Entre o 21 e o 24 de decembro o persoal sanitario do Baixo Miño levou a cabo unha folga na Atención Primaria e nos PACs dos concellos da Guarda, O Rosal e Oia. A folga convocada por CIG Saúde buscaba alertar da "situación de sobrecarga e presión" que xa estaba a provocar "demoras na atención de patoloxías graves". Os problemas foran agravándose ao longo da pandemia, pero partían de eivas anteriores, unha situación estrutural que levaba a Álvaro Lamas, médico de Familia do centro de saúde da Guarda, a subliñar: "Non é que teñamos picos de colapso. O colapso é a base e, despois, están os picos de desastre xa absoluto".
As medidas implican o bloqueo de todos os ocos dispoñibles nas axendas do persoal médico e a supresión de toda a actividade programada "que sexa demorable", procedendo mesmo a "descitar" a pacientes
Con esta situación de partida, a aínda maior saturación da Atención Primaria provocada pola actual vaga da pandemia vén de obrigar ao Sergas a decidir a anulación de toda a atención sanitaria non urxente ou relacionada coa COVID en 14 centros de saúde da área de Vigo, aqueles que presentan un déficit de persoal médico de máis do 50%. Trátase das unidades de Primaria do Rosal, A Guarda, Oia, Ponteareas, O Porriño, Tomiño, Cangas (na quenda da tarde) e Moaña (na quenda da tarde). E, na cidade de Vigo, dos centros de saúde de Navia, Nicolás Peña, Beiramar, Casco Vello, Matamá e Teis (na quenda de tarde).
A restrición da actividade dos centros de sáude terá unha duración inicial dunha semana, ata o vindeiro luns 10 de xaneiro, pero podería alongarse no tempo
A restrición da actividade dos centros de sáude terá unha duración inicial dunha semana, ata o vindeiro luns 10 de xaneiro, pero podería alongarse no tempo, en función da evolución sanitaria dos vindeiros días. As medidas adoptadas pola Dirección de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo implican o bloqueo de todos os ocos dispoñibles nas axendas do persoal médico e a supresión de toda a actividade programada "que sexa demorable", procedendo mesmo a "descitar" a aqueles pacientes que xa contaban cunha cita co seu facultativo.
A medida coincide co anuncio do Sergas da incorporación de 86 médicos xubilados para axudar en labores administrativas e de vixilancia na atención primaria. Por áreas sanitarias, 9 son da de Santiago e Barbanza; 13 de de Lugo, A Mariña e Monforte; 14 da de Pontevedra e O Salnés; 20 da de Vigo; 19 da de A Coruña e Cee; 6 da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e 5 da de Ferrol.
A actuación estaría xustificada pola "situación actual de crecemento explosivo do número de contaxios COVID" e en previsión "dun moi probable crecemento e/ou mantemento do mesmo"
Este luns pola tarde todo o persoal médico, de enfermería e persoal administrativo da área sanitaria recibiu un correo electrónico no que a Dirección de Atención Primaria anunciaba a medida, sinalando que a partir dese momento pasaría a traballarase unicamente a demanda, atendendo soamente a consulta urxente e a relacionada coa COVID. A actuación, sinalaba a mensaxe, estaría xustificada pola "situación actual de crecemento explosivo do número de contaxios COVID" e en previsión "dun moi probable crecemento e/ou mantemento do mesmo".
Nun correo electrónico posterior, a Dirección de Atención Primaria especificaba que as instrucións se referían só ás axendas de facultativos, "xa que é a categoría profesional que presenta nestes centros o maior déficit de persoal", engadindo que "o resto de categorías traballará sobre a actividade programada coa normalidade que esta situación permita, que se ira reavaliando de maneira diaria para implantar as medidas correctoras ao noso alcance".
"Parécenos triste tomar agora medidas propias de marzo de 2020. Despois de dous anos de pandemia, con todo o tempo que houbo para destinar recursos e incrementar a dotación orzamentaria da atención primaria"
Álvaro Lamas, médico de Familia do centro de saúde da Guarda e membro do Comité de Folga no paro que tivo lugar hai uns días, manifesta o seu desacordo coa decisión adoptada polo Sergas. "Parécenos triste tomar agora medidas propias de marzo de 2020. Despois de dous anos de pandemia, con todo o tempo que houbo para destinar recursos, incrementar a dotación orzamentaria da atención primaria, mellorar as condicións laborais que se ofertan e, en definitiva, reforzar o sistema", di. Lamas denuncia que "esta medida restrinxe os controis rutineiros e a actividade preventiva da atención primaria" e advirte que no centro de saúde no que traballa "non a imos aplicar, non temos pensado descitar actividade programada para esa semana".
