"Na Atención Primaria todo se fai a custo cero, a forza de sobrecargar os profesionais. Hai que empezar por mellorar o financiamento"

Consulta de Atención Primaria CC-BY-SA Sergas Ourense

A actual vaga invernal da pandemia de COVID rachou por completo as costuras da Atención Primaria en Galicia. A explosión de contaxios, na súa inmensa maioría asintomáticos ou cunha sintomatoloxía moi leve encheu por completo os centros de saúde e sobrecargou ao máximo -en moitos casos con traballo puramente administrativo- uns profesionais xa previamente insuficientes. Os problemas da Atención Primaria viñan de moi atrás da pandemia, con orzamentos insuficientes e cadros de persoal envellecidos e sen relevo

"As axendas da Atención Primaria parece que son chicles, pódense estirar ata o infinito: 40, 50, 60 ou 70 pacientes ao día, pero se as UCIs pasan do 25% parece que estamos nunha catástrofe. Nese sentido si que nos sentimos ignorados"

Asociacións profesionais e sindicatos médicos amósanse moi críticos, cualificándoas de "parches", coas solucións propostas polo Sergas nas últimas semanas para facer fronte á situación de saturación, dende a decisión de suspender toda a actividade non urxente ou non relacionada coa COVID na área sanitaria de Vigo ata a aposta por incorporar de forma temporal persoal xubilado (un total de 86 profesionais) para axudar en labores administrativas e de vixilancia e a máis recente contratación temporal, por dous meses, de médicos que remataron a carreira pero que non contan coa especialidade para colaborar tamén en tarefas burocráticas.

Estes sindicatos e entidades, coma a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFeC), levan tempo reclamando a adopción de medidas para mellorar a atención sanitaria nos centros de saúde e solucionar a sobrecarga de traballo que sofren os seus profesionais dende hai anos. Falamos con Jesús Sueiro, voceiro de AGAMFeC, sobre a situación que se está a vivir na Atención Primaria galega e as solucións propostas pola asociación.

Carteis informando da folga nun centro de saúde da Coruña, antes da pandemia ©

Nas últimas semanas falouse moito do colapso que se viviu na área sanitaria de Vigo, que obrigou á convocatoria dunha folga por parte do persoal sanitario e, posteriormente, á suspensión de toda a actividade non urxente. Como é a situación nos servizos de Atención Primaria de toda Galicia nas últimas semanas, nun contexto de explosión de contaxios?

"A medida que se adoptou na área sanitaria de Vigo de só atender a pacientes con COVID parécenos un disparate, porque nestes momentos a COVID é sobre todo un problema de xestión de baixas, de tarefas administrativa"

A situación está desbocada en toda Galicia e loxicamente os lugares que xa partían dunha situación máis negativa, pois están aínda peor, loxicamente. Pero o que está a suceder este días vén reafirmar o que levamos dicindo moito tempo: que a Atención Primaria está infrafinanciada e ninguneada pola Administración, o que leva a unha situación moi precaria en toda Galicia.

A sobrecarga de traballo que está a provocar esta onda recae toda sobre a Atención Primaria. Afortunadamente, a situación actual da pandemia é de maior incidencia de contaxios, pero de enfermidade moito máis leve en xeral. Polo tanto, a maior parte dos casos son asintomáticos ou pouco sintomáticos, que son atendidos na Atención Primaria. O que pasa é que moitas veces estamos a atender patoloxías moi banais relacionadas coa COVID que restan tempo e espazo á atención doutras que poden ser máis importantes, comezando polos nosos pacientes crónicos de toda a vida.

Como valorades a decisión de suspender a actividade non urxente na área de Vigo?

A medida que se adoptou na área sanitaria de Vigo de só atender a pacientes con COVID parécenos un disparate, porque nestes momentos a COVID é sobre todo un problema de xestión de baixas, de tarefas administrativa. Na parte clínica, o 80% ou o 90% dos casos son moi leves, non ten sentido que esta enfermidade ocupe tanto tempo.

Sentides que durante o último ano e medio de pandemia o persoal de Atención Primaria ficou invisibilizado? Emprestouse moita atención pública ao persoal dos hospitais, pero os e as traballadoras dos centros de saúde seguiades a realizar un traballo fundamental...

"A sobrecarga de traballo que está a provocar esta onda recae toda sobre a Atención Primaria. O que pasa é que moitas veces estamos a atender patoloxías moi banais relacionadas coa COVID que restan tempo e espazo á atención doutras que poden ser máis importantes"

Si, iso tamén o levamos dicindo moito tempo. Os e as profesionais da Atención Primaria, como estamos cada un no noso centro de saúde, atendendo os pacientes que chegan, chamando por teléfono ás súas casas, moitas veces de maneira proactiva, interesándonos por eles, ao final facemos un traballo non visible. É un traballo menos espectacular que o que fai a xente nas UCIs e en xeral nos hospitais, que parece que ten máis visibilidade nos medios e, o que é máis triste, na propia administración. Por exemplo, os criterios de sobrecarga asistencial teñen que ver coa sobrecarga hospitalaria ou coa situación das UCIs, pero nunca se fai referencia á sobrecarga da Atención Primaria. 

