O Parlamento insta por unanimidade á Xunta a intervir no conflito do servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS, que suma dous meses de folgas

Exterior do hospital Clínico de Santiago CC-BY-SA Lmbuga

Dende hai dous meses o persoal facultativo do servizo de Otorrinolaringoloxía (ORL) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) esta a levar a cabo varias xornadas de folga para alertar da situación de "caos organizativo" que, denuncian, sofre o servizo "con cargas de traballo moi desiguais para os distintos profesionais" e "falta de equidade" na concesión de permisos. Así mesmo, o persoal pide "rematar coas humillacións" que din sufrir por parte do xefe de servizo. Os paros, apoiados por CC.OO., que se desenvolven todos os martes, están a ter un seguimento do 70% e supuxeron xa a suspensión de 500 consultas.

Otorrinolaringoloxía do CHUS suma dous meses de folgas para denunciar o "caos organizativo", do que se culpa ao xefe de servizo, criticando a "inacción" da Xerencia

CC.OO. vén alertando de que o conflito "foi aumentando en número de traballadores e traballadoras afectadas, así como na intensidade das faltas de respecto, humillacións e menosprezos" e reclamou en varios momentos a intervención da xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez. O sindicato denuncia que estas "faltas de respecto" de tipo verbal chegaron ao plano físico nos últimos días, sufrindo unha das facultativas unha lesión con hematoma no seu brazo, despois de ser agarrada de forma brusca.

Instalacións do hospital Clínico de Santiago © Sergas

A proposición do BNG foi aprobada por unanimidade, sendo apoiada mesmo polo PP, que insta á Xunta a "abordar" o conflito

Este xoves o asunto chegou ao Parlamento galego a través dunha proposición presentada polo BNG na Comisión de Sanidade que instaba á Xunta a "abordar de maneira inmediata o conflito existente no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS atendendo ás demandas feitas polo persoal facultativo deste Servizo." A proposición recibiu mesmo o apoio do PP, sendo aprobada por unanimidade.

Para CC.OO., resulta "significativo" que o propio grupo parlamentario do PP "se sume ao consenso na Cámara" e lle "emende" á Xunta a súa actuación "ante uns feitos graves que están prexudicando a cidadanía e os profesionais dun importante servizo sanitario".

Para CC.OO., resulta "significativo" que o grupo parlamentario do PP lle "emende" á Xunta a súa actuación "ante uns feitos graves que están prexudicando a cidadanía e os profesionais dun importante servizo sanitario"

A proposición foi defendida pola deputada nacionalista Iria Carreira, que lembrou que a Xerencia ten coñecemento deste conflito dende hai meses, pois xa en xuño do ano 2021 foille entregada unha carta de denuncia da situación e previamente xa fora alertada polos e polas profesionais.

Ademais, Carreira denunciou que "hai unhas poucas semanas, como acostuma acontecer na progresión destas dinámicas descontroladas, agarrou de maneira violenta unha facultativa do servizo, provocándolle unha lesión de hematoma no brazo. Gustaríame pensar que esta non é unha situación habitual noutros servizos hospitalarios ou nas empresas. É unha situación grave e debe ser tida en conta como tal".

Iria Carreira, portavoz parlamentaria de Sanidade do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Carreira subliñou que "a responsabilidade de que se estean a anular consultas é de quen non se senta a negociar e non move un dedo ante este conflito"

Finalmente, Carreira subliñou que "a responsabilidade de que se estean a anular consultas é de quen non se senta a negociar e non move un dedo ante este conflito" e sinalou que "responsabilizar as traballadoras das consecuencias dunha folga é un exercicio de desprestixio dun dereito fundamental do persoal". E concluíu que con esta resolución "o único que se intenta é que se aborde este conflito, que é un conflito grave", e que "está a supoñer grandes prexuízos para os pacientes, pero sobre todo para o persoal".

A Federación de Sanidade de CCOO lamenta que o PP "pretenda minimizar un problema grave"

Pola súa banda, a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo, aínda que apoiou a proposta que eleva o problema á Xunta de Galicia, quixo quitar importancia aos feitos denunciados, que reduciu a "problemas puntuais de persoas concretas", produto "das complicadas relacións humanas" que ocorren "en moitos centros de traballo". Rodríguez-Vispo negou que a Xerencia se puxera "de perfil". A Federación de Sanidade de CCOO lamenta que o PP "pretenda minimizar un problema grave".

Hospital Clínico de Santiago © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.