Para Lamas, "esta decisión vén verificar a situación de absoluto desmantelamento da atención primaria e de dificultade extrema para manter unha actividade normal cos recursos que temos". "Cómpre vontade política para repensar completamente a dotación orzamentaria. Din que a medida vai ser temporal, que remata o 10 de xaneiro, pero se non se toman as medidas oportunas e necesarias, verémola máis veces", advirte.
Lamas advirte que no centro de saúde no que traballa "non a imos aplicar, non temos pensado descitar actividade programada para esa semana"
Ademais, fronte á xustificación da medida adoptada na explosión de positivos da actual vaga da pandemia, Lamas explica que esta situación "vénse advertindo dende antes da irrupción do coronavirus, non se debe ás cifras da pandemia". "É evidente que actual vaga que estamos a vivir, con tantos casos declarados, complica o traballo diario na atención primaria, pero o certo é que chove sobre mollado. Levamos moito tempo avisando desta situación e nunca se nos fixo caso", comenta, concluíndo que "os orzamentos de primaria ou mantéñense estáticos ou minguan. Hai unha vontade de desmantelamento clara que queda de manifesto no que está a pasar".
"Xa non había practicamente actividade programada, o único que fai esta medida é recoñecer esa realidade de crise na que se atopa a atención primaria", di o secretario comarcal da CIG Saúde de Vigo, Manuel González Moreira
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, destaca que "a medida pon de manifesto a situación de crise na que está a vivir a atención primaria, especialmente na área sanitaria de Vigo, como xa levamos moito tempo denunciando, con mobilizacións en toda a área nos últimos anos e moi recentemente coa folga convocada no Baixo Miño". Ademais, critica que a medida foi adoptada "sen comunicación previa aos sindicatos, cando menos a CIG-Saúde".
En calquera caso, González Moreira sinala a medida "non vai modificar demasiado a realidade que se vive nos centros de saúde". "Din que se suspende a actividade programada, cando na práctica na inmensa maioría dos centros xa non se estaban a levar a cabo a actividade programada, porque a realidade é que xa se estaba atendendo 'a demanda' e centrándose unicamente no COVID e nas urxencias". "A razón é que o persoal xa non daba para máis, por moito que cada traballador tivese axendas de 50 ou 60 pacientes diarios", engade.
"Non se tomaron medidas e a pandemia o que fixo foi agravar a situación aínda máis, complicando a posibilidade de atender cun mínimo de dignidade aos pacientes que acoden aos centros de saúde"
González Moreira recoñece o efecto causado pola pandemia nos últimos meses e, máis aínda, nas últimas semanas, xa que a actual vaga "cun número de casos tan elevados fixo imposible o control dos pacientes". Porén, destaca que "os problemas veñen de moito antes" e que "a Atención Primaria leva moito tempo nunha situación de crise". "Antes da pandemia xa había na área sanitaria de Vigo dimisións de xefes de servizo, manifestacións, folgas... Nese momento estábase reclamando que se tomaran medidas urxentes para garantir a asistencia sanitaria de calidade. Non se tomaron esas medidas e a pandemia o que fixo foi agravar a situación aínda máis, complicando a posibilidade de atender cun mínimo de dignidade aos pacientes que acoden aos centros de saúde", di.
O representante de CIG-Saúde critica que o seguimento dos pacientes COVID "descargouse por completo sobre o persoal da Atención Primaria". "É algo que non se trasladou á opinión pública, porque a sensación é que a atención primaria estaba pechada e non se estaba facendo nada, cando na realidade estaba facendo o seguimento diagnóstico e o control dos pacientes COVID nos domicilios", engade.
Gonzalo Caballero denunciou os “recortes da Xunta do PP” durante os últimos 12 anos, unha política que “descoidou ao persoal sanitario e descapitalizou a sanidade pública galega”
A medida adoptada polo Sergas recibiu tamén críticas por parte das forzas da oposición. O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou os “recortes da Xunta do PP” durante os últimos 12 anos, unha política que “descoidou ao persoal sanitario e descapitalizou a sanidade pública galega”. Para Caballero, isto “é unha alerta do que pode ocorrer no futuro, noutros momentos e noutros lugares de Galicia, se non cambiamos as políticas sanitarias do PP que son lesivas para a Atención Primaria e para a sanidade pública
galega”.
“Coa Atención Primaria saturada e co persoal sanitario desbordado, é máis necesario que nunca fortalecer a sanidade pública galega, polo que a Xunta debe reforzar o persoal contratado para poder ofrecer un servizo de calidade a pleno rendemento cando máis se necesita”, engadiu.