As axendas da Atención Primaria parece que son chicles, pódense estirar ata o infinito: 40, 50, 60 ou 70 pacientes, pero se as UCIs pasan do 25% parece que estamos nunha catástrofe. Nese sentido si que nos sentimos ignorados; é obvio que as UCIs son importantes, pero tamén é importante que teñamos unhas axendas en Atención Primaria que nos permitan atender os nosos pacientes con calidade e con tempo.

Concentración de persoal médico de Atención Primaria en folga, na Coruña CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

A contratación de persoal xubilado é unha medida efectiva? Por que unha parte importante dos mozos e mozas que rematan o MIR rexeitan traballar na Primaria?

"Resulta paradoxal que os nosos médicos mozos residentes emigren, busquen a vida noutros territorios, noutros países ou noutras estruturas e non queiran ficar na Atención Primaria e que a única solución que teñamos sexa incorporar os xubilados"

Resulta paradoxal que os nosos médicos mozos residentes emigren, busquen a vida noutros territorios, noutros países ou noutras estruturas e non queiran ficar na Atención Primaria e que a única solución que teñamos sexa incorporar os xubilados. É unha pena que os nosos mozos, que formamos con dedicación os titores de Medicina de Familia, non consideren atractivo traballar en Atención Primaria porque as condicións xa non económicas senón laborais (axendas interminables, falta de prestixio, falta de proxección profesional...) os fai emigrar.

A Atención Primaria sempre foi a irmá pobre da Sanidade e parece que tivo que chegar unha pandemia para que moita xente se dea conta. É unha mágoa que non sexamos neste senso máis previsores, porque todo isto vén por unha falta de previsión, levamos anos e anos falando do envellecemento dos médicos e da falta de relevo xeracional e non se fixo nada. A planificación sanitaria ten que ser iso: planificación, non ten que ser estar apagando lumes cando xorde un problema. Hai que ter unha maior capacidade de planificación

Como valorades a última decisión de contratar persoal médico sen especialidade para realizar tarefas burocráticas?

"A Atención Primaria sempre foi a irmá pobre da Sanidade e parece que tivo que chegar unha pandemia para que moita xente se dea conta. Todo isto vén por unha falta de previsión, levamos anos falando do envellecemento dos médicos e da falta de relevo xeracional e non se fixo nada"

É un novo exemplo do baixo valor que se concede á Atención Primaria: temos moito traballo, así que imos contratar xente sen especialidade, baixando o nivel de excelencia. Parece absurdo, iso nun hospital non se faría nunca. Se realmente o atasco na Atención Primaria é un atasco burocrático, pois que contraten administrativos, dándolles máis competencias. Se nos poñen un administrativo para cada dous médicos para que se ocupe das tarefas administrativas, pois probablemente resolvan máis e máis barato que contratando médicos sen especialidade para facer baixas. As tarefas burocráticas non as deben facer nin os médicos nin os enfermeiros, os actos administrativos deben ser feitos por administrativos.

Jesús Sueiro, voceiro de AGAMFeC © AGAMFeC

Que medidas se deberían poñer en marcha para solucionar a situación de sobrecarga de traballo, saturación de pacientes e mellorar a atención?

"Se realmente o atasco na Atención Primaria é un atasco burocrático, pois que contraten administrativos"

Nos últimos anos houbo moitas xuntanzas e propostas, e as nosas demandas están aí dende hai moito tempo. O fundamental é tomar en serio a Atención Primaria. Cando un hospital fai unha ampliación da súa carteira de servizos hai detrás un investimento, contratación de profesionais, dotación de recursos... Na Atención Primaria, en cambio, dende hai moitísimos anos todo se fai a custo cero, a forza de sobrecargar os profesionais. Hai que empezar por tomar en serio a mellorar do financiamento da Atención Primaria, que está moi por debaixo dos estándares que recomendan os expertos: o 25% do orzamento en Sanidade tiña que ser para Atención Primaria. 

"Na Atención Primaria dende hai moitísimos anos todo se fai a custo cero, a forza de sobrecargar os profesionais. Hai que empezar por tomar en serio a mellorar do financiamento"

Outra medida importante é incrementar o número de persoal administrativo contratado, porque poden aliviar moita da carga de traballo. Tamén se debe incidir no Traballo Social, para responder os problemas sociais, máis aló dos sanitarios, que cada vez son máis perentorios. Hai que traballar coa comunidade, porque vemos cada día como moita xente recorre a nós con problemas que non son realmente médicos. 

Cómpre incrementar tamén a capacidade resolutiva e as competencias do persoal de enfermería, das matronas, dos fisios... Iso tamén descargaría parte da carga de traballo do persoal médico. Pero para isto necesítase facer moitas máis contratacións en todos os ámbitos, o que pasa pola mellorar do financiamento. Hai que pasar das palabras e dos documentos aos feitos, empezar a facelo xa, porque doutro xeito seguiremos durante anos con estes problemas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.