Belén foi operada a causa do cancro que padecía en outubro de 2021. En novembro do pasado 2023 tocaríalle pasar unha das súas revisións no Hospital Clínico de Santiago, pero aínda está esperando. María tiña fixada a súa "primeira revisión" oncolóxica para o 15 de outubro, pero case medio ano despois aínda non ten resposta.
Algo semellante lle sucede a Rosana, tamén á espera dende o pasado outono. Esther leva agardando menos, pero xa lle pasou o prazo que tiña marcado para ir a revisión en febreiro. Os seus testemuños son só catro exemplos recompilados pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que este luns formalizou as súas denuncias a través dunha queixa colectiva ante a Valedora do Pobo na que denuncian demoras de "entre 1 e 8 meses".
Estas pacientes, como moitas outras, aseguran sentirse, sobre todo, "abandonadas". "Ao preguntar ao persoal que dá as citas non saben que contestar" e as reclamacións formais no propio hospital, relata Esther, son respondidas mediante "contestación tipo". As demoras sen prazo fixado para as revisións oncolóxicas "xeran moita incerteza, gran desazón" e, agrega Belén, mesmo "problemas de saúde mental".
Os protocolos fixan revisións cada tres ou catro meses durante os primeiros cinco anos tras o tratamento do cancro, lembra a Asociación de Pacientes do Clínico de Santiago, que vén de trasladar a queixa á Valedora do Pobo
Evidencia a asociación que as súas queixas non son discrecionais. "Debido ao alto risco de reproducir a doenza, os protocolos e o consenso científico" establecen que os pacientes de cancro "que remataron o tratamento" deben pasar por "probas e consultas médicas cunha periodicidade de tres catro meses" durante os primeiros cinco anos, e anuais a partir do quinto. Pero no CHUS, aseguran, "dende outubro de 2022 a xerencia e o servizo de oncoloxía" veñen aplicando "peches intermitentes de axendas" de consultas con estas consecuencias.
A preguntas de Praza.gal, dende o CHUS admítese a existencia destas demoras nun servizo que, din, "ve afectada temporalmente a súa capacidade asistencial nas citacións das revisións debido a un reaxuste de persoal derivado do proceso de estabilización laboral dos profesionais" e "a diversas circunstancias do seu cadro de persoal". "Ante esta situación -agregan- estase a priorizar o inicio de tratamento nos novos doentes así como a atención dos que están en tratamento activo,que se manteñen sen demoras".
Neste contexto, o hospital compostelán recoñece que as persoas a seguimento oncolóxico "a longo prazo" tras a fin dos tratamentos "poden ter unha maior demora", se ben "xa se estableceron mecanismos de priorización clínica nas citacións das revisións" nun servizo de oncoloxía que, destacan, segue a ter "unha excelente calidade asistencial e mesmo uns tempos de diagnóstico e tratamento á altura dos servizos máis prestixiosos" do Estado".
O hospital admite as demoras, que atribúe a "reaxustes de persoal" que obrigan, din, a "priorizar o inicio de tratamento de novos doentes"
A xerencia da área sanitaria compostelá pon o foco, asemade, en que o "gran esforzo" do persoal de oncoloxía permite "manter sen demoras a atención aos novos doentes diagnosticados cada ano". Cómpre tamén, cren, destacar "o traballo realizado nas consultas de revisión, que medran cada ano, grazas, principalmente, ao éxito terapéutico dos especialistas e á maior supervivencia dos doentes".
Para a Asociación de Pacientes, o que está a facer o hospital é, "no nome da escaseza de recursos humanos, vulnerar as normas" vixentes "sobre a estabilidade das axendas". "Deixan de prestar a carteira básica de servizos especializados garantidos por unha lei estatal; incumpren o dereito legal á información en relación con calquera actuación no ámbito da saúde do paciente; ignoran os protocolos en vigor sobre seguimento, control e avaliación de pacientes de cancro; e actúan ao marxe do código deontolóxico da profesión médico colexial", conclúen.