora das valoracións das probas de radioloxía que fan aos doentes ir polo centro de saúde ata catro veces antes de que as imaxes estean informadas por un radiólogo.

“Agora podemos facer un maior seguimento e máis estudos dos doentes, polo que a consulta é máis complexa; e iso está moi ben pero leva tempo. En Atención Primaria hoxe resolvemos máis problemas sen ter que derivar o paciente ao hospital. Un doente, en canto ten que ir ao hospital, pódese dicir que está perdido porque salvo que teña un infarto ou un ictus e chegue a tempo, o resto todo é lento”, debulla Ramón Veras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.