A xerencia da área sanitaria de Santiago confirma "axustes de axenda" no servizo de Oncoloxía Médica do CHUS polas "incorporacións e traslados nos profesionais que acadaron un posto de traballo estable por oposición" e dá a situación por resolta
O cancro é unha enfermidade que suma constantes incertezas para os doentes pola súa propia evolución, incertezas que acrecentan cando es atendido por un médico ou médica distinta cada vez que tes unha consulta. "É unha inseguridade máis non ter unha cara de referencia alí", conta a Praza unha muller que é paciente de oncoloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e que leva desde o mes de novembro sen un oncólogo asignado porque o profesional que a estaba atendendo obtivo praza noutro hospital.
Desde a xerencia da área sanitaria de Santiago e O Barbanza confirman a Praza que no servizo de Oncoloxía Médica "pospuxeronse consultas nos casos nos que os oncólogos determinaron que non eran urxentes, sempre baixo criterio médico" debido "ao proceso selectivo de persoal no que están inmersos os centros do Servizo Galego de Saúde". "Durante estas últimas semanas producíronse incorporacións e traslados nos profesionais que acadaron un posto de traballo estable por oposición", apuntan desde o Sergas.
Debido a estas circunstancias previsibles de xestión interna, o Sergas recoñece que "foi necesario realizar axustes de axenda, priorizando as primeiras visitas e os tratamentos, e aprazando as revisións tras comprobar a ausencia de síntomas e a normalidade dos estudos realizados". Pacientes de oncoloxía a tratamento no hospital de día de Santiago explican a Praza que "o persoal está desbordado" e que "cada vez hai que agardar máis para que che atendan".
O Sergas confirma que "o servizo de Oncoloxía Médica da área sanitaria de Santiago e O Barbanza xa conta co 100% do cadro de persoal estrutural que tiña"
Quen xa pasou por oncoloxía hai anos e volve hoxe observa un "deterioro" no servizo pola "falta de persoal". Porén, os doentes destacan que as e os profesionais "poñen todos os medios para que esteas cómoda" a pesar de pasar de "vivir no hospital" o día que tes consulta, xa que os tempos de agarda son agora moito maiores. "Hai xente con dous meses de atraso para facer un TAC, eu teño consulta a semana que vén e non me fixeron o TAC de seguimento así que irei sen saber se o tratamento funciona ou non", sinala unha paciente a Praza.
O Sergas confirma que "o servizo de Oncoloxía Médica da área sanitaria de Santiago e O Barbanza xa conta co 100% do cadro de persoal estrutural que tiña, e mesmo esta semana incorporarase un substituto para cubrir unha ausencia temporal que se vén de producir". Desta maneira, explican que se están a "adiantar as citas pendentes daqueles pacientes cuxa situación clínica permitía demorar a revisión". Así mesmo, desde o servizo de Oncoloxía e a dirección do hospital de Santiago "lamentan" as molestias causadas aos doentes.